Que fan Evaristo Calvo e Víctor Mosquera -Mofa e Befa- convidando a entrar nun camión do lixo vestidos de etiqueta? A imaxe pertence ó cartel da obra "Dúas pedras no camiño" que representarán na salaÁrtika de Vigo dende hoxe ata o domingo como peche do I Festival Comediártiko. Coa peza, percorren algúns dos seus mellores gags; en definitiva, fan historia por unha das agrupacións teatrais máis míticas do noso país.

O seu director, Quico Cadaval, recoñece que "Mofa e Befa é un dueto mítico no humor en Galicia" ende que estrearon por primeira vez no pasado século.

"Para ser exactos", "FinisMundi Circus" ou "Sempre ao lonxe" son algunhas das súas pezas sobranceiras. Explica Cadaval que, desta voz, a antolóxica rescata "números novos" que non amosaran noutra antoloxía anterior.

O número máis antigo desta recompilación (foi estreado no ano 1994) e lembra ó actor Fran Braña nunha homenaxe "a un intérprete descoñecido que participou no espagueti western e que fixo fama porque morría en tódalas películas. Esta é unha homenaxe ó actor que mellor morre", explica Cadaval que ofrece un detalle: "no bar Chavolas (na praza da Constitución), alí hai fotos de actores dos que ían ó teatro e hai unha de Fran Braña adicada. Hai algo de ironía e melancolía, de homenaxe ós actores dos que ninguén se lembra deles".

Outro gaga que verá o público é "Os 33 reiseñores da Porqueira" onde os dous protagonistas forman parte dun coro contratado para cantar nunha inauguración en cuxa viaxe todos falecen por un accidente agás dous dos seus integrantes.

Esas dúas figuras serán os que representen ós seus compañeiros ante a bandada de políticos todoterreo que "tanto inauguran unha feira gastronómica que unha campaña pesqueira ou unha exposición nun museo. Esta é unha parodia dos nosos políticos", subliña Cadaval.

Precisamente, o forte de Mofa e Befa é iso, non deixar a ninguén, nin sequera ós nosos 'queridos' gobernantes intactos de crítica afiada. Asegura o dramaturgo e director que o dúo non ten sufrido presión por parte dos poderes políticos e que, que curioso!, as veces que máis correron perigo foron polo exacerbado cariño do fenómeno fan dos seus seguidores.

Unha desas situacións viviuse nun festival de rock hai anos onde a xente, un pouco tomada, botou man do exceso de confianza. "Pasamos máis perigo por amor que por odio", comenta Cadaval.

Outra actuación na que 'correron perigo' foi nunha homenaxe organizada por un club de prensa ó fiscal superior de Galicia. "No número, sacamos unha pistola e os gardacostas puxéronse nerviosos pero o fiscal deu mostra de bo humor. Debe ser que os fiscais teñen bo oído para distinguir as pistolas de fogueo das reais", lembra o director.

Pero Mofa e Befa tamén teñen paseado por escenarios notables como o Festival de Teatro Clásico de Almagro. A organización do mesmo, a raíz da obra "Shakespeare para ignorantes" encargáralles unha obra sobre o teatro clásico español. O resultado fora "Bobas & Galegas".Por último, Cadaval, nunha conversa con FARO recoñece que "cada vez é mais dificil sorprender, hai moito público que coñece a Mofa e Befa; moitos humoristas beberon desa fonte, viron que hai cousas que parecían imposibles pero que fixo este dúo. Sorpender é dificil, pero inda hai números que volven ó vello espírito".