Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Suso Vaamonde na memoria

Entrevista inédita co cantautor de Voces Ceibes cando se cumpren vinte anos do seu pasamento

Suso Vaamonde, durante un concerto. / // Magar /Arquivo FDV

Durante os anos 1976 e 1977 estiven traballando nun proxecto persoal sobre a historia e a evolución da canción galega durante o franquismo e a Transición política. Cheguei a entrevistar a casi todos os cantautores de aquel movemento da canción popular que se facía en Galicia. Finalmente aquel proxecto, por falta sobre todo dunha editorial que o publicase, quedou arrumbado, substituído por outras obligacións profesionais e esquecido nun caixón. Agora rescateino para revisar a entrevista que lle fixen a Suso Vaamonde na sua casa de Vigo o día 13 de xullo de 1977, da que conservo a casette na que a súa voz quedou rexistrada para sempre. Douna a coñecer agora que se cumpren vinte anos do seu pasamento o 16 de febreiro de 2000, coma unha homenaxe á súa obra e coma unha testemuña dunha amizade intensa que non se prolongou porque a vida separou os nosos destinos.

Coñecín a Suso persoalmente cando coincidimos nos primeiros anos setenta nos estudios da emisora que Radio Vigo tiña na rúa Príncipe. Eu era un colaborador él chegou para traballar como locutor da emisora. Axiña confraternizamos porque tiñamos uns gustos musicales moi similares e unhas ideas tamén moi pertas. Lembro como cada luns me contaba as peripecias que tivera na fin de semana nos concertos que daba polos lugares más insospeitados, na compaña de outros compoñentes de Voces Ceibes, perseguidos polas autoridades das vilas nas que actuaban e fuxindo das forzas da orde. Despois coincidimos en Ferrol facendo xuntos a mili, para él máis longa debido a uns meses de castigo que pasara nunha prisión militar, e que non lle contabilizaron para o cómputo dos dezaoito meses que daquela duraba o servicio militar na Marina.

Suso Vaamonde tiña unha total e absoluta ausencia de vanidade persoal e mantiña unha loita teimosa e unha liña artística dende as suas orixes sen tentar mais que conquerir unha comunicación, canto mais cálida mellor, cun público polo que sentía unha adoración case panteísta. Nos días seguintes ao noso encontro ía gravar o seu primeiro disco despois de dez anos de cantante. Malia que non era partidario das entrevistas estivemos falando moito tempo de moitas cousas. A súa voz, ronca, pausada, quedou gravada nunha cinta magnetofónica que conservo coma un tesouro. Unha voz suliñada, as veces, polo pranto do seu primeiro fillo, que nacera facía poucos días.

Suso Vaamonde, na súa voz

"Nacín en Rego do Bargo, unha aldea de Pontecaldelas. Miña nai era mestra alí e despois trasladáronna a Amil. Meu pai traballaba en Pontevedra, dende que tiña doce anos, nun almacén de texidos. Estudei en Pontevedra e despois vin para Vigo, cando meu pai comenzou a traballar aquí e á miña nai dérolle escola en Gondomar. Traballei na radio, de locutor, e estudiei a carreira de maxisterio, que non cheguéi a rematar. Despois do servicio militar empecei a traballar como axente comercial e hoxe é do que vivo.

"Un día, alá polo ano 67, faltaba xente para cantar nun festival aquí en Vigo. Como eu tocaba a guitarra, un amigo propúsome que participara. Preparamos "Venceremos nós", "Loitemos" e "Fuco Buxán", que musicara Benedicto, e mais uns poemas do meu amigo aos que lle puxemos música. O festival suspendeuse pero nós seguimos como grupo. Chamábase Marco Barolento. Fixemos unha actuación clandestina nun centro parroquial e pouco mais. Dende aquela que comeci a cantar só. Son autodidacta. Sei música pero non emprego eses coñecementos. Cando fago unha canción, trato de que chegue directamente á xente, que diga cousas cunha forza musical de respaldo. Para a música que fago é moi importante recoller moito folclore e unirte a outra xente para traballar xuntos con mais instrumentación. Tamén é importante a improvisación: engadir estrofas, cambiar a música e darlle mais riqueza de voces a unha canción".

