Cangas chora ao poeta do mar e do amar. O escritor e catedrático de Lingua e Literatura Bernardino Graña finou la noite do 18 de xaneiro aos 92 anos de idade. O autor é unha das figuras senlleiras da cultura do Morrazo e de Galicia e no ano 2010 ingresou na Real Academia Galega (RAG), nun acto que se celebrou no Auditorio de Cangas e no que foi recibido polo entonces presidente da academia e vello amigo, Xosé Luís Méndez Ferrín. En 2021 recibiu o Premio da Cultura Galega e en 2022 o Concello de Cangas brindoulle un dos seus máximos recoñecementos ao nomealo como Fillo Predilecto da vila. Desde hai anos, debido ao seu estado de saúde, Graña residía na residencia para maiores “Stella Maris”, en Nigrán.

Neste vídeo recuperamos un dos seus poemas «Fáltanos o outono de Tirán» que aparece no libro «Profecía do mar».

Alá, en Tirán, o Outono era ben doce.

Cantaba unha bubela e algún xílgaro,

sentíase o loureiro coma encenso,

sagrado abraio no aire e, entre as ponlas,

murmurios silandeiros coma pregos,

cadencias garimosas e pequenas

entrando polas veas deica a alma

cun son ceremonial.


Non máis que unha gaivota ou algún corvo

botaban forte a queixa cara á altura,

e era pregunta todo, lene espera,

humilde declinar.


Alá, en Tirán, por Cangas, xunto a Moaña,

os pasos eran case un sacrilexio

e as follas polo chan salmodia e templo

dun intre meditante no silencio

por terra e aire e mar.