Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Película

O documental «A rebelión da lectura» chega aos Multicines Norte

Fotograma do documental.

Fotograma do documental.

redacción

Vigo

Os Multicines Norte acollen hoxe en Vigo a partir das 17.30 horas a primeira proxección na cidade do documental «A rebelión da lectura». Trátase dunha longametraxe que percorre os vinte anos de traxectoria da asociación Espazo Lectura, referente indiscutible na promoción social do libro e da lectura en Galicia, que recentemente foi recoñecida co Premio Liber de fomento da lectura.

As entradas poden adquirirse na web dos Multicines ou na propia taquilla do cinema. Tras a proxección celebrarase un coloquio coas directoras.

O documental –que conta co apoio do Concello de Gondomar e da Secretaría Xeral de Política Lingüística– fíxase no impacto humano e social da lectura. Mergúllase no nacemento, traxectoria e espírito da que hoxe é unha das iniciativas cidadás máis singulares do panorama cultural galego.

A película reconstrúe, a través de testemuños e imaxes inéditas, como un pequeno grupo de persoas voluntarias creou un ecosistema lector.

O filme foi realizado por un equipo de mulleres. As directoras do documental son Alma Alonso –co-dirixiu para Prime Video Señora, por favor (2023), a primeira produción orixinal en galego da plataforma– e Asun G. Losada, pertencentes a unha nova xeración de cineastas galegas.

Tracking Pixel Contents