Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte en pedra

O Parque Compostela Rupestre, formado polos concellos de Ames, Brión, Santiago, Teo e Val do Dubra, impulsa a divulgación do patrimonio prehistórico da comarca

Pormenor do Outeiro do Corno, en Teo. / turismo.dacoruna.gal

No territorio do val do Ulla e da Maía, dentro dos termos municipais de Ames, Brión, Santiago, Teo e Val do Dubra, hai catalogados ao redor de 120 petróglifos cunha gran variedade de formas, desde animais e armas a labirintos e cruceiros. Un legado artístico e histórico de máis de 4000 anos que é necesario preservar e dar a coñecer. Este é o fin do Parque Compostela Rupestre promovido pola Deputación da Coruña de forma coordinada cos concellos da comarca.

"O proxecto ten como obxectivo, entre outros, diversificar a oferta turística por medio do importante tesouro patrimonial rupestre deste territorio e achegar á veciñanza este legado de especial interese. Difundir, protexer e poñer en valor os petróglifos dos cinco concellos e outros elementos de gran valor é o fin desta iniciativa que ten por diante uns anos fundamentais para a súa consolidación e deseño de futuro", sinalaba o vicepresidente e responsábel das áreas de Patrimonio e Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, nunha das últimas xuntanzas do novo Consello Director de Compostela Rupestre. Regueira valoraba tamén o compromiso e o traballo colaborativo dos cinco concellos implicados no proxecto para o que a Deputación coruñesa destina 500.000 euros.

A páxina compostelarupestre.gal supón unha das principais ferramentas de difusión do parque e ofrece abundante información e imaxes sobre o conxunto arqueolóxico, descrición pormenorizada dos gravados e roteiros para coñecer o patrimonio rupestre do territorio. A web, xa operativa, inclúe máis de duascentas fotos e referencias históricas e prácticas do conxunto patrimonial dos cinco concellos.

O proxecto, constituído como Comunidade Intermunicipal, forma parte do itinerario da Deputación coruñesa e súmase ao plan do primeiro xeoparque en Ortegal e ao Parque do Megalitismo da Costa da Morte. Neste caso trátase de conservar e promover o rico patrimonio rupestre da comarca, unha das máis abundantes de Galicia neste legado prehistórico.

Así, algúns dos moitos petróglifos que se poden coñecer son o da Peneda Negra, no Concello de Ames, un dous máis senlleiros do territorio Compostela Rupestre, tanto polas grandes dimensións da rocha como pola cantidade e dispersión dos motivos. Trátase ademais dunha das primeiras estacións descubertas na zona, a comezos do século XX. Hai máis, como o do Castriño de Conxo, o petróglifo de armas máis coñecido de Galicia, o primeiro do seu tipo en ser descuberto no noroeste e un dous máis estudados polos investigadores.

Compartir el artículo

stats