Estamos a falar do mamífero que Linneo denominou Canis vulpes, Boitard Vulpes vulgaris. Os nomes galegos do animal son varios. Golpe, raposa/o, zorra/o. Tamén bravú, polo cheirume da súa pelexa. E, despois, nomes de persoa que denotan que a raposa, como escribiu Alfred Ernout, é un "animal proverbial": Pedro, Perico, Xan.

Certo, a raposa é personaxe esgrevio na tradición popular oral. Nos séculos XII, XIII e XIV formáronse os relatos franceses titulados Roman de Renart. Debido ao éxito do personaxe central, un golpe chamado Renart (do nome persoal fráncico Reinhart), en Francia todos os raposos pasaron a chamarse renards. Alfonso Lopez de Baian, un trobador portugués dos nosos Cancioneiros, inventou un personaxe burlesco que usaba o nome do golpe en diminutivo: "Sedía-xe don Volpello en unha sa maisón?". O naturalista grego Enio, cuxa obra se latinizou como Historia Animalium, atribúelle ao golpe multitude de hábitos nos que aínda moitos seguen a crer. A astucia e a velocidade do zorro son referencia constante en naturalistas modernos e serios. E outras habilidades de procedencia folklórica, como é a súa capacidade para deter a respiración e o corazón e provocarse a si mesmo unha morte aparente, sonlle atribuídas aos raposos por eminentes científicos das Idades Moderna e Contemporánea.

Tratar da figura do raposo na literatura popular e na culta daría para un groso volume. Querémonos referir no Fondo dos espellos á fera inofensiva e simpática que realmente vive en lugares nunca arredados das habitacións humanas, mesmo nas proximidades de vilas e cidades de Galicia hoxe. Son animais de fuciño fino, pelaxe vermelliza, bracuxada no ventre, negraz na punta das orellas recortadas. É famoso o seu rabo longo, peludo, que pode estar adornado cunha nube alba na punta.

Se un raposo se cruza contigo e se perde velozmente no lonxe, este encontro dificilmente se borrará da túa memoría. Deixarache unha impresión festiva e os mil relatos literarios e populares que teñen ao golpe, a Perico ou a Renart, como protagonista se che confundirán na memoria. E pasarán por ela raposas e uvas e raposas e a Lúa e raposas con corvos, e raposas despulgándose no río, entre outras imaxes confundidas. Admirado pola súa condición de animal velocísimo, Varrón, na Antigüidade, recolle unha divertida etimoloxía de vulpes ou vulpis, que é como lle chamaban en Roma á raposa. A raposa sería o animal que "voa cos pés": "Volpes? quod volat pedibus". En todo caso, a raposa entrou na literatura latina, como non, no interior da materia cómica de Plauto.

A raposa é tamén obxecto de odios. O golpe asalta galiñeiros. Tamén lle fai dano á caza de pelo e pluma. En realidade quen acaba coa caza en Galicia é a plantación masiva de piñeiros e eucaliptos que reduce a biodiversidade de forma catastrófica. E a perda de searas e a retirada do noso monte baixo e da vexetación de gándara. Mesmo o venerábel pai da zooloxía galega, o doutor López Seoane, escribiu estas palabras no ano 1861: "Ningún animal merece más el exterminio que la zorra". Tales ideas son incompatibeis coa cultura naturalista contemporánea. E debemos aceptar que a raposa, coma outros animais odiados como poden ser a fuíña, o martagaño, a doniña, o teixugo, a londra, o urso, o lobo, deben ser animais coidados e protexidos polos poderes públicos e coidados pola sociedade civilizada de Galicia.

En tempos de López Seoane os concellos retribuían os cazadores que apresentaban unha raposa morta. Dábanlle ao home o rabo dela para ir polas aldeas exhibindo as evidencias da súa fazaña. Os campesiños premiaban o cazador con ovos e algún pito por os librar da alimaña.

Leo na prensa que se está a celebrar un campionato galego de caza do zorro autorizado plenamente pola Xunta de Galicia, ou sexa polo PP. Tamén leo que 75.000 raposos foron mortos polos cazadores galegos en 2011 e 2012. Isto, ao parecer, en cazatas individuais e en batidas colectivas debidamente legalizadas. Estase a escenificar esta carnicería en inverno, que é cando as femias entran en xaneira ou quentura e son fecundadas. Moitas delas, matadas, non chegarán a fabricar as súas toqueiras de catro estancias nas que crian a súa prole porque o balote lles cortou estupidamente a vida.

Esta masacre legal de raposos en Galicia é digna dunha reflexión, polo menos tan literaria coma o prólogo que Ortega y Gasset lle puxo ao Libro de la caza do conde de Yepes. Certo, a caza desata un atavismo salvaxe no humano: a pulsión da morte e o pracer de derramar sangue. Se a caza lle serviu á horda primitiva para sobrevivir, xa hai moitos milleiros de anos que as sociedades das que procedemos descobriron a agricultura e a gandaría e logo culminaron a revolución industrial e abriron a tecnolóxica. Co cal xa non é necesaria a caza para viviren ordenada e xustamente as persoas.Desde este punto de vista, as cazatas de raposos en Galicia constitúen unha actividade cruel e arcaica que non debería ter lugar. Se hai persoas ás que lles gusta apertar o gatillo, que fagan tiro ao prato.

CAIXA POSTAL

Catafel e frade

  • Recibimos no Fondo dos Espellos unha consulta referida ao nome vulgar galego dos insectos, que en castelán chaman "chinches de campo". Nunha ocasión Fermín Bouza Brei explicoume que os nomes dos insectos teñen unha xeografía lingüistica moi peculiar en Galicia. Mudan moito dun a outro espazo xeográfico segundo causas culturais e, por veces, máxicas. O propio Bouza ten estudado os nomes galegos do Lucanus cervos: vacaloura, alicornio, escornabois chámanlle en Galicia ao insecto máis grande e vistoso de Europa. Coido que o noso correspondente se refire ao insecto hemímtero que se alimenta de zumes vexetais e que se defende mediante unha secreción fétida que é activada por unhas glándulas situadas entre os artellos. Hai exemplares de tal insecto verdes e outros de cor acastañada, supoño que por obra do mimetismo. Coido que estes insectos fedorentos dos que nos falan pertencen ao suborde dos Heterópteros e familia dos Ropalidos. Coñécense varias especies cheirentas, algunhas moi afeccionadas e zugar da froita. O nome vulgar delas é catafel en Castrelo de Miño e frade, en Montefurado (Quiroga). Agradecémoslle moito esta información a dúas persoas coñecedoras do galego e curiosas da Natureza: Nicolás López e Emilio Pérez.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO