nha mesa redonda organizada polo Ateneo Atlántico de Vigo e a inminencia da publicacion, en tres volumes cumpridos, de Castelao, constructor da Nación, obra magna sobre o rianxeiro que Galicia agradecerá a Miguel Anxo Seixas, incítanos a remexer no Fondo dos Espellos. É posíbel que unha volta en profundidade a Castelao serva para acrecentar o noso coñecemento sobre a figura del. E tamén para clarificar a actual crise da esquerda nacionalista politicamente activa. Crise que, hoxe coma no tempo de Castelao, gravita sobre un dilema: debe o nacionalismo formar fronte coa esquerda de dirección española para frear o feixismo e facer avanzar Galicia polos vieiros, non da Saudade, senón da Autodeterminación?

Castelao, en 1931, foi un dos creadores e líderes dun Partido Galeguista, cuxo programa era mínimamente explícito sobre a condición nacional de Galicia, á que chamaba nebulosamente "célula de universalidade" e "sociedade cooperativa". Despois de ser desterrado pola dereita pseudo-republicana, con Bóveda, Castelao apoiou os que querían unir todo o galeguismo e toda a esquerda realmente existente para lle facer fronte ás augas toldadas e saídas de madre, do feixismo e do reaccionismo que xa demostraran que se podían facer donos dos poderes da República.

Foi así que, Bóveda e Castelao princilpalmente, levaron o seu partido ao Frente Popular en 1936. Isto ocasionou unha dobre fractura. Risco, Filgueira Valverde e demais galeguistas que terminarían insertados no franquismo, consideraban que a alianza de Frente Popular faría desaparecer a vindicación galega, alén de o ser de Galiza verse deturpado por ideoloxías alleas ás "raices cristiáns da nosa cultura". En consecuencia, Risco, Filgueira Valverde e outros máis, arredáronse do partido de Castelao e Bóveda "por andar en mas compañías", e fundaron un novo que titularon, con admirable sinceridade, Dereita Galeguista. Aínda máis, Valentín Paz Andrade tamén fuxiu do Frente Popular cun grupo de militantes galeguistas. Estes entraron ao Partido de Centro, de Portela Valladares e foron derrotados nas urnas.

O feito é que en febreiro de 1936 o Frente Popular gañou as eleccións. Castelao, Suárez Picallo, do PG, e Antón Alonso Ríos, nacionalista agrario, acadaron actas de deputado. Despois destas eleccións, o PG, apoiado polos seus aliados da esquerda de dirección española, conseguiu que o Estatuto de Autonomía se sometese a referendum en Galicia.

O resultado da consulta foi a victoria esmagadora do SI cunha participación por cima do que se agardaba. Por primeira vez desde a extinción do Reino no século XIX, Galicia, e en República, ía ter un goberno propio, aínda que Castelao pensaba que a autonomía endexamais enchería as nosas arelas de plenitude política. Non sería posíbel o Estatuto sen a participación activa dos partidos españois do Frente Popular, especialmente os sectores de Izquierda Republicana que, procedentes das Irmandades da Fala, non foran atraídas polo PG. E tamén o dinámico Partido Comunista de España que visibilizou neste intre a súa sensibilidade galeguista nas figuras de Benigno Álvarez e Lois Soto. O apoio do PSOE á autonomía de Galicia foi desigual. As dereitas, todas as dereitas menos a minúscula de Risco e Filgueira, estiveron en contra e intentaron, sen éxito, fomentar a abstención no plebiscito autonómico.

A lealtade de Castelao ao FP durante a Guerra foi total e mesmo, acentuouse a súa proximidade aos galegos do PCE. Aconselloulle Castelao a Lister a creación do Batallón Galego. Promoveu Solidaridade Galega Antifeixista. Sacou a revista Nova Galiza. Viaxou á URSS e fixo declaracións de simpatía por aquela realidade revolucionaria. Foi en compaña de Soto a Norteamérica e a Cuba no ano 1938. Con Soto e en Nova York, Castelao leu os escritos de Stalin sobre a cuestión nacional que o obrigaron a perfeccionar o concepto de Galicia como nación que tiña desde os días das Irmandades.

Castelao, ao se establecer en Bos Aires, coma os nosos compatriotas emigrados soían decer, non se entregou á malenconía do exiliado e dedicou o que lle quedaba de vida a construir a teoría e a organización precisas para o triunfo da causa republicana e autodeterminista de Galicia nos tempos negros nos que Galicia xemía baixo a bota de Franco. Converteu a comunidade galega de Bos Aires e Montevideo, principalmente, nun espazo liberado da Patricia, con masas de seguidores. Estableceu, na orde teórica, a noción de Galicia como nación con dereito á súa determinación ao que o PG renunciara. Disolveu o PG e fundou unha organización ampla co nome de Irmandade Galega. Estatuiu que o republicanismo non era unha opción accidental senón estratéxica e permanente.

Fundou, con deputados galegos de partidos de dirección galega ou española, o Consello de Galiza como fideicomiario da soberanía nacional nosa. Teceu lazos, co nome de Galeuzca, con representantes das legalidades republicanas e nacionais de Cataluña e Euskadi. Finalmente, aceptou o mandato do Frente Popular clandestino de Galicia e foi a París a formar parte do goberno republicano no exilio que presidiu o doutor Giral.

Castelao morreu en 1950 afirmándose no republicanismo que el situaba xa, ao lonxe, nunha futura Federación Ibérica. O nacionalismo seu non resultou disminuído nin pola vellez nin pola doenza.

O enterro de Castelao en Bos Aires, pola pompa e polo multitudinario, foi o dun Xefe de Estado respectado e amado. Ao deixar o seu corpo no cemiterio da Chacarita, ninguén pensou na posibilidade de este ser algún día repatriado a unha Galicia monárquica nunha España que mantiña presos políticos antifeixistas nas súas cadeas. Pero tales son episodios que deben ser lembrados noutra ocasión.