IGMIG lanzan dende o HALO a «Revolución» máis tola tras sete anos de silencio
Os vigueses volven con disco novo e o mesmo espírito subversivo: «Escoitarédenos en estado puro, completamente entregados á liberdade creativa»
Chegaron, encheron e calaron. Tras uns inicios nebulosos como dúo a principios de século, o daquela trío IGMIG axitou o panorama galego aló polo ano 2014 co disco Shaishakarraskaishe, cunha proposta moi arriscada, que mesturaba espírito iconoclasta e virtuosismo musical. No seu segundo traballo, de 2017, estaba 'ostiá!', que, impulsada por un vídeo hilarante, colleitou miles de reproduccións nas plataformas. Mentres tanto, deron moitos bolos nos que despregaron as súas artes para divertir ao respectable. E logo, o silencio.
Cara finais do 2018, no que gañaron o Premio Martín Codax na categoría de rock, anunciaron: «IGMIG van estar encerrados unha boa temporada nas súas gaiolas creativas intentando compoñer unha nova visión do mundo que vos dea un bo ostiazo (sic) no peito». O peche foi longo; non foi até hai unha semana que publicaron esa «nova visión», baixo o título de Revolución (Galunk Producións).
O disco, de nove temas, contén todos os ingredientes que caben na súa fondísima pota sonora: rock progresivo, charangas, metal, funk, electrónica, blues, música contemporánea, marchas militares, surf. A listaxe non é exhaustiva e eses estilos poden combinarse de varias formas na mesma canción. «Escoitaredes os IGMIG en estado puro, completamente entregados á liberdade creativa, sen ataduras comerciais nen estilísticas de ningún tipo», explican eles mesmos.
Costumismo do absurdo
Abre o traballo un 'Himno' solemne e canónico na música e cunha letra na que expresan a carencia de ansia e de ganas de traballar: «Éche o que hai». En 'Australia' tiran de costumismo do absurdo para cantaren as bondades da sinatura dixital.
'Revolución', canción que dá título ao disco e que conta cun riff que firmaría Tom Morello, funcionou como segundo sinxelo. Vén acompañada por un vídeo que podería ser o primeiro en utilizar o HALO como escenario. Antes, sacaron de adianto 'Boneca Rabuda', coa colaboración de Menina Arroutada e Queen Rendi e con outro clip para non deixar indiferente a ninguén. Entre o seu silencio e a separación de Es Un Árbol, a escena viguesa —e se cadra a galega— ficara orfa deste tipo de propostas.
O disco, que non terá edición física, foi cociñado durante seis meses de traballo de estudio e contou con Paulo Silva (bateria e percusións) e Rubén Petete (teclados, trompeta, trompa e voz), ademais dos dous membros fundadores e inamovibles, Mig Seoane (guitarra, voz) e Nacho Muñoz (electrónica, voz).
Para o directo, en cambio, irán en formato trío e cunha fichaxe estrela: o baterista radicado en Santiago LAR Legido. O percusionista tivo unha recente aproximación á escena viguesa coa súa participación no novo formato ao vivo de Su Garrido Pombo. A primeira data para comprobar como funciona o experimento será o 1 de febreiro en Cambados. Todo será posible, o único descartado é o aburrimento.
- Rueda, sobre la manifestación de hoy en Vigo en defensa de la Sanidade Pública: «Van por otro lado de lo que siente la mayoría»
- Muere abrasado por las llamas en el interior su vehículo en Redondela
- Una prórroga al sistema y a Televisión Española
- Vuelve a cambiar el precio de la bombona: esto es lo que costará a partir del martes
- El Celta lleva al límite al Madrid, pero contra 12 no puede
- Última llamada de auxilio de la protectora: «Los perros no salen a pasear desde octubre»
- Una mujer divorciada recurre al Constitucional para evitar que ella y su hijo sean desahuciados
- Fallece en plena calle de un infarto en Oviedo después de que la ambulancia que iba a socorrerle se accidentase