Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Na taberna de Elixio

Nos anos cincuenta, entrei e alí estaban as figuras das letras: Del Riego, Celso Emilio, Castroviejo...

Carlos Álvarez, anterior propietario da Taberna de Elixio, finado hai dous anos. // Arquivo FdV

Gonzalo Torrente Ballester visitaba con frecuencia o xornal vigués El Pueblo Gallego (EPG). Contoume que na de Elixio se reunía, nos días da II República, unha "peña" comunista, segundo el "muy interesante". Torrente, daquela, viña moito de Bueu a Vigo por visitar a redacción de EPG, onde se encontraría con Augusto Assía, F.L. Bernárdez, Blanco Torres e outros. A proximidade de EPG coa de Elixio orixinou a atmósfera literaria e de esquerda que se respiran na taberna de que estamos a falar. Coido que a presenza de Torrente en Vigo nos anos trinta do século pasado tería que ver coa amizade que o unía a Johán Carballeira, xornalista que foi fusilado polo franquismo igual ca o citado Blanco Torres, Lustres Rivas e outros colegas en 1936.

Se miro no Fondo dos Espellos da memoria, véxome a min mesmo entrar na taberna de Elixio por primeira vez en 1957. Daquela, e sendo director Francisco Leal Insua, consolidábase FARO DE VIGO como importante xornal literario galego. Recrutou Leal Insua unha manchea de colaboradores de élite sen excluír presos republicanos recentemente excarcerados, como é o caso de Diego San José, nacionalistas resistentes tal Francisco F. del Riego ou Otero Pedrayo. Como articulista estelar, Leal Insua chamou en 1950 a un Álvaro Cunqueiro que se retirara a Mondoñedo ao rachar os seus lazos coa intelectualidade e o xornalismo madrileño do réxime. Urbano Lugrís debuxaba para o Faro de Leal Insua.

O feixismo incautárase de EPG de Portela Valladares; o Faro, no sitio del, constituiuse en diario de prestixio intelectual e tendencia vagamente galeguista. Aínda que o lugar de acougo favorito da redacción do Faro daquel tempo era a Taberna Gallega, nos baixos do cine Fraga, o peso da memoria e prestixio de EPG ocasionou que o establecemento de Elixio seguise sendo lugar preferido por escritores e artistas, máis ou menos de esquerda, tal como fora antes da sublevación militar.

De xeito que eu, nos anos cincuenta do século anterior, entrei á de Elixio, e alí as estaban, figuras das letras coma Emilio Álvarez Blázquez, Del Riego, Ánxel Sevillano, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Castroviejo na compaña doutros ilustrados. Cando eu cheguei a Elixio xa marcharan dalí Lugrís e Laxeiro; o primeiro á Coruña e, o segundo, a Bos Aires. Álvaro Cunqueiro era, entón, un centro de atención da taberna, á que el acudía infalibel cando viña de Mondoñedo. Faustino Rei Romero, con sotana e manteo, bebía viño alí moi ledo, ás veces na compaña de Xavier Pousa, ambos procedentes do Baixo Miño.

Nos anos sesenta reintegráronse a Vigo e a Elixio Lugrís e Laxeiro, e fixo a súa entrada triunfal naquel ámbito, hoxe impregnado de saudades, Xosé Lodeiro. Tamén se deixaron ver e notar as facianas ourensás de Blanco Amor ou os Quesada.

Política orgánica ilegal non se facía na de Elixio, pero alí barallaba libremente xente do PCE ou da Liga Democrática. Ao distribuírense os primeiros panfletos da UPG, Waldo López Mazaira, temido xefe da BPS de Vigo, meteu o fociño na de Elixio para tratar de lle tirar información a Celso Emilio Ferreiro. Non conseguiu os seus propósitos. Daquela, Celso preparaba a súa marcha a Venezuela, onde sería martirizado polos avós actuais galegos antichavistas. Eligio González poidlle dado datos á policía franquista. Non llos deu e nunca falou do que viu e ouvinno no seu despacho de viños. Gran Elixio!

E Elixio marchou un día, polo camiño polo que se foron todos os que acabo de relembrar, e outros. Co cal este cronista aparece agora en figura de superviviente ou de pantasma do século XX, diríamos parodiando palabras festivas de Ramón Otero Pedrayo. Sucedeu a Elixio seu xenro Carlos Álvarez, e é agora Leopoldo Celard quen xestiona a taberna da Travesía da Aurora. Lolita, viúva de Elixio, e as fillas e fillo de ambos manteñen o espírito e a memoria de tantas sombras, risos amatados e lembranzas doces e amargas como aló fluctúan.

Se me pidiren flashes dos vellos tempos da de Elixio, eu evocaría a primeira mesa á esquerda conforme se entra, onde está Álvaro Cunqueiro a comentar unha foto de Claudia Cardinale, el sempre tán italianista. "Non sei que lle vedes á Brigitte Bardot!" di Álvaro ollando para os máis novos. Ou un Lugrís que debuxa preciosidades sobre o mármore doutra mesa, a derradeira entrando á dereita. En canto move o lapis, con voz poderosa e ben modulada, fai Lugrís un longo recitado de poemas galegos, portugueses, casteláns. Por frente de Urbano, marmurian García Castro Caeiro, Cabido, Ramiro Tato, siareiros procedentes das Travesas, sobre o asalto ao trasatlántico Santa María. Divulgárase a noticia de que un dos activistas revolucionarios era Xosé Velo Mosquera, antigo secretario de organización das Mocedades Nacionalistas Galegas, quen fora tamén asiduo da taberna de Elixio. E así podíamos ir tirando das lembranzas como quen pilla as careixas enrabadas dun froiteiro.

CAIXA POSTAL

Unha nova Espiral

  • Unha nova revista de título Espiral foi presentada en Compostela o pasado Primeiro de Maio. Data moi axeitada, xa que a publicación subtitúlase "revista independentista de pensamento marxista". Ligada de forma non explícita ás mocedades de nome tamén "Espiral" á súa vez próximas a Anova e na cartografía política máis activa, a Xeira, á súa vez na zona FPG e comunista, a aparición desta nova revista, impresa sobre papel e solidamente construída no plano intelectual, significa o xurdimento dunha nova xeración intelectual no campo do pensamento marxista galego. Importantes figuras, ben consolidadas, coma Francisco Sampedro, da filosofía actual, ou Anxo Angueira, no dominio da creación e crítica literaria, prestan coas súas colaboracións, unha sorte da apadriñamento autorial non explicito. Esta nova xeración intelectual de expresión galega é que se fai notar con forza en Espiral é a primeira de Galicia que é, na liña iniciada por Manuel Antonio, aberta e naturalmente arredista e se presenta como tal na escolla de obxectivo principal no acto de autodeterminación: independencia e República Galega. Espiral é o nome que levaron antes outras publicacións galegas. Semella que aqueles e aquelas que, no campo do pensamento e da política, teñen agora entre vinte e corenta anos ao adoptaren o título Espiral amosan a súa vontade de inscripción nunha liñaxe que até o momento non era senón marxinal no nacionalismo galego. Divídese a revista en seccións: Nacional Xénero, Mocidade, Estudantil, Internacional, Cultura Economía Política. Como poden supoñer, achámonos nos antípodes do pensamento líquido ou liquidacionista. Contactos: revistaespiral.gal e revistagalegadepensamentogmail.com.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats