Os espazos naturais son unha das marcas de identidade deste territorio que durante moito tempo foi considerado o fin do mundo. Unha provincia que aglutina unha diversidade natural tan rica e extensa que demostra o seu valor nos incontables espazos naturais protexidos cos que conta: Parques Naturais, quilómetros de Rede Natura 2000 espallados por vales, costas, tremedais e marismas, que a súa vez contan con zonas de especial protección para as aves e zonas de especial protección ambiental, unha Reserva da Biosfera e paisaxes protexidas. Unha amalgama de recoñecementos que mostran o potencial natural que poderás descubrir na Coruña.

E é que as opcións para desconectar e descansar nesta provincia son as que ti queiras. Ou as que necesites. Porque a provincia da Coruña agárdate ata que poidas vir gozar a esta terra.

Podes escoller as nosas praias. Paseos ao solpor fronte a mares bravíos sobre quilómetros de areais ou pequenas calas, practicar surf con ondas que atoparás case os 365 días do ano, incluso baños no Atlántico, se te atreves. Podes escoller perderte polo interior. Paseos polo refuxios e a carón dos incontables ríos que salpican todo o territorio, coñecer muíños que se construíron aproveitando o desnivel das correntes, sorprenderte con fervenzas escondidas entre bosques case encantados. Podes descubrir puntos únicos. Subir aos cantís máis altos da Europa Continental, chegar ao punto máis ao norte da Península Ibérica, ver onde se xuntan o Océano Atlántico co Mar Cantábrico... ou contemplar o lugar onde remata a terra, atopar o Monte Olimpo ao subir ao Pico Sacro.

Podes tentar velo todo con perspectiva. Chegar ata miradoiros desde os que contemplar as rías e o interior dos vales, subir a faros desde os que sae a luz que guía aos mariñeiros por estas serpeantes costas, ou ascender a fervenzas que rematan directamente no mar.

Podes camiñar, con ou sen rumbo. Peregrinar ata Compostela por calquera dos seus camiños históricos ou seguir ata o máxico lugar que a tradición asegura que se non vas con vida, irás despois da morte, percorrer dunas, fragas e vales ou perderte por encoros, lagoas ou esteiros. Podes parar e contemplar os últimos solpores de Europa ou ulir a herba mollada. Podes sorprenderte entre a natureza cun patrimonio inigualable. Coñecer as perlas do románico con cenobios escondidos en bosques, apreciar mosteiros con fachadas barrocas ou ver cemiterios contemporáneos.

Buño, Malpica, Ponteceso, Corme, Laxe, Borneiro, Cabana, Camelle, Camariñas, Muxía, Corcubión... A Costa da Morte, O Finisterrae, as praias desertas, ensenadas e acantialados, os cabos de Fisterra, Touriñán e Vilán... constitúen un bo exemplo a este respecto.

Ofrecen ao visitante unha gran proposta desfrutar das virtudes de paisaxes protexidas, múltiples monumentos de interese histórico e cultural como o Cementario dos Ingleses, onde descansan os afogados polo afundimento do buque Serpent a finais do Século XIX; patrimonio megatílico como o dolmen de Dombate ou o castro de Borneiro; e, por suposto, a súa afamada gastronomía, cos percebes, nacidos sobre rocas de acantalidados como os da Punta de Roncudo, gran bandeira dunha terra que da forma tamén ás costumes das súas xentes, xentes do mar.

Case todo podes facelo aquí, na provincia da Coruña. Parar, desconectar, atopar a calma. Pero tamén camiñar, descubrir e percorrer paisaxes únicas moldeadas polo noso clima. Un paraíso natural agarda por ti na provincia da Coruña e así, cando poidas vir, terás todo o necesario para comezar de novo.