Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Chega a Vigo "A estación violenta"

A película de Anxos Fazáns, protagonizada por Nerea Barros, Alberto Rolán e Xose Barato, estréase hoxe nos Multicines Norte de Vigo, ás 17.40 horas, cun coloquio coa directora pontevedresa e o actor vigués ´Morris´, parte do reparto

Nerea Barros e Alberto Rolán en "A Estación violenta". // Matriuska

O estancamento como estado vital. Un relato xeracional que transcende á propia xeración da que fala para representar ese momento no que non sabes que facer coa túa vida. Así, en xeral. Ese é o estado dos protagonistas de "A estación violenta", a primeira película da directora pontevedresa Anxos Fazáns, producida por Matriuska.

Baseada na novela do mesmo título que escribiu o xornalista Manuel Jabois na súa xuventude, a película estréase nas salas de cine galegas logo dun periplo por festivais europeos. Esta tarde, ás 17.40 horas, terá lugar o primeiro pase nos Multicines Norte de Vigo. A continuación, a directora e o actor vigués Antonio Durán 'Morris', que ten un pequeno pero importante papel na cinta, manterán un coloquio cos asistentes. Máis tarde chegará o momento de seguir a festa con concertos na sala Radar Estudios. "A estación violenta" permanecerá dúas semanas na cartelera viguesa dos Norte.

"Hai xente á que lle sorprende que sendo tan nova afronte unha historia tan escura, tan cargada de dramatismo. É unha película que fala da melancolía, da depresión, de estados vitais de estancamento... É unha película madura. Non sei se é que cren que a xente nova non pensa na vida, pero creo que estamos nun momento complexo no que é moi complicado atopar traballo, ter unha estabilidade, saber o que queres facer na vida... Todo isto, que é o que me rodea, está na película. Eu fun incorporando estes matices á historia que escribiu Jabois", conta Fazáns.

O Festival de Cans acolleu un pase da película, que xa se proxectara no Cineuropa de Compostela. "Facer estes pases nos que tes á xente en fronte vai enriquecendo á experiencia. Podes estar contenta co resultado pero sen ter o feedback da xente tampouco podes falar moi convencida. En cambio, agora sei que a xente pode desfrutar da peli", explica a pontevedresa. "Había ganas de soltala, que chegara aos cines e que a película botara a andar soa para que o público a vea e a poida xulgar", engade.

O filme ten tres patas principais, un triángulo formado polos actores Nerea Barros, Alberto Rolán e Xose Barato, que sosteñen a intensidade dos silencios coas súas interpretacións. "É unha película complexa, é necesario por parte do público que participe e se deixe levar polas sensacións que plantexa a cinta. Pero cando a xente se deixa levar desfruta, e chega a conclusións, e lle toca a fibra. Iso é moi satisfactorio para min", destaca Fazáns.

Pódese considerar unha película independente pese a contar con axudas pois tivo uns recursos escasos. "Tivemos toda a liberdade, dubido moito que puidera facer a mesma película dentro dunha estrutura máis comercial porque seguramente non me permitisen traballar igual, mostrei os desnudos masculinos e femininos do mesmo xeito; e aínda hai a quen lle custa traballar con isto", asegura a directora, que goza de compartir o filme co público e xa pensa en novos proxectos.

Compartir el artículo

stats