A Festa do Mar de Poio, organizada pola Concellería de Festexos, desenvólvese do 23 ao 28 de agosto e contará con actuacións en Raxó, Samieira e Combarro, a cargo de grupos como Dr. Queen e Euro Abba, ademais do espectáculo Concert Kids Gisela e as orquestras Combo Dominicano e Olympus.

Actuacions na edicion de 2021 FDV

O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez (BNG), foi o encargado de presentar a programación correspondente á Festa do Mar o pasado día 11, un certame que este ano chega aos 21 anos de existencia. Máis de dúas décadas que fan deste evento un dos máis importantes dentro do programa Verán en Poio, impulsado por este departamento municipal. Martínez Blanco estivo acompañado por representantes da Asociación Armadiña e do Clube A Reiboa, que desenvolven “un papel fundamental e moi importante” no desenvolvemento de dúas citas de referencia dentro da propia festa, como son o Armadiña Rock e o Encontro de Embarcacións Tradicionais.

Embarcaciones tradicionais. FDV

Música e tradición mariñeira

Ademais de en Combarro, onde se desenvolverá a meirande parte das actividades, tamén se inclúen actuacións musicais espalladas por diferentes puntos do municipio. Nesta edición, a música e a tradición mariñeira coparán todo o protagonismo da Festa do Mar, que non contará con carpa gastronómica en Combarro. O concelleiro de Festexos explicou que esta decisión adoptouse debido á falta de espazo no peirao da Canteira, por mor da realización das obras do emisario submarino que está a efectuar a Xunta de Galicia. “Ao pechar o recinto portuario non dispoñemos dunha zona na que poder emprazar a carpa”, apuntou Xosé Luís Martínez.

Doctor Queen, entre as actuacións programadas. FDV

Mércores 24

A Festa do Mar contará neste 2022 con orquestras e grupos de gran nivel. Así, ademais da actuación do Combo Dominicano, tamén chegará a Poio a Orquestra Olympus. A cita será en Raxó o mércores 24, ás 22.00 horas.

Xoves 25

O xoves 25, esta parroquia acollerá, á mesma hora, un concerto a cargo de Dr. Queen, unha das bandas tributo máis importantes a nivel mundial.

Domingo 28

Os concertos musicais pecharanse o domingo 28 na Praza da Chousa de Combarro, cun espectáculo a cargo de Concert Kids Gisela, ás 20.00 horas, que “é unha cita ideal para ser gozada en familia e, especialmente, entre as crianzas”, indicou o titular de Festexos. Euro ABBA porá o broche final ás 22.00 horas. A entrada será gratuita en todas as iniciativas.

Encontro de Embarcacións Tradicionais chegará entre o venres 26 e o domingo 28. FDV

Encontro de Embarcacións Tradicionais

Ademais, a programación tamén inclúe o Armadiña Rock, que, como manda a tradición, levarase a cabo na Praza da Chousa os días 26 e 27 de agosto. Nesa fin de semana, entre o venres 26 e o domingo 28, chegará tamén o Encontro de Embarcacións Tradicionais. Logo da recepción e cea de benvida da primeira xornada, o sábado 27 iniciarase a regata da Reiboa, puntuable para a Copa Mörling. Pola tarde, será a regata pamplina a remo e a correspondente a vela. A entrega de trofeos terá lugar ás 21.00 horas. O domingo, antes da despedida oficial aos participantes, tamén haberá tempo para a navegación libre pola ría. Como principal novidade, Martínez sinalou que este ano as embarcacións disporán de fondeos no peirao da Chousa, que se suman aos amarres que usan habitualmente no pantalán, o que “sen dúbida ofrecerá unha fermosa estampa da contorna durante ese días, resaltando o espírito e a historia de tradición mariñeira coa que conta Combarro”.

Por último, e de cara a futuras edicións, o concelleiro de Festexos adiantou que “estamos estudando fórmulas para dar un novo encaixe a eventos como a Festa do Mar ou o Festival Sons de Ánkar”, que pasarían, por exemplo, polo cambio de datas, para “favorecer a desestacionalización”.

Programa completo: