Navalladas no rap galego con Alexandre Bóveda de fondo: Boyanka Kostova versus SonDaRúa

Hugo Guezeta, ex do trío de Ponteareas, replica o 'beef' que lles lanzara o dúo de Santiago

Á esquerda, Hugo Guezeta, e á dereita os Boyanka Kostova

Á esquerda, Hugo Guezeta, e á dereita os Boyanka Kostova / Rafa Vázquez

Os coitelos voan estes días de ida e volta entre Santiago de Compostela e Ponteareas. E é que Boyanka Kostova e os xa retirados SonDaRúa están a dirimir as súas diferentes formas de entender a música a base de navalladas —líricas—. Dous dos máximos exponentes do hip-hop (e derivados) de Galicia, enleados nunha batalla que ten ao político e intelectual galeguista Alexandre Bóveda como convidado inesperado.

Foi o dúo santiagués o que tirou o primeiro beef ao grupo ponteaerán, xusto despois de dar estes o seu concerto de despedida. Na súa conta de Instagram, os Boyanka Kostova lanzaron o tema 'Infeliche', unha enmenda á totalidade ao proxecto de SonDaRúa. Unhas semanas despois, Hugo Guezeta, un dos membros do trío, responde en primeira persoa con 'A derradeira lección do mestre', o mesmo título que Castelao lle puxo a súa famosa obra en memoria de Bóveda.

O pano de fondo da polémica ten dúas caras: a estilística e a ideolóxica. En canto á forma, SonDaRúa parten dun hip-hop de corte clásico, mentres que Boyanka Kostova, considerados os pioneiros do trap en galego, apostan por un achegamento á electrónica e ás novas músicas urbanas. De aí que os de Santiago digan que o estilo dos de Ponteareas "xa fede", e que Hugo Guezeta replique que, en realidade, o que fan Cibran e Chicho xa o fixo antes Malandrómeda.

Chikos del Maíz e C. Tangana

Os dardos do ex-SonDaRúa van, sobre todo, contra Chicho, tamén coñecido como Ortiga. Este afirmara nunha entrevista que non lle gustan os grupos galegos que imitan a outras bandas de fóra, coma os madrileños Los Chikos del Maíz. Unha alusión clara aos de Ponteareas que Hugo Guezeta lle devolve: "Que somos "Chicos del Maíz" galegos? / Pero ti non es C. Tangana por moito que teñas o seu ego!".

En canto ao ideolóxico, a cuestión é se a música en galego ten que ter un compromiso —coa lingua, co país, de clase—, o que defende SonDaRúa, ou debe liberarse de ataduras e optar por mensaxes afastados do coordenadas doutrinarias, como teñen feito Boyanka Kostova ao longo da súa carreira.

"Entro en cólera, no próximo concerto que me falen de Bóveda", canta Cibrán, en alusión ao galeguista asasinado polos franquistas, icona do nacionalismo de esquerdas. "Lavades esa boca de cipaios antes de falar de Bóveda", responde Hugo Guezeta. Quen lle ía dicir que case 90 anos despois do seu fusilamento, o intelectual galeguista estaría protagonizando unha liorta nun xénero musical ao que lle faltaban décadas por crearse.