A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) é unha ONG galega fundada en 1992, adicada ao estudo e divulgación dos mamíferos e tartarugas mariñas de Galicia, a través da investigación, promovendo e participando en proxectos con institucións estatais e internacionais, e potenciando aspectos divulgativos mediante exposicións, conferencias e cursos.

Dende 1999 CEMMA é, grazas a convenios coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, a institución responsable da asistencia aos varamentos na costa galega, da xestión do banco de mostras destas especies, da recuperación de animais feridos e do estudo poboacional. Tamén participa na redacción dos plans de conservación das especies máis ameazadas para a administración autonómica e estatal.