The Skarnivals: son renovado e letras sociais

A banda morracense abre xira o 4 de febreiro no Aturuxo de Bueu e promete tocar en Vigo tralo verán para presentar o seu novo disco

The Skarnivals, ao completo.

The Skarnivals, ao completo. / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

O ska de The Skarnivals regresou e fíxoo con novo disco, “Latexos”, pero tamén co inicio dunha xira que comezará pola súa casa, Bueu, concretamente no Aturuxo; para seguir o 11 de febreiro pola Filomatic de A Coruña, a Auriense da cidade das Burgas o 25 de marzo e a Moon de Compostela o 20 de maio. Os fans vigueses e da contorna que non se podan achegar ao Morrazo a vindeira semana, calma!, a previsión do grupo é tocar na cidade olívica tralo verán.

Mentres, toca ir coñecendo os novos temas xa que había sete anos que non sacaban material novo. “Realmente estivemos tres-catro anos de parón, atados un pouco pola COVID. Un pouco antes de que empezara a pandemia –lembra Kome– comezamos a gravación do disco que tivemos que parar”.

En canto ao título do álbum, “Latexos”, explica que “é unha alegoría. Durante todo este tempo foron momentos moi complicados. Cada un dos temas era como un latexo que nos permitía seguir con vida, coas enerxías cargadas. Acabamos recompilando nove latexos, un corazón” que entenden como “unha nova etapa”.

Sobre esta nova fase, aclara que de momento os compoñentes son os mesmos que no pasado pero que o son foi “renovado” para un disco producido por Javier Abreu.

A apertura do disco perténcelle ao tema “Latexo”, nunha colaboración co MC García. Kome recoñece que este último “é un grande do rap galego e da escena. Admirámolo. Ese intercambio musical é enriquecedor e foi unha colaboración superdivertida. O tema fala da música como nexo da unión, como fío condutor nos festivais onde traballadores da instalación e doutros servizos máis as bandas son todo un”.

Hai tamén no álbum outra colaboración especial con Boikot, un grupo do que The Skarnivals era fan dende mozos. Pode escoitarse o resultado en “Volveríame a erguer”. A canción presenta “unha carta que deixa un preso republicano que escribe á súa familia antes de ser executado; fala dese sentimento revolucionario”, detalla Kome.

Este engade que “a música para nós é unha forma de comunicación” que lles serve para “reivindicar en xeral, falar das nosas raíces, o noso mar, a nosa terra, a nosa xente”.

E dentro das reivindicacións inclúese en “Anhelos no ar” unha reflexión musical sobre a doenza do alzhéimer. “Tristemente –recoñece o voceiro do grupo– todos temos persoas preto de nós con azlheimer, parkinson ou algunha demencia. Son enfermidades que chegan no fin da vida. Con elas, parece que nos esquecemos das persoas que foron” eses pacientes no pasado.

“Parecen unha carga pero non é así, nós debémoslles mogolón. Nós non queriamos esquecer iso”, conclúe.