A praza do Concello de Campo Lameiro acolle este domingo día 4 a presentación en directo do último disco de Astarot, “Baixo a luz de Breogán”. Será na Festa dos Mozos na que tamén actuarán bandas como A Roda, Manoele de Felisa e A Banda de Balbina.

O festival de música galega comezará ás seis da tarde e Astarot calcula que saltarán ao palco ao redor das dez da noite. “Inda estamos á espera de que nos confirme a hora exacta”, sinalaba onte o músico José Manuel Piedra.

Sobre o álbum “Baixo a luz de Breogán”, disco no que comezaron a traballar hai tres anos, explicou que “hai unha canción que se chama ‘Luz de Breogán’ e quixemos tirar por ese fío celta. Este disco está moi fusionado con esa música e cadraba ben”.

Entre as diferentes colaboracións que recibiron de músicos alleos ao grupo, atópase a de Bieito Romero de Luar na Lubre. “Coincidimos con eles no Carqueixa FolK Rock en Laza e fixémonos moi amigos. Despois, o grupo convidou ao noso cantante e guitarra a colaboraren no concerto que gravou a banda en Ourense. Desde aquela, xurdiu unha moi boa relación. Comentámoslle que lle parecía e axudáronno moito el, seu fillo e Xan Cerqueiro. É un pracer ter grandes músicos como eles”, lembra.

Os temas do álbum percorren poemas de poetas consagrados como Rosalía de Castro (“Negro caravel”), Xela Arias, Celso Emilio e Lorca (“Chove en Santiago” con guitarras acústicas e eléctricas), entre outros. “Rosalía préstase moito para musicalizar e nós somos amantes dos poemas en galego. Non obstante á hora de facer música dunha destas composicións hai que ter coidado porque te podes trabaucar”, explicou Piedra.

En canto ao poema seleccionado de Xela, sinalou que o resultado gustou moito ao fillo da creadora finada e á que se lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 2021.

Alén destes temas, Astarot tamén inclúe outras composicións con diferente temática como o “Canto de Romasanta” sobre o episodio de licantropía homónimo. Un tema destacado é “Bravo mar”. Sobre este, Piedra lembra que “Astarot sempre lle cantou ao mar, somos de Cangas. Queriamos incluír unha canción para a nosa xente máis cercana e que traballa no mar”.

Por suposto tamén hai espazo para hits do repertorio tradicional como “Camariñas”. “Xa fora barallada para outros traballos discográficos noutros anos pero para este tiñamos moitas ganas de gravala”, confesa José Manuel Piedra, quen engade que, por suposto, lle puxeron o seu toque rockeiro, para engadir que se preparen os seus fans para a sorpresa do 40 aniversario do vindeiro ano.