Chegou o verán a Galicia e con el volven os tópicos como 'Galifornia'. Unha denominación que non só ten forofos, tamén acumula detractores. Neste senso, as redes sociais son o caldo de cultivo perfecto para o debate. E de aí xurdiu a idea de Afra Torrado, poeta e estudante de Belas Artes na Universidade de Vigo, de facer unha camiseta reivindicativa.

'Galihostyas' é a campaña que iniciou no plataforma Crowdence para fabricar as súas camisetas con esta mensaxe."Penso que 'Galifornia' é ao verán o que as listas de palabras bonitas en galego ás Letras Galegas", asegura a pontevedresa. "Son un pouco unha señora amargada que está farta dos tópicos buenrolleros de 'mira que riquiños", engade con humor.

Pero como pasou das redes sociais a unha campaña para facer camisetas? "Estaba renovándome o icono do Twitter e ao meu mini-eu fíxenlle unha camiseta así e algunhas persoas, inexplicablemente, pedírona", explica Torrado.

É a primeira vez que fai algo semellante, aínda que, afirma, "sempre quixen facer cousas deste estilo". Para que as súas camisetas se materialicen, ten que acadar os vinte pedidos na web de Crowdence.