Vigo volverá a acoller este ano o Festival Internacional de Videopoesía Marxe, que acadará a súa segunda edición o vindeiro mes de novembro. Esta iniciativa, que chega da man do Colectivo Límites (Corpo Colectivo Transfronterizo) e a Editora Urutau, co apoio da Deputación de Pontevedra, congregará na cidade olívica a artistas da poesía e do audiovisual de diversas partes do mundo ao longo de dúas xornadas.

Nesta ocasión, o festival terá lugar os días 10 de novembro en Vila Nova de Famalicão, en Portugal, dentro da programación do Festival de ARTES BINNAR, e o 19 de novembro en Vigo. Nas ditas xornadas, o público poderá gozar daqueles traballos seleccionados entre as propostas recibidas no prazo de inscrición, que arestora fica aberto e que non se pechará até o vindeiro 15 de outubro.

Fieis aos valores da organización, este festival aposta pola diversidade e a pluralidade estéticas e o afastamento dos convencionalismos coa intención de servir de altofalante de voces tantas veces silenciadas, de levar á gran pantalla o, tantas veces, invisibilizado. Dende a organización destacaron que MARXE "dá boa conta de que aí, onde o ruído non nos deixa ouvir, aí onde non adoitamos poñer a mirada, podemos atopar mileiros de posibilidades de resistencia contra a represión".

As creadoras interesadas poderán atopar as bases para a correcta participación no certame MARXE na páxina web www.marxe.org e dende alí acceder á plataforma online FilmFreeway, a través da cal se realizará a inscrición e o envío de propostas.

Dentro do festival establéncense dous premios de 500 euros cada un. Así, o Premio Marxe correrá a cargo do público que asista ao festival e, ademais, se outorgará o Premio Límites, correspondente á organización que designará a un xurado composto por integrantes do Colectivo Límites.