Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

De Letras Galegas en Latín

Durante a dominación romana, a provincia Gallaecia estivo ben conectada á rede de vías imperiais e ao tráfico naval

O Papa Calixto II escribe o Liber Sancti Jacobi, cousa que non ocorreu. Miniatura capital do Códex Calixtinus, manuscrito de Salamanca.

Un membro daquela Gens Bruta que había participar na morte de César, subía, victorioso, desde a Lusitania. Pasado Douro e Limia, Décimo Iunio Bruto completaba a dominación inicial da Gallaecia. Era o ano 138 e o fascio coa divisa SPQR instalábase no corazón deste país noso, entón inzado de castros onde moraba un pobo coñecido de vello por gregos e romanos co nome de llaici ou Kallaiói. O Imperio creou eiquí unha provincia, Gallaecia, cuxo nome vive nos nosos días como Galicia, Galiza, Gallizia, Galice - segundo as nacións e as linguas.

Durante a dominación romana, a provincia Gallaecia estivo ben conectada é rede de vías imperiais e ao tráfico naval constante e activo. O que favoreceu a existencia dunha literatura galaica en latín. As linguas, ou linguas, dos Galaicos fóronse extinguindo pola dominación do Imperio, pero en Gallecia houbo literatura, mormente ligada á cristianización á cal levou a política do Estado. Cremos que, no noso tempo, os escritores galaicorromanos e as súas obras non están suficientemente divulgados a través do ensino e das políticas culturais adecuadas.

A figura colosal de Prisciliano, Galaico segundo sinalan as fontes, o primeiro mártir Cristián que foi víctima da intolerancia católica, goza dunha certa sona, mesmo popular, debido á súa decapitación pé da Porta Nigra de Tréveris no ano 385. Pro a actual igrexa compostelá olla con receo esa figura herética que, segundo os indicios, pode ser a quen se lle rende culto co nome de Santiago Apóstolo. De fins do século IV é Paulo Orosio, Galaico que contou a Historia do Mundo con excelente e conceptuoso estilo. Este escritor, que tratou a Santo Agostiño en Hippona, colocou Gallaecia, coa Torre da Coruña, nun extremo do Hispania desde o cal pode ser vista, ou especulada, Britannia alén do Océano. Inda que só fose por iso, Orosio merecía, coma outros cuxos nomes imos debullando, un Día das Letras Galegas. Vexamos tamén Idacio de Chaves, que lle tivo medo aos Suevos que en Galicia, procedentes do que hoxe é Eslovaquia, fundaron o primeiro reino de Europa no ano 411 forxando o caldeiro máxico necesario para completar as ferveduras necesarias da etnoxénese galega que remataría na nosa condición nacional presente.

En canto a Etheria, Egeria, Aetheria, ela foi única ao viaxar, dacabalo, en palanquín e en camelo, de Gallaecia (suponse) a Constantinopla no mesmo século IV e foi capaz de contar con detalle todo o que viu. Ela é a primeira muller escritora de Galicia e reflectiu moito ben a fascinación que o Oriente exercía sobre a alienación relixiosa dos Gallaici daquel tempo. Coido que dos Avitos de Braga non quedan obras conservadas. E é pena, porque podiamos desfrutar da loucura da Gnosis e frecuentar a idea de Pléroma e ventar o maniqueísmo e mesmo rir coa consideración de que non hai inferno e que este é a propia conciencia, tan existencialista. No tempo do Reino suevo (410-585), canceler áulico dos nosos reis derradeiros foi un escritor galaicolatino moi notábel: Martiño de Dume, que inclusive poetizou en perfectos hexámetros. Seguimos a Nicandro Ares ao pensar que S. Martiño Dumiense non veu da Panonia de Hungría senón que naceu nas Panoias que hoxe rezan como Vila Real. E hai Panoias na nosa Pontedeva.

Segue a literatura galegolatina nos séculos XI e XII, pero axiña, sen desaparecer, deixará paso a unhas vizosas letras cuxa medio de expresión é xa lingua galega que agora estamos a utilizar no Fondo dos Espellos. Neste tempo non houbo en Galicia goliardos nin comedias latinas laicas e mundanas. Pero si a maravilla da Viaxe de Trenzenzonio, as Visións da Raíña Godo, tal vez un Mezonzo autor de Salve Regina. En canto á Historia Compostelana, ela é a verdadeira catedral de Santiago construida por Xelmírez, xa que, a de pedra, ordenou de a levantar o independentista Diego Páez, de don García. Obra preciosa e variada, a Compostelana comparte a hexemonía literaria galega do século XII co Liber Sancti Jacobi, excelente modelo misceláneo de publicidade e marketing económico -relixioso.

