A conmemoración do Día das Letras Galegas 2025 é unha boa oportunidade de desterrar as connotacións negativas que soe implicar a frase «ser un país de pandeireta». Galicia presume da súa tradición de pandeireteiras e cantareiras, unhas mulleres fundamentais na conservación e divulgación da poesía popular oral en forma de cantigas e coplas. Composicións que falan do traballo, do mar, do amor...e en moitas ocasións cun punto retranqueiro. Un dos exemplos máis singulares desta tradición son as varias xeracións de pandeireteiras e cantareiras da illa de Ons, en Bueu. Mulleres como María López Otero, Gloria Sampedro Reiriz, Claudina Méndez Reiriz, Carmen Patiño Domínguez, Gloria Patiño Otero, Josefa Patiño Domínguez, Carmen Comesaña Reboiras ou Áurea «Aurita» Reiriz Otero.