Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

O 68 municipal de Vigo

Rafael J. Portanet (á dereita), no día da súa toma de posesión como alcalde de Vigo (novembro de 1964). // Siorty/Arquivo FdV

Se ollamos para tras e fixamos a vista na Galicia de 1968 detectaremos innumerabeis acontecementos políticos, económicos e sociais que se entrelazan. Pervive con forza na memoria colectiva do 68 a insurrección estudantil compostelana, a distribución masiva de materiais propagandísticos da UPG ou a convocatoria aberta do primeiro Día da Patria Galega posterior a 1936. Pero estoupou en Vigo outro conflicto, e ben sonado, cuxa memoranza seméllanos un pouco distinxida.

Encontrábame eu preso na cadea de Príncipe na compaña do inesquencíbel camarada Antonio Bernardo Rubio. Pasou a rentes do centro panóptico da prisión un suxeito alto e ben vestido que un oficial conducía á cela que lle fora asignada na galería. O preso ingresado era Ceferino Barbazán, primeiro tenente de alcalde do concello de Vigo que presidía naquel lontano 1968 o conserveiro Rafael J. Portanet Suárez. Don Lázaro, un xefe de servizos de condición amábel e irónica, dirixiuse a Antonio e a min cun riso bulrento: "Non pensen que virou a tortilla; este concellal entra no cárcere por delitos comúns".

Por aquel entón varios concelleiros vigueses que viñan do terzo franquista de entidades, sindical ou familiar, enfrentábanse con dureza ao alcalde Portanet e a facción de sumisos na que el mandaba despoticamente.

Lembramos, entre os opositores, un traballador de Teis, Eduardo Prieto Villar, de quen se decía que procedía da CNT. Orabén, a persoa política que encabezaba aquela oposición frontal era a de Arturo Estévez, brillante e xove avogado que asumira o cargo, que despois perdería, de xefe local do SEU.

Como non dispoño de arquivo documental, miro no Fondo dos Espellos e alí nadan memoranzas que supoño certas. Da oposición no seo do sistema político, pasouse á xudicialización das contradiccións. Velaí a Vella Toupa! Penso que, naquel entón, conviviron no concello dous grandes conflictos, que o pobo de Vigo seguiu apaixonadamente pola prensa e o radio. Un deles referíase a un beneficio especulativo cifrado nuns 73 millóns de pesetas que Portanet extraíu fraudulentamente, mediante unha aplicación interesada do Plan Xeral, das súas propiedades na Gran Vía. Pero tal vez fose o conflicto coa compañía de tranvías o que máis repercusión tivo na poboación.

Con man de ferro, o alcalde Portanet logrou desposuir a familia Valcarce da concesión do transporte electrificado que tanto contribuira á articulación da cidade e entregoulle o servizo a un capital asturiano, ou sexa VITRASA, ligado ao ministro de gobernación franquista xeneral Camilo Alonso Vega.

Esta alcaldada colosal foi contestada no concello, en duras batallas dialécticas, por unha oposición cuxo líder era Arturo Estévez (Fillo). Conseguiu demostrar, este concelleiro letrado, a existencia de delictos de "cohecho". Os concelleiros adictos a Portanet recibiran, como regalo ilícito e pago do seu voto contra Tranvías, uns reloxios ou unhas pulseiras destinadas ás súas señoras.

Cando Antonio Bernardo e máis eu vimos entrar na prisión de Príncipe na que estabamos engaiolados a Ceferino Barbazán, primeiro tenente de alcalde do concello de Vigo, quedamos impresionados. Logo entraron outros concelleiros e persoas igualmente procesadas por soborno. Sábese que, en Pontevedra, o fiscal xefe, Conde Pumpido, aplicouse moi intensamente a elucidar o caso.

Arturo Estévez, Prieto Villar e algún outro concellal da oposición foron expulsados da corporación municipal. Acusáronnos, sempre en 1968, de tratar de implicar falsamente a Portanet en diversos asuntos de flagrante ilegalidade. Como, ademais, Portanet gozaba de inmunidade por ser Consejero Nacional del Movimiento e Procurador en Cortes, saiu daquela crise moi ben parado. E máis rico do que era antes de ser alcalde.

Tal vez estes movementos no seo dos poderes municipais do réxime fixéronlle pensar á Liga Democrática de Vigo, integrada por membros do PSOE, do PSG, da UPG e próximos ao FLP. E probaron sorte presentándose ás eleccións franquistas a Cortes polo Terzo Familiar. Rexistráronse un candidato do P. Galeguista, Tizón Covelo, e outro socialista, Leopoldo García Ortega. No FARO DE VIGO viu a luz o seu programa, xenuinamente democrático, galeguista e progresista. O presidente da Audiencia exhortounos a suspender a propaganda e os candidatos retiráronse con dignidade. Coido que este capítulo da resistencia antifeixista nunca foi recoñecido polos historiadores. A existencia mesma da Liga Democrática de Vigo, tampouco tén o lugar que lle pertence na memoria histórica. De relatos, de fábulas e de mitos xa estamos a falar noutros sitios deste mesmo FARO e esta mesma tempada.

Un falso tranvía de Vigo convertido en urinario de Duchamp nas Cocheiras borradas da Historia polo franquista Portanet fixo agromar e dar o froito amargue destas liñas. Queremos, moitos, que o transporte eléctrico volva articular Vigo e o seu hinterland, como soían decer Castelao e Paz Andrade.

CAIXA POSTAL

Laranxas de Ermelo

  • "No meu querido Portugal dous lugares son famosos pola calidade: Amares e Terras de Bouro, e as laranxas de Ermelo. Coñézoas moi ben e aí mesmo teño no meu froiteiro algunhas. A súa orixe é monacal, de frades e da repoboación que fixeron nestas terras. Co voso carro podedes ir os dous saborealas con plena delicia. Adiante".Ángel Núñez SobrinoVigoEnvíanos o pensador Ángel Núñez Sobrino diversas estampas, non coñecidas por min, con interpretacións plásticas que Carlos Maside fixera da aldea máxica de Combarro. Asimesmo anima el a miña familia a darmos o salto arraiano, cousa que facemos decote. Chama a atención Sobrino, sobre as laranxas de Ermelo, dun dos varios Ermelo que hai no Norte de Portugal. Alén dos galegos. Na mitoloxía literaria galega non aparece moito a laranxa nin a flor dela, que expele arrecendos únicos. O Minho, provincia con Trás-os-Montes portuguesa, goza con Galicia actual de laranxas perfumadas. "Amarevole", como soía decer o Padre Oreste na Guarda. Ese matiz do cítrico no que un ventiño acedo se cruza con señores azúcares na reminiscencia oral! Agradecemos a Ángel Núñez Sobrino a súa incitación á viaxe a unha raíz, que non outra cousa é unha xornada de galegos golosos ás franxas máis próximas e comúns do Portugal nórdico. En procura do sabor da laranxa autóctona da Gallaecia. Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión enNO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22. Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats