Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena: "A Guerra Civil tronzou o xerme da normalización cultural de Galicia"

"De 1936 a 1975. A longa noite". Este é o subtítulo e, á vez, o período que Pena trata no cuarto volume da súa Historia da Literatura Galega, recén publicado por Edicións Xerais, que será presentado o próximo martes, 9, no Club FARO.

O escritor e catedrático Xosé Ramón Pena. // Eli Regueira

Cal era o panorama do sistema cultural, e nomeadamente o literario, de Galicia previo ao 18 de xullo de 1936 e, polo tanto, que foi o que se tronzou coa Guerra Civil e posterior ditadura?

-No eido da cultura hai unha cera tendencia a, digamos, mitificar os anos anteriores ao estalido da Guerra Civil e, aínda máis, os da Segunda República. Até hai quen pensa que había unha normalización similar á que temos agora, o cal non é certo. Pero o que si que se tronzou traxicamente foi unha andaina social e un progreso no que Galicia, como o resto do Estado español, tamén participaba. De maneira que, daquela, en Galicia existía un proceso inicial de asentamento e normalización da cultura galega fundamentalmente centrado, a principios do século XX, na creación das Irmandades da Fala. É verdade que se trataba dun movemento minoritario, nada comparable ao que hai na actualidade, pero que ía avanzando en determinados sectores da nosa sociedade. A min gústame dicir que había unha atmosfera galeguista, ou sexa, que se estaba a conseguir algo que aínda está vivo nos días actuais, que é ir creando na sociedade a aceptación de certos símbolos comúns: a bandeira, o himno, a Academia,unha actividade editorial máis ou menos continuada (que se acentuou na etapa da República), a aparición do galeguismo na prensa, a constitución de empresas de certa relevancia?.E todo iso é o que se tronza no 36, e trónzase, ademais, dunha maneira terrible.

-Concédelle Vde. unha grande importancia ao papel dos exiliados. A supervivencia da literatura galega tivera sido posible sen o labor que eles impulsaron desde os principais centros da emigración?

-O papel do exilio foi importantísimo, tanto que ata me atrevo a dicir que nas décadas dos 40 e principios dos 50 o exilio foi o que sostivo a cultura galega. Realmente, a medida que avanzamos na década de 1950, isto é, cando o franquismo empeza a "abrir a man" e a ditadura intenta mostrar unha cara amable, o papel do exilio comeza a decaer. Iso non impide que cando se produce, a principios dos 60, un debate acerca de por onde ten que ir a literatura galega, algunhas das liñas máis importantes da renovación procedan precisamente de autores do exilio, e de que libros tan significativos como A esmorga de Blanco Amor ou Memorias dun neno labrego de Neira Vilas se escribiran e editaran no exilio, malia que a súa proxección se produciu xa dentro de Galicia.

-Nese contexto de "abrir a man" da ditadura ao que Vde. se refire, quizais haxa que entender o xurdimento de Galaxia?

-Para falar de Galaxia hai que falar, obviamente, de Ramón Piñeiro, que é a figura fundamental. Fose debido a un desaire persoal (non hai que esquencer que el quixo ser ministro da República pero non o logrou), fose debido a un proceso de reflexión ou fose pola conxunción de ambos factores,o certo é que, tras regresar de Francia e pasar a experiencia dos cárceres franquistas,Piñeiro chega a conclusión de que a ditadura vai durar moitísimo máis do que se pensaba e que, polo tanto, a única posibilidade dunha restauración democrática tiña que producirse dunha maneira non violenta, gradual, pacífica, e en contacto cos países do Occidente de Europa e non xa da URSS. Había, polo tanto, que xogar nesa liña, xa que mentres a dctadura non chegase á súa fin, Piñeiro pensaba que cumpría levar a cabo outro tipo de política; isto é, xogando única e exclusivamente no terreo cultural. Que cales eran os elementos desa nova política? Pois, entre eles, falar de galeguismo e non de nacionalismo, acreditar no europeísmo e, claro, nin mentar absolutamente nada que cheirase a República, a marxismo ou a laicismo. Daquela, Piñeiro entendía que, a partir desas premisas, se podería unir a todo o galeguismo ou, se queres, o galeguismo sobrevivinte. El busca, por exemplo, a figuras como Otero Pedrayo, e intenta recuperar para a causa a personaxes que foran galeguistas antes de 1936 e que despois se pasaran ás ringleiras do franquismo: os Filgueira Valverde, Cunqueiro, Vicente Risco?Tamén consigue a axuda de Carballo Calero e de Fernández del Riego, que pasan a formar parte do proxecto Galaxia. E todos eles o que fan é unha relectura da historia da literatura galega que permanece viva ata practicamente os nosos días, tal e como se reflicte na Historia da Literatura Galega do meu predecesor Ricardo Carballo Calero.

-Pero diante dese proxecto houbo tamén unha contestación.

-Así é. A partir dos anos 60, Piñeiro comeza a ser contestado tanto no plano político como no literario. No eido político é contestado, nomeadamente, pola aparición da UPG, e no literario polos autores das novas narrativas, fundamentalmente representados por Xosé Luís Méndez Ferrín, que se erixe nun líder da mocidade literaria que lle planta cara a Piñeiro e á propia Galaxia como concepto, cuestionando o seu "enxebrismo" e poñendo enriba da mesa correntes como o realismo social, as vangardas e até , como fixo Blanco Amor, incorporando modelos narrativos avanzados que tiñan incluso moito que ver coa narrativa cinematográfica.

-Voulle facer unha pregunta inxenua: acaso non contemplou Vde. que, neste ou no anterior volume da súa Historia da Literatura Galega , se incluíse un capítulo dedicado, por exemplo, a Valle Inclán, Cela e Torrente Ballester, tres cumios da literatura en castelán, si, pero con acento galego?

- Este proxecto vai agora polo quinto volúme, e se por min fose, habería un sexto dedicado aos autores galegos que escriben en castelán. De todos os xeitos, quixera determe nun detalle: nos casos de Torrente e Valle, ese acento galego do que ti falas, que abarca temática e pegada lingüística, están moi claros en case todas as súas obras; en cambio, non o vexo tanto en Cela, agás nalgúns dos seus últimos libros ( Madera de boj, Mazurca para dos muertos?). Daquela o que eu penso é que se algún día se normalizase de veras a situación linguístico-cultural de Galicia e de España, cousa que semella hoxe en retroceso, esas incorporacións á Historia da Literatura Galega serían do más natural, malia que loxicamente, non poderían ir no mesmo volume baixo o criterio filolóxico, universalmente aceptado. Eu, por exemplo, non inclúo a Torrente neste volume, pero non o fago por prexuízo; non teño ningunha dúbida sobre a galeguidade de Torrente.

-Do período que abarca este cuarto volume, cales coida Vde. que son as obras que, en narrativa e en poesía, mellor soportaron o paso do tempo máis aló de que, no seu momento, fosen moi lidas ou tivesen unha trascendencia conxuntural?

-En narrativa, eu quédome en primeiro lugar con A esmorga de Blanco Amor; desa época, resiste tamen moi ben a triloxía dos relatos galegos de Cunqueiro: Escola de menciñeiros, Xente daquí e acolá e Os otros feirantes. Continúa suscitando o favor do púbico, mais penso que cada vez en menor medida debido ao declive do agro galego, Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas.

-E non cita ningunha de Ferrín?

-Malia que Ferrín publicou xa nesta etapa, entendo que as súas mellores obras, indiscutibles e xa clasicas, son posteriores, e entrar, polo tanto, no seguinte período desta mesma Historia da Literatura Galega, o que vai ir de 1975 a 2000.

-E en poesía?

-Unha referencia obrigada é Cunqueiro.

E, dende logo, teño que nomear a poesía -e a antipoesía- de Celso Emilio Ferreiro,sen dúbida un dos máis grandes poetas galegos de todos os tempos.

Compartir el artículo

stats