Máis de 30 artistas no Encordass Fiddle Fest

Será na Illa de San Simón pero hoxe arranca en Vigo co grego Kanellos | Antía Ameixeiras e Constantinople, no programa, ata o domingo

O dúo Darach está formado por Roo Geddes e Hugo Franco. |  E.F.

O dúo Darach está formado por Roo Geddes e Hugo Franco. | E.F.

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

A illa galega de San Simón e a grega de Makronisos están unidas por un fío de terror e polas súas guerras civís. As dúas foron campo de concentración de persoas que non pensaban como os seus gobernos. No caso do emprazamento grego, os detidos nos anos 40 eran torturados e sometidos para forzalos a renunciar ás súas crenzas e transformalos en axentes da represión. Sobre ambas dúas historias falarán hoxe o grego Christos Kanellos máis Antonio Caeiro e Andy Fernández na apertura do festival Encordass Fiddle Fest, dedicado ao violín.

O coloquio está previsto para as 12.00 horas na ETrad, Universidade Popular se ben o groso do programa vaino acoller a Illa de San Simón. Ademais da charla de hoxe, o festival ofrecerá na cidade olívica esta tarde, no Museo do Mar de Galicia, o concerto inaugural a cargo de Christos Kanellos ás 19.00 horas. Este é un músico, musicólogo, profesor e luthier así como experto en canto bizantino que imparte aulas na Escuela de Música Modal de Granada e no Centro Internacional de Música Medieval (CIMMedieval). Estará acompañado polos galegos Darach e pola Galicia Fiddle Orchestra.

Dende mañá as actividades –haberá para os nenos disfraces gregos, obradoiro de escaiola, xogos olímpicos, miniviolíns e cata de refrescos– pasarán a ser na Illa de San Simón con obradoiros de danza, luthería, charlas e concertos como o de Antía Ameixeiras ou Constantinople (grupo canadian-iraní) o domingo. A información detallada de actos e traslados á illa, na web encordassfiddlefest.gal.

Tracking Pixel Contents