E ben, José Luis Moralejo fíxonos reparar na obra latina que fecha o ciclo galego medieval no Outono desta Edade: Petrus Compostellanus, De consolations rationis. Este Pedro Compostelano concilia unha síntese de Boecio, a escolástica final e elementos locais. Para Moralejo, de principio a fin triunfa alí a Alegoría. É así. A metáfora continuada, como nos ensinara Dámaso Alonso, e o espello dos esquematismos conceptistas e fantásticos, fálanlle a un lector intelixente. Non é Llull nin é Dante, pero Pedro Compostelano fecha con dignidade prehumanista a literatura latina da Idade Media galega que Ernst Robert Curtius descoñeceu.

CAIXA POSTAL

L. Fersen

  • "Caro amigo: estou moi interesado en coñecer a personalidade e un breve currículum de Enrique Fernández Sendón. El asinaba "Fersen". Sei que se relacionou -entre outros- con Otero Espadasín, Rafael Dieste e non sei se con Castelao tamén.Os únicos datos que me constan: 1) Nado en Santa Uxía de Ribeira. 2) Escritor, pintor (parece ser) e articulista. 3) Estivo vencellado ao trostkismo, aínda que se afiliou (non sei a data), mais seguro que antes de 1939, ao PSOE e á UGT. 4) Un irmán foi fusilado en Compostela no 1937. 5) Regresou a Ribeira, parece ser que protexido por Paz Andrade. 6) Os seus últimos anos foron agónicos, no sentido de sofrer maltrato e de maltratarse, tamén, a si mesmo.Desexaría a túa información a respecto desta persoa, porque creo que está infravalorada. Ti me dirás. Apertas.Francisco SampedroVigoNesta carta do amigo e filósofo Francisco Sampedro ao Fondo dos Espellos contense o desexo de coñecer máis fondamente unha figura humana política e cultural que, alén de ser perseguida e, mesmo, torturada polo horror franquista, non é suficientemente valorada pola posteridade democrática. Eu tamén sinto grande interese por L. Fersen e toda a información que no pasado chegou a min foi a, moi fugaz, que me forneceu Lois Soto oral e ocasionalmente. Os datos formais e contrastados documentalmente que eu teño visto son os que X. L. Axeitos e Uxío Bobillo nos dan nun libro magnífico: Enrique Fernández Sendón (L. Fersen). Memoria e Antoloxía dun republicano galego, O Castro, A Coruña, 1998. Todas as dúbidas e interrogantes que Francisco Sampedro se formule seguramente se resolverán coa lectura deste libro, que pode ser doadamente consultado na mais das bibliotecas públicas de Galicia, xa que penso que a obra se acha esgotada. Encóntrase, certamente, na Biblioteca Penzol de Vigo, que é onde eu a acabo de ler. Nado en Ribeira e en 1909 morreu na mesma cidade en 1954. No tempo republicano, foi membro executivo da Izquierda Comunista de España, e ideólogo e difusor do trotskismo. Certamente ingresou no PSOE como outros da súa tendencia centrista. O seu irmán Manuel foi fusilado polo franquismo. Paz Andrade abriulle na posguerra as páxinas de Industrias Pesqueras, de Vigo, onde publicou moitos artigos co pseudónimo A. Martín. Foi un incansábel teórico e activista.Naturalmente tivo relación, non sei se de carácter orgánico estricto, con Otero Espasandín, con Lugrís, Maside e outros intelectuais de esquerda da súa xeración. Tamén cos Dieste, e Fernández Mazas. Unha aperta moi cordial para Francisco Sampedro a quen lle desexamos éxito na procura de datos sobre este que foi un dos poucos teóricos marxistas da súa xeración que exerceu como tal en España e Galicia. Fersen é autor dunha memorabel necrolóxica en ocasión da morte de Manuel Antonio, o cal pode significar algo.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats