Saborear Galicia. Baixo esta promesa ábrese unha nova edición da feira do gourmet galego Etiqueta Negra, que os días 9, 10 e 11 de novembro se celebra no Recinto Feiral de Pontevedra. Máis dun centenar de produtores, escollidos pola singularidade e calidade dos seus produtos; profesionais da alimentación, a restauración e a distribución; e consumidores que valoran o que comen terán a oportunidade de coñecer as tendencias do sector, establecer novos contactos e difundir a excelencia dos produtos galegos.

Viños, licores, vermús, cervexas cafés, infusións, marmeladas, galletas, doces, xeados, castañas, produtos de quinta gama, aceites, queixos, patés, carnes, angulas, caracois, embutidos, xamóns, conservas, legumes, salsas e aderezos, pans e empanadas son só algunhas das delicias das que se poderá gozar no evento impulsado pola concellaría de Promoción Económica de Pontevedra, que dirixe Yoya Blanco.

Moitos dos produtos poderán degustarse na Zona de Catas e na Viñoteca. Ademais, a Tetería da Deputación de Pontevedra volverá para dar a coñecer o té galego, feito con camelias da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. A participación nestas degustacións é gratuíta pero require inscrición previa en cada un dos espazos, xa que as prazas son limitadas.

Showcookings

O programa de actividades no Anfiteatro Estrella Galicia inclúe interesantes showcookings con recoñecidos profesionais da cociña como a nova promesa galega Lara del Río con Mel de Galicia, o mestre panadeiro Dani Pampín ou os chefs José Manuel Mallón, con Grelos de Galicia, Pepe Solla e Iñaki Bretal.

Tamén pasarán por Etiqueta Negra Rubén González, gañador do concurso Pontedetapas 2018; o matrimonio leonés formado por Yolanda León e Juanjo López; e Iván Domínguez e a súa vocacional #militanciaatlántica que orienta a súa cociña.

Un paseo gastronómico virtual por Pontevedra da man do CIFP Carlos Oroza, un obradoiro de maridaxe a cargo de Estrella Galicia, patrocinador principal do evento, e as demostracións de Manu Núñez e dos curmáns Julio Sotomayor e Daniel Guzmán completan a programación de showcookings, que nos horarios de 18.30 e 20.00 horas serán interpretados en lingua de signos pola Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia, Xoga.

Espazo etiqueta

Nesta edición, o Espazo Etiqueta volverá acoller actividades de formación e presentacións destacadas de produtos, desta vez a cargo da profesora Lili Wo; a blogueira Lady Compostela; o chef Miguel Mosteiro (Gastrolab Arousa) e o mestre panadeiro Dani Pampín. A participación nestes obradoiros ten un prezo de 12 euros e require inscrición e pago previos en etiquetanegragourmet.com.

Estrella Galicia desenvolverá o luns pola mañá tres catas comentadas para profesionais do sector, para as que haberá que realizar inscrición previa no Espazo Etiqueta cun límite de 24 persoas.; e a Confederación de Empresarios de Pontevedra realizará senllos obradoiros sobre etiquetado e sobre os beneficios da dieta atlántica co chef Gerson Iglesias, tamén de balde e con inscrición previa.

Paralelamente ás actividades programadas, desenvolveranse no Punto de Encontro Profesional numerosas reunións dos expositores con exportadores, distribuidores, tendas gourmet, restauradores, etc. como apoio ao acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios.

Etiqueta Negra conta por primeira vez co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais de Cabreiroá, como auga oficial, Deputación de Pontevedra, Eroski, Mel de Galicia e a Mancomunidade do Salnés. Así mesmo, colaboran nesta cuarta edición Tawi, Gadis, CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Froiz e Kitchen in.

A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido, de 11.00 a 21.00 horas, agás o luns que pechará ás 20.00 horas. Para aquelas persoas que desexen pasar todo o día descubrindo sabores, exquisiteces e rarezas, haberá unha zona de comida e foodtrucks con interesantes propostas sobre rodas. A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 8 euros.