A música foi da man da poesía nas súas primeiras manifestacións e pese á prohibición da lingua galega nos textos escritos a partir do século XVI, a poesía oral mantívose viva ao longo do tempo.
As mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura e por ese motivo a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).
Con esta elección quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade dende sempre.