"Comecei a decatarme dos problemas do meu entorno sobre os 16 ou 17 anos. As miñas primeiras cancións trataban de Biafra ou de Vietnam. Pero dinme conta de que tiña que facer unha canción máis combativa, non somentes denunciar os problemas senón aportar solucións, incluso facer da guitarra unha arma nas miñas mans. E despois un vai tendo experiencias, vai lendo moitas cousas, vai escoitando a moita xente. Eu penso que se pode facer unha canción galega baseada no folclore, unha canción popular de hoxe, con ritmos enteiramente novos e con letras alusivas aos nosos problemas. O malo é que a canción, que debería estar por enriba da política partidista, non o está. Ás veces incluso é o partido o que te censura algunas cancións. Eu non milito en ningún partido e non pregunto a filiación de quen vén aos meus recitais".

"A miña entrada en Voces Ceibes foi despois dun recital en Cangas, onde cantaba Xerardo Moscoso. Despois fomos xuntos a Pontevedra e a outros sitios. Unha vez, nun coloquio, ao citar os nomes de Voces Ceibes, Xerardo citou o meu. Despois díxome que a canción que eu facía era exactamente igual á que facían eles. Voces Ceibes era un conxunto de individualidades.Simplesmente uníanos unhas formas comúns de ollar as cousas. Benedicto e Xavier tiveron o mérito de lanzarse a facer algo novo na canción galega. Foi algo que tiña que nacer, que tiña que xurdir como xurdeu, nunha sociedade como aquela e naquel tempo. Chegamos a moitos sitios e conseguimos moitos resultados. E foi unha aventura romántica moi bonita que deu a coñecer fora de Galicia unha canción que existía aquí. O que pasa é que era un labor totalmente clandestino, e para que nos escoitaran dúas mil personas facían falta tres anos. A prensa non se ocupaba de nós e na radio non se poñían os nosos discos".

"Houbo uns anos que dediquei á preparación de xente nova. Para mín formaban parte tamén de Voces Ceibes, ainda que non oficialmente. Entre eles estaban Armando, Buxán, Miguel Blanco, A Roda, que era un grupo que formei e que se desfixo cando fun á mili?"

"Cando apareceu o Movemento Popular da Canción Galega eu non estiven na primeira lista, porque si querían que formase parte de ese colectivo puxen unha condición: que non estiveran nin Benedicto nin Miro Casabella. Non quixen unirme a dous tipos cos que estivera traballando tanto tempo e que me demostraron que con eles non se pode facer nada. As miñas relacións con eles xa estaban rachadas dende a miña participación nun festival en Guimaraes, en Portugal, ao que fun convidado por Xerardo Moscoso e no que desmentín públicamente a Benedicto. Aquel día Xerardo díxome que eu tiña moito corazón e pouca cabeza (foi o mellor piropo que me botaron na miña vida), e a raíz daquelo Benedicto comezou a falar mal de min: desplazáronme totalmente. E Xerardo deixou incluso de falarme ata fai poco. O que me doeu é que todos lle fixeran caso a Benedicto e ninguén viñera a preguntarme nada a mín. Pero o tempo deume a razón porque o primeiro recital de MPCG foi o derradeiro, precisamente gracias a Benedicto".

"Por unha serie de circunstancias, Benedicto e Miro Casabella xa non estaban en Voces Ceibes. Quedábamos Vicente Araguas, Xerardo Moscoso e mais eu. Eu critiquei nunha carta pública que Benedicto e Miro afirmaran que Voces Ceibes xa non existían porque non era certo. Ainda hoxe en día eu podo decir que Voces Ceibes aínda existen. A mín cando canto fora de Galicia preséntanme como de Voces Ceibes. E aproveitaron aquela carta para putearme outra vez.

"Antes que cantante, eu son persona e non teño grandes aspiracións. A música interésame porque me gosta cantar. Non penso vivir da música. Ademais penso que cantar 8 cancións e que me den 25 mil pesetas non está ben, cando un obreiro, para sacar esas 25 mil, ten que traballar todo o mes.

"En canto ao futuro de Galicia, así a corto plazo, por suposto que unha autodeterminación. Os problemas nosos debemos arranxalos aquí e que en Madrid arranxen os deles e en Cataluña os seus. E por suposto que os cartos da emigración se empreguen aquí, que se creen postos de traballo en industrias que fan falta en Galicia, e non celulosas, e que sean postos de traballo en condicións para que a emigración veña para acó. E claro que imos seguir sendo amigos dos de Calatayud e dos de Alcorcón e non imos a pedir pasaporte no Bierzo.Pero está claro que Galicia ten que arranxar os seus problemas aquí".

Compartir el artículo

stats