Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Epistolario da emigración

A última obra de Xavier Alcalá recolle a correspondencia con Rey Flórez na Patagonia

Cartas ao Cholo - Xavier Alcalá - Medulia Editorial - 224 páxinas

Si existe alguén que ten coñecemento da emigración galega á Arxentina, non me cabe dúbida, que esa persoa é Xavier Alcalá, o que non quere dicir que non saiba do éxodo dos galegos a outros países onde nos asentamos. Segundo a ONU dos 194 estados soberanos recoñecidos no mundo sómente hai 57 países onde non estamos. O enxeñeiro de telecomunicación e escritor viaxou ao ancho e longo do globo na procura de historias, esteamos ou non dentro delas.

Acaba de saír a rúa Cartas ao Cholo, publicado por Medulia Editorial, onde queda reflectida a correspondencia que semanalmente remitía a Manuel Antonio Rey Flórez, Cholo, "coruñés da rúa Orillamar que exerceu a galeguidade alo onde estivo, que teimou en crear o Centro de Estudios Castelao e en erguer un cruceiro a milleiros de quilómetros de Galicia; o xornalista e investigador, o desterrado que na súa dorida saudade mollaba os labios con terra coruñesa para saborear o país distante...". Desde Galicia en el Mundo, Alcalá mantivo correspondencia entre os anos 1994 e 2001 co seu amigo emigrado en Comodoro Ribadavia. Son estes artigos, escritos á maneira de crónica á vella usanza, onde o autor sitúase na Galicia do momento e relata o que lle vai acontecendo ao "impaís", termo crítico co que o escritor amosa a dor polas imperfeccións da obra nunca rematada de construírmonos.

Entrar na súa lectura é encontrarse con xentes de aquí e de acolá, moitos xa non están con nós, pero que foron protagonistas naquel estado e neste país. Relata en primeira persoa a súa experiencia con todos eles. O Cholo, ausente, nunca acusa recibo. Certo é que o cronista non o necesita porque o que ve e o que sinte ten importancia dabondo como para que non se lle pare o labor de contarlle, aos actuais e aos galegos do futuro, o descubrimento ao que estamos asistindo: o nacemento do novo estado das autonomías, o da reconciliación entre as partes. Actúa como un narrador do cotiá expoñendo, máis que os seus pensamentos, a súa sensibilidade diante da inestabilidade social e política provocado polo cambio que se está a vivir. Cholo, o emigrante, le e alimenta ao animal aportándolle datos da vida dos galegos da pampa, das costas da Patagonia, da súa vida social, do explorador-navegante noiés, Basilio Vilariño, que descubriu no 1778 o golfo de San José e os Andes; pura vitamina. El desde aquí fala da vaga de lumes que queiman "os verdes castros", da chegada de internet, do nacemento do mundo global.

Ao entrar na lectura deste libro convertémonos en testemuñas dun pasado recente, pero xa esquecido, tanto como a figura de Manuel Antonio Rey Flórez, finado fai menos dun ano, quen na vida actuou como fillo noble de Breogán, preocupándose pola pegada que deixamos nese grande país.

Cholo, ben merece esta lembranza asinada por un ourive da verba escrita, o máis lido na nosa lingua.

Compartir el artículo

stats