A cantante galega Carolina Rubirosa conseguiu o segundo posto no Festival Liet das linguas minoritarias de Europa e logrouno co tema dedicado ao Camiño de Santiago, “O teu camñar”. Só un punto a separou da primeira posición que logrou a cantante Doria Ousset de Córcega no certame celebrado días atrás en Tønder, Dinamarca.

“Estou supercontenta pola resposta que estamos recibindo. Felicítannos como se gañaramos. Quédome con ter feito un bo papel”, comentaba a este diario a artista que lamenta non ter levado a zanfoña para a actuación.

Sobre a orixe da canción, explicou que a compuxo pensando no Camiño Inglés. “Inspireime na historia dun peregrino que coñecín que me explicou por que facía o Camiño de Santiago como homenaxe a un familiar próximo que morrera recentemente e nin sequera era crente, pero necesitaba facelo para quedar en paz consigo mesmo. Conmoveume moito. Era un relato triste, familiar, pero fermoso ao mesmo tempo. Esta persoa empezou facendo soa o Camiño pero foi coñecendo a outra xente e abríndose cada vez máis e máis”, lembra.

Preguntada polo significado último da canción, Carolina detalla que “do que falo no tema é da vida mesma. Podes transitar por ela só ou soa, comezar o Camiño só, pero vaste deixando axudar, seguindo a outras persoas”.

En canto a se fixo a ruta xacobea, a cantautora dá unha resposta afirmativa. “Fixen o Camiño Inglés dúas veces. É unha marabilla o que se sente na ruta e estou moi orgullosa de ter feito esta canción que xa me ten dado moitas alegrías”, subliña para adiantar que o seu proxecto é facer agora a peregrinación con Julia, a irmá de Lennon. “Quere facelo comigo e coa súa parella. En canto poida ela, poñerá unha data”, engade.

O tema acabou convertíndose na banda sonora-promocional do Camiño Inglés do Xacobeo. Para o videoclip, optouse por desenvolver outra historia “fermosa pero real que intentamos reproducir na honra a John Lennon”, detalla a artista.

Se os apuntamentos biográficos non erran, o músico dos Beatles tivo en mente facer a ruta xacobea cun grupo de hippies e con Salvador Dalí. “Mesmo chegaron a intercambiarse telegramas entre todos. É algo moi pintoresco. Esta historia saiu á luz nunha biografía, un libro, que contaba a vida de Antonio de Olano, quen fora secretario e amigo persoal de Salvador Dalí. Dende Galicia, puxéronse en contacto coa irmá del por se quería colaborar e aceptou”, detalla.

Ademais deste proxecto, Rubirosa ten outros entre mans. Por un lado, acaba de publicar “Alén do mar”, un EP de cinco poemas musicados de Eva Veiga, Iolanda Castaño e outros tres autores extranxeiros. Ademais, está a lanzar os sinxelos do álbum “Tierra de nadie”, un disco que enformato físico poderemos ter antes do Nadal. Non obstante, antes verá a luz outro por un concurso que gañou e que lle permitirá gravar sete novas cancións.