Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Festivais

O Sinsal chega este verán a San Simón, Vigo e o Camiño luso

Redacción

Vigo

A edición de 2026 de Sinsal SON Estrella Galicia será moito máis que un festival: será unha travesía. O icónico evento cultural, famoso polo seu cartel secreto, ampliará a súa actividade e, por vez primeira na súa historia, celebrarase ao longo de dúas fins de semana consecutivas, conectando o corazón da Ría de Vigo con outros territorios e espazos singulares da contorna.

O Sinsal, a cita na que o público só descobre a programación de bandas e artistas ao desembarcar en San Simón, regresará á illa do 24 ao 26 de xullo. Este enclave, no que se desenvolve desde 2010, é un piar fundamental da súa identidade. Ao longo destas 15 edicións, máis de 30.000 persoas chegadas de todo o mundo puideron achegarse, a través do evento, á memoria do arquipélago. A esencia do Sinsal radica en que, alén de ser unha xanela á creación contemporánea e da memoria sonora, funciona como un espazo de divulgación e posta en valor do patrimonio histórico, cultural e natural dunha illa que foi fonte de inspiración de trobadores, lazareto e campo de concentración.

Neste 2026, o Sinsal expandirá a súa acción pola ría de Vigo e outros territorios ata superar as fronteiras xeográficas. A travesía levará o festival a transitar polo Camiño luso, reforzando o vínculo co país veciño que o evento cultiva desde os seus inicios —tanto pola incorporación de bandas como pola notable porcentaxe de público portugués que asiste a cada edición—

Deste xeito, Sinsal contará con directos e propostas culturais tanto na cidade viguesa como noutras localidades da contorna. Aínda que algunhas actividades terán lugar na mañá do venres 24, o groso desta programación decorrerá do 31 de xullo ao 2 de agosto.

Recoñecido neste mesmo ano como unha das mellores iniciativas culturais a nivel estatal pola Fundación Contemporánea, o Sinsal volverá ofrecer unha coidada e exquisita programación.

Tracking Pixel Contents