Co papel esgotado chegan este sábado ao Sons da Canteira do Porriño varias propostas que, con distintos enfoques, mesturan tradición e vangarda. Pioneira nese terreo, Mercedes Peón partilla cartel con artistas ben máis novos, como Baiuca ou Laura Lamontagne & Pico Amperio, a última gran promesa da música do país. A veterana coruñesa, 40 anos enriba dos escenarios, aproveitou o confinamento para compoñer unha banda sonora para o novo filme de Margarita Ledo.

-Como estás a atoparte nestas primeiras actuacións?

-Con respecto á música, poñer as composicións enriba dun escenario, con Mónica de Nut e Ana Fernández, sempre é un placer enorme. Do negativo? Estar sen máscara no escenario e ver ao público con ela nas cadeiras.

-Resúltache máis complicado meterte na túa música?

-Si que podería ser estrambótico se es moi excéntrica. Pero eu tento ter un transo persoal, alén de que haxa máis ou menos público. Hai certos momentos de expansión, en que miras a xente e non lle ves a faciana. Logo están moi separados. Enerxeticamente é moi estrano. Agora, claro que me concentro, levo dende os 13 anos nos escenarios, teño 53. Para min, con esta situación no eido profesional, hai que mudalo todo.

-E que hai que mudar?

-Ah, non! Como vou dicir eu o que hai que mudar!? Iso ten que ser a nivel da política. Eu creo na política. Penso no localismo como proposta de máis autoconsumo, de cidades que se poidan autoabastecer. Aquí o que ten que haber é moita conversa para conseguir unha convivencia de todo o mundo. Se alguén queda fóra diso, o que se dediciu está mal. Mais non vou dicir o que hai que mudar, non me coloco nese lugar mesiánico nin tola. Son unha artista, creo mundos e posibilidades distintas. O capitalismo non é o sistema que máis me gusta e parece que é o que está mandando por riba dos Estados, se cadra aí é onde temos que colocar a atención para rachar con esta cadea de acontecementos fora da ética e da solidariedade.

-No Porriño vas tocar con proxectos que parten da tradición galega e a mesturan con outras músicas alleas. Dalgún xeito é o que levas facendo ti nas últimas décadas., sínteste pioneira?

-En moitas cousas fun a primeira. É unha cuestión de que naces nun momento determinado e xa está. É certo que comigo xorde un movemento a través dunha pandereteira compositora. Se escoitas os meus discos, por moi estrana que soe unha composición, soa a Mercedes, polas polirritmias e polas pandeiretas, que non perden a enerxía desas tocadoras. O estrano é que non estea isto cheo de pandereteiras compositoras, porque en calquera país do mundo a túa autoestima cultural fai que te asentes nesa base. Que acontece? Hai países, nalgún africano por exemplo, onde o externo é o que vale e o interno é anecdótico por unha cuestión de autoestima cultural e de xénero, de subalternidade. Neste caso podo estar representando a ruptura con todos eses prexuízos.

-Ten que ver co xénero das pandereteiras?

-Non podemos caer no simplismo de dicir que é porque son mulleres, é porque vivimos nun patriarcado, onde hai unhas cuestións de poder e subalternidade. Non é que ninguén che poña unha pistola no peito. Nacemos en patriarcado e nacemos nun lugar onde o galego non está protexido.

-Volvamos a Baiuca e Laura Lamontagne & Pico Amperio

-Son dúas propostas marabillosas, pero creo que son súper singulares, non se asemellan entre si, tampouco á miña. Que as tres sexan en galego é unha cuestión demasiado simple. Imaxina que cantásemos en inglés, e que non se fixese a relación galego-tradición, a ninguén se lle ocorre dicir que parten do mesmo. Claro que hai voces tradicionais recollidas de campo, que é o que fai Baiuca, e é o que traballei eu toda a vida. O que pasa é que non collo de ningún lado para as miñas cancións. No caso de Lamontagne son cantigas de amor, de amigo. Pode ter certo paralelismo con Baiuca, comigo xa menos.

-Dicías en 2008 que a tradición é libre, non estática, e que segue viva hoxe en Galicia. Continúas a pensar o mesmo?

-Si. Unha cousa é a tradición e outra o tradicionalismo, que é unha ideoloxía que quere manter estáticas certas formas. A tradición é sistémica, é coma unha célula, segundo se vaia relacionando vai evoluíndo baseada nuns códigos. Hai moita confusión entre tradición, tradicionalismo, folclore? Folclore é o que representa a un pobo, pero para que haxa representación ten que haber un lugar de representatividade: país, Estado, nación, etc.. Iso non ten que ver co que estamos a facer estas tres autoras. Non entraríamos dentro desa reflexión miña. Somos compositoras, non hai unha relación sistémica cun microhábitat de persoas que teñen un transo en común cunha linguaxe en común. Iso pode darse nunha aldea, pero non no estudio da miña casa, indo gravar a Navantia...