
Alba Villar
Usuarios de Doral Residencias gozaron dun encontro musical con Uxía e o grupo de cantareiras Malvela
Con motivo da homenaxe da Real Academia Galega á tradición oral e ao importante papel que xogaron as mulleres á hora de preservar tanto melodías como a propia fala, a dirección do centro residencial da área viguesa quixo festexar esta conmemoración rescatando esas cantigas populares que marcaron a xuventude de moitos dos seus maiores, para o cal contaron co mellor acompañamento musical posible, o de Uxía e Malvela, con Paca, Aurita, Fita e Chola, Paz, Carmiña e Teresa, quen se ocuparon de animar a cita con temas como Lela ou Amores collín. Mais a residencia tamén tiña un agasallo sonoro preparado para estas cantareiras de hoxe, pois o coro do Doral, integrado polos usuarios con discapacidade do centro, compartiron «escenario» coas convidadas para interpretar o seu propio repertorio e que gozou de moi boa acollida entre todos os residentes que, unha vez finalizada a actuación dos seus compañeiros, pediron que botaran outra.
Cunha pandeireta na man, Uxía reivindicou o poder do dito instrumento e animou aos maiores a que a toquen, igual que fai a mocidade na actualidade, o cal afirmou que é motivo de orgullo para mulleres coma ela, que levan unha vida dedicada á música tradicional. Así mesmo, dende Malvela, Paca puxo en valor o feito de cantar no propio idioma, «o máis bonito do mundo», pois recordou como na súa mocidade cantaba e mesmo representou obras en galego, malia que estaba prohibido.
Últimos vídeos

Después del 'Waka waka'


