Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pontevedra vístese de festa ata setembro

O Festival de Jazz e Blues, Itineranta, as celebracións da Peregrina ou a Feira Franca, entre as moitas propostas dun programa para todas as idades que anima rúas e prazas

Pontevedra vístese de festa ata setembro

Ata o próximo 7 de setembro, coincidindo coa vixésima edición da Feira Franca, a festa non para na cidade do Lérez. Comezou en xuño e segue ao longo destes meses cunha intensa programación pensada para todas as idades, gratuíta e para gozar na rúa. As Festas de Verán organizadas polo Concello de Pontevedra son tan diversas que todos atopan algo do seu gusto.

O Surfing the Lérez coa súa música marcou o comezo de dous meses e medio de actividades para non parar e disfrutar. Hoxe e mañá o ciclo Paseantes ofrece en rúas e prazas os ritmos de grupos como The Swinging Flamingos, Blues do País, Vudú, Patricia Moon e The Teta' s Van (entre outros).

Pero sen dúbida, un dos eventos máis esperados é o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que chega a súa vixésimo sétima edición do 23 ao 28 deste mes de xullo. A presenza de primeiras figuras do jazz internacional, de músicos galegos ou as actividades formativas integran o espírito do certame no marco único da zona monumental pontevedresa. E como sempre, os concertos son gratuítos. O 23 actúa Mr. River na praza do Teucro, e o 24 faino Álvaro del Valle Quartet no mesmo escenario. O día 25 é o turno de Joey Defrancesco Trío na Praza da Ferraría, onde estarán nas xornadas seguintes Judith Hill, José James e Gabriel Peso Trío.

As propostas seguen co Jazz pola Rúa a cargo da Street Band, as jam- sessions, o jazz de taberna ou o Pontejazz Workshop, un seminario sobre o xénero impartido por Álvaro del Valle no antigo conservatorio ( rúa Alfonso XIII, 7), con entrada libre.

O fervor festivo non para en Pontevedra porque do 24 ao 27 chegan as Festas do Santiaguiño do Burgo, o Festixeve (27 e 28) ou a música do ciclo Son da Serea (29 e 30) na Praza do Teucro. As xornadas musicais de San Roque (29 de xullo-2 de agosto) pechan este mes xunto ao festival Itineranta (31 de xullo-2 de agosto), certame dedicado aos espectáculos de rúa que cumpre dez anos mostrando as máis novas propostas das artes escénicas. Xip Xap, Tutatis, Todo Zancos ou Discípulos de Morales son algunhas das compañías presentes nesta edición de aniversario que conta con máis grupos que nunca animando as rúas.

Agosto comeza con opcións cinéfilas ( Cinema na Lúa entre o 5 e o 8) e coas esperadas Festas da Peregrina (do 9 ao 19), cuxo pregón lerá o pontevedrés Manuel Jabois. Será o pistoletazo de saída de nove días de celebración nos que haberá concertos ( Tequila, Fondo Norte, Ana Belén, Rozalén ou Iván Ferreiro, entre outros), pasarrúas, grupos folclóricos, verbenas, teatro, corais ou animación para nenos. A Praza de España e a da Ferrería serán os escenarios dos concertos. O domingo 11 celébrase a procesión da Virxe Peregrina, que inclúe a danza gremial de cintas, que se remonta ao século XVIII.

A intensa axenda, con propostas ininterrompidas a diario, terá o seu broche de ouro coa vixésima edición da Feira Franca, a famosa recreación medieval con mercado e ceas o 6 e 7 de setembro. Declarada de Interese Turístico, culmina o animado cartel da época estival pontevedresa.

Compartir el artículo

stats