Chévere, a compañía galega que conta co Premio Nacional de Teatro outorgado polo Ministerio de Cultura, volta a sacudir as mentes con nova carga reflexiva e interpretativa. A peza será estreada esta fin de semana en Vigo, na Sala Ártika. Mañá venres e pasado ás 21.30 horas e o domingo ás oito da tarde. A montaxe leva o nome de "As fillas bravas e o mito de Casandra", con dirección máis dramaturxia de Xesús Ron e escrita de Manuel Cortés. Nela, música tradicional galega, pandeiretas e o mito clásico grego aran xuntas para concienciar sobre o cambio climático.

Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantxa Villar soben ás táboas e lembran a aquelas bravas que hai seis anos xa deron as badaladas de atención. "O proxecto inicial arrancou cun espectáculo no 2014 con 'As fillas bravas'", explica De Lorenzo a este diario.

"Eran, lembra, tres personaxes maiores, pandeireteiras e cantadoras. Elas achegaban o significado real das coplas ó público, a través do que falaban co público aclarando cando falaban de sexo sen palabras directas nas cancións ou cando cantaban á emancipación da muller con discurso feminista sen pelos na lingua, cunha lingauxe directa" coa audiencia.

Desde 2014, "temos posto os personaxes noutras circunstancias, como presentar eventos, e comprobamos que funciona en calquera contexto. A idea era seguir con esta liña de traballo, facer outro recital e con outra temática, neste caso, ocambio climático, que é un tema ó que lle levamos tempo dando voltas", explica a actriz.

A achega realízase botando man do mito de Casandra da mitoloxía clásica grega, que explicarán as propias 'bravas' ó público na montaxe teatral. "Establéce un paralelismo directo en que Casandra advertía do que ía pasar e ninguén lle facía caso e sucedía. No noso tempo, a comunidade científica alerta dende hai anos que vai pasar o cambio climático e ninguén lle fai caso", sinala De Lorenzo.

Os personaxes Isaura, Dosinda e Benedita "dan un paso máis e implícanse; son máis proactivas. O fin é sensibilizar pero tamén hai un obxectivo divulgativo, para transmitir esa emerxencia na que estamos. Hai unha evolución ó saíren do seu ámbito normal de avoas para explicar que se fai mal agora e como noutras épocas se facían as cousas doutra maneira sen deixar pegada de carbono. Entón a xente era feliz e soubo saír adiante; e se daquela soubo como non vai saber agora que temos más medios", reflexiona De Lorenzo que dá vida a Isaura..

Vigo acolle esta estrea por causa da evolución do coronavirus e a súa pandemia. "A estrea ía ser noutro sitio pero foi adiada. Ía ser en maio e os ensaios, en marzo. Puidemos colocar a estrea en Ártika agora en setembro", despois seguirá por Outes, Burela, Curtis ou Zas. detalla a actriz.

A data en Lalín en outubro caeu e a intérprete non comprende. "É un absurdo o que vivimos a xente dos espectáculos en directo. A sala onde se ía presentar en Lalín non é pequena. ¿Por qué non pode haber 60 persoas o que pasa no contorno de Santiago? O Teatro Principal só deixa acoller a 60 persoas cando nos autobuses deixan ir a máis xente, cando podes atopar máis nos bares e vai empezar o curso nos colexios", reflexiona.

"As compañías de artes escénicas sufrimos estes criterios que se levan a cabo. Pásanos a nós tamén con 'Curva España' para a súa distribución fóra de Galicia. Iso supón un gasto importante de desplazamento de equipo e medios e estamos pelexando polas cláusulas e as súas variables de cancelación polas que sempre as compañías saen perdendo a pesar de que traballamos con administracións. É superfrustrante. A cultura é segura", conclúe.