Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Rudimentos de Historia galega e portuguesa (2)

Unha das entradas da muralla de Lugo.// FdV

Despois da pacificación que foi conseguida por Augusto, Gallaecia entrou no seu longo proceso de romanización, o cal terminaría por converterse nun proceso de cristianización masiva. Certo que a arqueoloxía non nos ofrece obras ostentosas, estatuas impresionantes nin tampouco teatros ou circos romanos en Galicia. Pero si observamos a provincia Gallaecia cuberta por unha rede moi fecheira de vías que a comunican internamente e conectan ao Imperio. Aquí hai cidades muralladas, sempre no Baixo Imperio, e algunhas estructuras militares importantes e vestixios de portos e ánforas abundantes que indican comercio. E alén de todo, moita inxeñaría de minas fala de como o Imperio aproveitou as riquezas naturais de Gallaecia. Esas vías, coas súas excelentes pontes, debían soportar un tránsito formado por cargamento de minerais, principalmente preciosos. Non haberá teatros romanos en Galicia, pero están falándonos moi claramente as Médulas e Montefurado. En canto aos deuses, uns mantiveron a súa identidade coma Nabia (ou Navia), Revus, Larouco; outros, fóronse asimilando aos habitantes do panteón romano á súa vez homologado ao grego.

Moita poboación debeu de seguir habitando os castros, aínda que cidades como Lugo, Braga, Astorga, León, prosperaban na Gallecia. Filgueira fala do século IV como dunha "Idade de Ouro" das nosas letras latinas. Aínda que Prisciliano sexa a figura principal da cultura latina no cristiá relacionada con esta provincia, as de Paulo Orosio e Egeria non deixan de ser relevantes. Tense dito, e con razón, que a devandita Egeria (ou Etheria) inaugura o feminismo secular que fai da Galega unha patria literaria que tamén é matria.

Sen grandes relatos ou dramas nin graves conflictos, o período romano escorre en Gallaecia ao ritmo pousón co cal o Sil desauga no Miño e co ca as augas mestas van dare no Océano. Pro o proceso dito de romanización deixou algo moi poderoso que chega até nosoutros: a lingua. Ou sexa, que eu estou agora a escribir estes rudimentos históricos nunha lingua que naceu nun país, oe Lacio, situado na Península Itálica que o Mar Mediterráneo baña.

A cidade de Roma conqueriu pola forza das armas un imperio arredor do Mediterráneo que se extende tamén ao Atlántico. Durou até lle chegar a hora dos bárbaros. Para Gallaecia, até o 411, ano en que Hermerico e os seus suevos bandeantes, ordenaron, en virtude dun reparto pactado con outros pobos, asentarse en Gallaecia. E aquí ficaren para sempre arraizados.

A Torre de Breogán, ou de Brigantium, é un faro prehistórico que imperiais romanos restauraron e engrandeceron co fin de emular, frente ao Océano e en liña con Britannia, o marabilloso pharos de Alexandría. Podemos contemplar e admirar aínda hoxe a Torre de Brigantium ou Brigantia ou de Breogán (non digamos de Hércules porque nunca lle pertenceu a aquel heroi grego) como unha metáfora lingüística de Galicia.

A Torre da Coruña, erguéronna os galaicos. Logo, a obra primitiva foi reconstruida por un romano do Lusitania. A súa estructura actual débese a enxeñeiros do século XVII. Esa "lua da fin do mundo" aínda fura as tebras oceánicas e funciona perfectamente nos nosos días. Así ocorre coa nosa lingua. Sobre un sustrato primitivo asentouse o latín vulgar. Tras un período de bilingüismo desigual, impúxose a lingua imperialista e os galaicos foron abandonando o uso da súa lingua, que consideraron inferior e prescindíbel. Quixeron ser tanto coma os romanos e deixaron abandonada a fala materna. Eis a verdadeira, a profunda, a vergoñenta romanización. E digo vergoñenta, porque os límicos, os quequernos, os brácaros, os ártabros, os coelernos, os grobios, os tamáricos e todos os pobos da Gallaecia cuxos nomes e territorios máis ou menos coñecemos, renunciaron a lingua que lles era propia porque se sentían envergoñados de seren como eran e de falaren como falaban.

Así que, adoptaron o latín vulgar que transformado a poder de tempo, é este galego do século XXI no cal eu escribo e vostede está a ler a presente entrega do Fondo dos Espellos. Da mesma maneira que no interior da Torre de Breogán aínda han quedar restos da fábrica primitiva, na nosa lingua, e na nosa toponimia, non faltan os vestixios de palabras autóctonas e prerromanas que todos usamos e seguirán usando no futuro os falantes da lingua galega; como viña diciendo.

(A seguir)

CAIXA POSTAL

Acordanza de Xoan Manuel Pereira

  • "Chámome Xosé Castro Freixeiro, teño 60 anos e vivo en Vigo. Son sobriño de Emilio Freixeiro García (DEP), antiguo compañeiro de traballo seu no Instituto Santa Irene (Vigo). A razón para poñerme en contacto con vostede débese de que o próximo 24 de Maio será o bicentenario do nacimento de D. Xoán Manuel Pereira de Castro (Reboreda, Redondela, 24 de Maio de 1820 - Ourense, 15 de Abril de 1896). Por tal motivo espero que, se vostede o considera oportuno, poida saír unha manifestación desta distinguida persoa na súa publicación semanal No Fondo dos Espellos. Saúdao moi agarimosamente,Xosé Castro Freixeiro.VigoA simpatía que R. Otero Pedrayo, fillo carnal e intelectual do progresismo, sentía por Xoán Manuel Pereira aprézase na novela do meu mestre que leva o título de O Señorito da Reboraina. Nunha carta dirixida a min, Otero Pedrayo dicíame que se acordaba moito de "don Xoanmanueliño", porque, aquel que sería facho do nacionalismo, estivo no velorio do señorito de Reboreda. O pai de Otero Pedrayo levou a este seu fillo en 1896 a venerar o cadáver do ilustre Pereira no intre das súas honras fúnebres. Otero Pedrayo confesa que ficou moi impresionado. A carta obra no arquivo do meirande oteropedrayista existente, que é o profesor Xosé Manuel Salgado, da Universidade de Compostela, ao cal penso que o amigo Castro Freixeiro pode dirixirse para coñecer a literalidade do documento. A presenza do neno Ramón Otero Pedrayo no velorio de Xoán Manuel Pereira de Castro da man do pai Enrique Otero Sotelo revela a ligazón familiar do Mestre da Xeración Nós co esparterismo, co progresismo e coa revolución de 1854-1856 á que lle emprestou moita atención Marx pero moi pouca os historiadores galegos. Don Xoanmanoeliño, entre os fachos, "é o primeiro morto que eu vin na miña vida" - escribiume Otero. En canto a Pereira de Castro, se cadra era parente dos dos mesmos apelidos, fidalgos portugueses do Minho. Non debemos esquencer que a cidade de Ourense lle dedicou unha boa rúa a Xoán Manuel Pereira, que mudou, para a designación, menos comprometida, de Avenida de Pontevedra. Foi don Xoán Manuel Pereira un brillante escritor ao tempo que un revolucionario ligado de forma indestructibel ás mellores tradicións da súa e nosa patria galega. Saúdos.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats