A atleta galega Ana Peleteiro visitou onte o programa Land Rober da Televisión de Galicia tras facerse coa medalla de ouro en triple salto no Campionato de Europa celebrado en Glasgow a comezos do presente mes de marzo superando o récord de España por case 10 centímetros. Na súa entrevista con Roberto Vilar, a xoven deixou pampos a todos os espectadores cando se lle preguntou polo seu acento galego, un tema que xerou moita polémica no seu paso por El hormiguero a semana pasada

Peleteiro botou a vista atrás e lembrou cando chegou a Madrid e lle dixeron que era "negra, gallega y con acento": "Lo tienes todo", lle remarcaron. Entón foi cando a deportista entonou un discurso en defensa da nosa lingua que emocionou a máis dun: "Teño sorte porque na miña familia sempre se falou galego, non me educaron en falar 'castellanito' cos que teñen un nivel máis alto, eu poño o acento a propósito, vivín o complexo, pero unha vai madurando e se dá de conta de que ser galegos é bo".

A ribeirense, amais, insistiu en que un non se pode esconder: "Por que poñerte un complexo? Se teño o meu idioma, por que o vou cambiar? Galicia e o galego son as miñas raíces, por moito que viaxe polo mundo, non o vou cambiar".

Para rematar a cuestión, a xoven sentenciou cunha frase detonante antes de fundir a súa man co presentador do Land Rober, quen lle admitiu que, á súa idade, a xente se ría por falar así: "Españois hai moitos, pero galegos non hai tantos".

Tamén houbo tempo de abordar a problemática dos incendios que estes días están a queimar os montes galegos incendios. "Hai senvergoñas por todos os lados", comentou en directo. Outro momento emotivo se viviu cando falou o seu pai, José Manuel, e a súa madriña, presentes ambos no plató: "Ana é guerrilleira, estamos flipando, xa se lle vían xeitos, contabamos con que sería boa, sen poñer moitos límites". No medio da conversación, meteuse a protagonista para facer rir a todo o público: "Sempre che gañaba na carreira de ir tirar a basura, cústache admitilo, pero sempre chupando roda", lle espetou ao seu pai entre sorrisos.