26 de octubre de 2018
26.10.2018

Iria Misa Peralba: "Canto antes falemos cos nenos da diversidade sexual, antes a normalizarán"

A autora presenta hoxe en Baiona con música de Bowie a novela infantil "Mamá, quero ser Ziggy Stardust", na que aborda a transexualidade

26.10.2018 | 02:47
Iria Misa, coa súa nova novela infantil. // Ricardo Grobas

Hai dous anos que veu a luz a súa primeira obra, "Xa non estou aquí", gañadora do premio Jules Verne de literatura xuvenil que outorga Edicións Xerais. Pero o ano de Iria Misa é este, o 2018. A mesma editorial publicou en abril outra das súas novelas dirixida aos mozos, "Segredos do solpor", e hai un mes que sacou ao mercado o seu último traballo, "Mamá, quero ser Ziggy Stardust", unha historia sobre a transexualidade e os nenos dirixida aos rapaces de dez anos en diante que quedou finalista do premio Agustín Fernández Paz. A autora presenta o libro hoxe ás 20.00 no pub Bibendum de Baiona, acompañada de Manuel Bragado, o seu mentor e anterior director da editora, e de Alba Barreiro, a ilustradora da publicación. Asistirán membros da asociación de familias de menores trans, Arelas, que colaboraron no traballo de documentación. As referencias do texto a David Bowie estarán moi presentes no acto coa música da icona plástica do rock, da man de dous artistas de reveladores nomes que seguen os seus pasos e que se uniron para a ocasión: Starman e China Girl.

- Que nos conta nesta novela?

-É a historia de Aine, unha crianza que non se sente identificada co sexo que lle asignaron ao nacer. Cando visita una exposición de Bowie, descobre a Ziggy Stardust e identifícase coa súa imaxe andróxina, que nin é muller nin home.

- Fala da infancia dunha persoa transexual?

-Si, a través deste personaxe, da roupa, da música, do cabelo tinguido, a/o protagonista comeza a expresarse. Comproba que dicir que quere ser Ziggy é mais axeitado para os adultos que cando dicía que non se sentía identificado co seu xénero.

- É unha historia reivindicativa?

-Si, trata de romper coa división por xéneros que temos preconcebida. Estou segura de que todos coñecemos algunha persoa que non se axusta ao seu xénero. Son persoas que viven expresando a súa identidade co desprezo e a desaprobación da xente e non son quen de construila con normalidade.

- Un tema delicado para presentarllo aos rapaces?

-Non hai por que esperar para falar con eles de cousas importantes na vida. Canto antes comecemos a falar da diversidade sexual cos nenos, antes a van entender e normalizar.

- É fan de Bowie?

-A morte! Paréceme un artista moi completo que sempre ten algo que ofrecer para calquera. Se a través deste libro chega máis aos rapaces, eu encantada.

- As súas novelas anteriores ían destinadas aos mozos e agora atreveuse cos rapaces.

-Si, e teño que dicir que foi unha descuberta marabillosa. Obrigoume a pensar doutro xeito como narradora e a buscar unha maneira desenfadada de trasladar un tema tan complicado e foi a través da música.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook