A viguesa Mary Quintero non para. “Teño 91 anos pero a mesma imaxinación que cando empecei, sempre quero facer cousas novas”, confesaba onte a este diario poucas horas antes de inaugurar a súa primeira exposición de cadros na sala de El Corte Inglés de Vigo, presentada polo noso compañeiro de FARO Fernando Franco

“Estou moi nerviosa”, revelaba. “É a primeira vez que expoño pinturas e teño medo de que se comparen coas fotografías e pense a xente que non están á altura”, engade a creadora, unha das retratistas fotógrafas pioneiras en Galicia.

Quintero lembra como comezou a pintar aos nove anos cando empezou en clases particulares para despois deixalo a un lado cando se iniciou co seu estudo de fotografía. “Tiña tantísimo traballo que non podía pensar en pintar, deixeino ata que me xubilei. A partir de aí empecei outra vez. Decidín que a cámara son os meus ollos e a fotografía pero o pincel tamén é imprescindible na miña vida”, sinala.

No seu recordo garda cando coloreaba as fotos décadas atrás con con cores transparentes que enviaba a marca Kodak de Estados Unidos.

“Agora de xubilada pregunteime que podía facer. E decidín sacar fotos coa cámara. Son imaxes que me serven de boceto para despois pintar. Así cambio completamente o que vexo. Síntome moi realizada porque estou facendo o que me gusta”, subliña.

Nos seus cadros atopamos collages de pinturas que fixo a partir de fotos. Eses debuxos rompeunos en anaquiños que despois recompón sobre cartón pluma pegándoos e pasándoos polo toque final que lle realiza o seu sobriño Roberto Quintero.

Mary Quintero non pode ocultar o seu amor pola fotografía e a pintura pero aclara que “o máis importante na miña vida é a familia”.

Ao contrario do que se poida pensar adora a fotografía dixital. “Namoreime dela. Facer unha foto e poder vela no momento como saiu, poder corrixirlle xa as luces... iso foi un gran avance. Lembro cando viña ao estudio Manuel Fraga e iamos correndo ao laboratorio para ver se saíra todo ben. O dixital deunos unha tranquilidade absoluta”, reflexiona esta muller singular.