Fantasía, maxia, cor, sorpresa€ Todo iso e moito máis espera ao público en Pontevedra os días 31 de xullo e 1 e 2 de agosto porque regresa Itineranta coas súas moitas propostas (zancos, malabares, teatro, cabaret, batukada, performance, música en directo, lume, pirotecnia €) e para a celebración do único festival do país dedicado a espectáculos itinerantes de rúa. O certame enche os espazos urbanos de alegría e animación nunha edición moi especial, a do décimo aniversario. O Concello de Pontevedra en colaboración con Troula Animación prometen un evento espectacular.

O aniversario preséntase cun toque moito máis innovador, provocador e rueiro. Nesta edición de 2019 repítese o formato de tres noites con itinerarios alternativos para 11 formacións chegadas de diferentes puntos que darán comezo ás 19.45. Un clásico no calendario festivo pontevedrés ao que cada ano acoden máis visitantes.

Itineranta comeza o mércores 31 de xullo ás 20.00 horas co espectáculo "Rum Rum€ Trasto Karts" da compañía Xip Xap (Lleida), que propón unha carreira de coches na que todo pode ocorrer. Sen que falte un condutor malvado poñendo trampas e o enxeño dun científico que sabe atopar solución aos enganos. Ás 21.00, Tutatis presenta a súa visión persoal dunha celebración tradicional menorquina. "Caballos de Menorca" recrea a animalidade primitiva do cabalo e recupera o peso da tradición nunha representación contemporánea.

Ás 22.00 Efimer sae de festa coa Morte con "The dance of the death". Un esqueleto de seis metros de alto, feito de fíos e sostido por un guindastre eléctrico, cobra vida e ritmo para deleite do público, que non pode resistirse a bailar con el.

O xoves 1 de agosto Todozancos trae "Bangaluru Cercavila", unha creación teatral que representa o festival de cores de Punjab, celebración da primavera hindú, nunha auténtica festa de sensacións na que hai danzas, acrobacias en zancos, fume de cores, proezas e moitas sorpresas. A representación comeza ás 19.45. Ás 20.30 os burgaleses Tiritirantes chegan con "Ulterior, el viaje", un pasarrúas espectacular no que seis personaxes divertidos percorren a cidade cunha familia de criaturas fascinantes de ata cinco metros de altura, os dragosaurios, que asombran coas súas habilidades.

As intensas sesións do reputado festival Itineranta seguen ás 21.15. É o turno de Discípulos de Morales (Castellón) con "Pákostein", froito das mentes enfermas de catro doutores que querían xogar a ser deuses e fóiselles a man. O resultado é un monstro pouco agraciado que mide 4,50 metros de altura e é manexado polos seus catro pais. Máis tarde (22.15 horas) os zaragozáns K de Calle percorren a cidade con "The Recyklantex", un espectáculo de gran formato no que personaxes do futuro terrestre (os reciclantes) pasan por rúas e prazas acompañados do seu Gran Dragón Mutante. Sorprendente e visual, eses seres van interactuando co público e, sobre todo, iluminando e "purificando" as rúas cos seus elementos pirotécnicos.

A seguinte xornada, 2 de agosto, La Baldufa propón unha viaxe sen precedentes que traslada ao público ao mundo do soño e da imaxinación con "Zeppelin" a partir das 19.45 horas. Marcello, o Inventor mecánico, e Ursus, o valente Piloto acróbata, realizan un voo de exhibición no que os asistentes participan.

Ás 20.45 os colombianos Palo Q'sea chegan con "Rompe Candela", un pasarrúas no que música, teatro e pirotecnia confabúlanse para explicar lendas e mitos. Despois (21.45 h.) os vallisoletanos Kull D' Sac continúan dinamizando Itineranta co seu espectáculo "Ragnarok", unha colorista proposta de lume e efectos pirotécnicos ao ritmo de baile sobre zancos.

A traca final pona ás 22.45 a compañía bilbaína Deabru Beltzak con "Symfeuny", que incendiará a rúa cos seus tambores, o seu ritmo e o seu espectáculo de lume. O 2 de agosto remata Itineranta, pero proseguen as Festas de Verán do Concello pontevedrés cun intenso programa diario ata setembro.