Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O dúo Caamaño & Ameixeiras rende tributo no novo disco aos ritos populares galegos

Presenta en Vigo “Quitar o aire”, unha das xoias musicais do ano na que recordan a procesión de Ribarteme | A cita é hoxe no Auditorio Municipal

Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño son Caamaño & Ameixeiras. |  / / RASO

Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño son Caamaño & Ameixeiras. | / / RASO / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

VIGO

Unha das xoias musicais galegas deste ano 2023 leva o nome Quitar o aire e vén asinada polo dúo Caamaño & Ameixeiras. Dende a Costa da Morte, as dúas mozas renden tributo neste seu último disco aos ritos do país e, para logralo, botan man do acordeón, violín e percusión tradicional. A diferencia do seu primeiro disco, este segundo álbum dá máis protagonismo ás voces e investiga nas novas sonoridades dos instrumentos pero sen caer nos artificios dixitais. Hoxe mércores, a partir das oito da tarde, temos unha cita con elas no Auditorio Municipal de Vigo –entrada libre ata encher o aforo– dentro do programa do Concello de Vigo cos actos polo 25-N, o día contra a violencia machista. O xoves tocarán en Madrid e o sábado 25 na Coruña.

“Na Costa da Morte é moi típico o de quitar o aire”, explica a acordeonista Sabela Caamaño. “Fai referencia ao aire de defuntos. É un mal que sae dun corpo morto e que se mete no dun vivo ao que deixa sen ganas de comer, sen vida”. Engade que se focalizaron nel –dá o título a unha canción e ao disco novo– porque as súas familias están familiarizadas con el. O rito, con diferentes variantes, ten presente o fume purificador do loureiro, varias gotas de cera de velas e salmos.

Non é o único ao que cantan no disco. Tamén lle renden tributo á procesión de cadaleitos de Santa Marta de Ribarteme (As Neves, Pontevedra) e a romaxe das mortallas con xente viva nos ataúdes no tema “Mortalla de morte e vida” na que repiten un mantra inventado por elas.

“Cada canción vai sobre un rito popular galego”, engade Antía Ameixeiras e nesa confección lograron a asesoría do antropólogo Rafa Quintilla. “Nós sempre traballamos coa música tradicional e o mundo dos ritos galegos está vinculado a ela e pouco investigado. Nós empezamos a facer unha investigación e atrapounos: desde filtros de amor, exorcismos, sensualidade, ritos para esperar... É un mundo moi atractivo e quixemos facer case un tratado”, sinala a artista, encargada do violín e voz.

Sobre o maior protagonismo da voz, Antía sinala que “foi algo casual. Saíu máis cantado. A voz é un instrumento máis”. En canto ao emprego do violín e o acordeón para sons de percusión (con golpes contra a caixa de madeira ou toques de corda, por exemplo) que parecen dixitais sinala Sabela que “queriamos darlle un enfoque máis experimental a este disco pero manter o acústico, o analóxico. Queriamos darlle unha volta á nosa sonoridade. Buscamos novos sons para que non pareza un violín ou un acordeón”. Ademais deles, a percusión tamén vén coas pandeiretas, cítara e palmas.

Letras de coplas populares

“A maioría das letras son tradicionais. Outras son nosas pero baseándonos no fraseo tradicional. Tamén hai dúas cancións nas que os textos son da poeta e improvisadora viguesa Alba María. Traballar con ela foi marabilloso; entendeu a colectividade, compartindo e fixémolo nos bares de Compostela”, sinala Antía Ameixeiras. “Fixemos –apunta Sabela Caamaño– unha investigación de coplas populares para a articulación das mesmas e así obedeceren ao noso discurso”. Unha das letras que bebe do repertorio popular é “Ai de min”, un tema de loito con rituais para superación da morte e con cita a Novoneyra. “É un tema para sanar.Agora estamos máis sós para afrontar a morte que é como un tabú”, sinalan as artistas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents