Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Das orixes do Circo en Galicia (2)

Cartel do Gran Circo Feijoo.

Antonio Piñeiro, amigo e escritor de Celanova, descobreunos, no Puerto Rico do século XIX, a existencia duns Hermanos Méndez, ao parecer famosos funámbulos. Se cadra é unha póla esgallada da árbore dos Feixóo Méndez. Será Silveria Feijóo Méndez un dos elementos do tal número portorriqueño de artistas do aramio? Xa sabemos que esta Silveria desapareceu sen deixar pegada da compañía de Secundino Feixóo cando este elevou o seu espectáculo á categoría de Gran Circo Feijóo. E en todo caso, non todas as troupes que se presentan como "irmaos" están unidos por tal parentesco na realidade.

O caso é que o Gran Circo Feijóo, so a dirección empresarial de Secundino Feixóo Méndez, e asistido sempre polo seu apoderado xeral Gustavo Rego Nieto, de Moreiras, concello de Toén, levantou por primeira vez o seu chapitó en Ourense sobre o ano 1932. Non deixaría de estar presente na zona desarborada da Alamede até que foi sustituido por outro circo, propiedade este dunha ampliación da mesma compañía: O Circo Americano. Isto último ocorrería por volta de 1950. En Ourense, e noutras cidades de Galicia, o Circo Feijóo triunfaba cada ano. Dirixido por Manuel Feixóo Salas, fillo do fundador e da "bela écuyère" Paca Salas, este continuou a liña ascendente iniciada polo pai Secundino, o cal falecera en Madrid en 1936. Sempre ao lado de Manuel, encontrábase a eficiencia e veteranía de Rego.

O Circo Feijóo desprazábase nunha frota de camións propios. Case todos os traballadores procedían do concello de Toén e falaban galego.

Naqueles anos corenta do século XX estreárase, no Losada, Dumbo, de Walt Disney, e aos nenos chamábanos moito a atención que, na película, os elefantes axudasen a chantar os ferros dos ventos da lona do circo. O Feijóo, por desgraza, non levaba elefantes e eran os de Toén os que, nun instante, levantaban aquel templo da fantasía e do humor. Elefantes non habería pero si, ás veces leóns, que en Ourense, todo o mundo dicía que saían á pista endrogados. Así e todo, un día un león levoulle medio brazo ao empregado que estaba a reparar o tunel das feras polo cal estas pasaban á pista. O domador coido que, a pesar dun nome circense exótico, falaba un excelente galego. Como nos encortinados camerinos internos, o falaba o fakir Daja Tarto, parece ser que orixinario das Ellas, na Extremadura galegófona. Daja Tarto, entre outras cousas moi esgrevias, comía e rillaba bombillas eléctricas. Nunca esquenceremos El Pirata del Aire. Este era un trapecista ao cal se lle partía, ao choutar desde a plataforma, en dúas a barra do trapecio e caía ao vacío arroupado por un berro de horror que logo se traducía en aplausos ao mirar que todo estaba preparado e que El Pirata del Aire pendulaba maravillosamente intacto sobre as nosas cabezas. O ilusionista Conde d'Aguilar seducíanos a todos, e as señoras achábano moi distinguido co seu fraque e o seu chapeo haut-de-forme. Un ano, apareceu Ramper no Circo Feijóo. El era un caricato individual en cuxos chistes, ás veces, se aventuraba unha levísima alusión política contra o réxime. No noso Fondo aparece a banda do pallaso Silva, que non podía faltar nos entreactos e mentres os mozos de pista e os artistas preparaban o número seguinte. El era de nación portuguesa. O Silva, que invernaba nunha fonda da rúa de Reza, en Ourense, botaba nos ollos un colirio que os facía relucir e faiscar soprendentemente. Pero os artistas favoritos do Ourense, e da Galicia, da miña nenez eran os Hermanos Cape, pallasos musicais. Normativos, intelixentes, tiñan clown dono dun castelán impoluto e acompañantes ben diversificados en voces, xestos e vestimenta. Os músicos do Circo Feijóo, case todos eles procedentes, como non, do concello de Toén, admiraban sen reservas a execución que os Cape facían dos máis famosos pasodobles ao dar a volta á pista no final da súa actuación. Final que sería sempre coroado por unha ovación pechada de agradecemento á súa arte. Un dos Hermanos Cape (non todos eran irmaos) chamábase Arturo, ou Arturito, en pista.

Arturo Castilla: velaí o seu nome e o seu primeiro apelido.

Arturo Castilla foi persoa moi importante na historia do circo. Despois de casar cunha cuñada do propietario do Circo Feijóo, o xa citado Manuel Feijóo Salas, este, convencido do talento de Arturito, asociouno á súa empresa, que pasou a se chamar Feijóo-Castilla. Convencidos ambos parceiros de que o circo tiña que renovarse como espectáculo de forma radical, puxeron mans á obra. Sobre 1950 fixeron desaparecer a marca Gran Circo Feijóo para dar paso ao del Circo Americano so a dirección artística de Arturo Castilla, quen abandoaría para sempre o seu oficio de pallaso.

O circo ruso transforárase radicalmente coa Revolución de Outubro. A arte de vangarda, a poesía radical de Maiakovski, a política bolxevike, modificouno para ben. O Circo Americano matou o espírito romántico e a emoción picassiana e bohemia do Circo Feijóo, depenicandolle a raíz galega de Vilanova dos Infantes. No seu lugar isumiu a marcha "Barradas e Estrelas", e a estética foi dun norteamericanismo máis adecuado á aproximación franquista cos EEUU que ao que Risco, adicto a toda estética futura, na que el incluía o circo, desexara. Aínda así nunca esquenceremos, no Circo Americano, a súa simpática presentadora brasileira en diálogo co funambulista cómico que usaba o nome artístico de Señor Kioto.

CAIXA POSTAL

Ourense e galeguismo

  • Adolfo Rego Pérez, sobriño do Gustavo Rego que sempre acompañou a Secundino e a Manuel Feixóo na súa aventura circense como administrador e director leal, fainos partícipes do seu malestar. El é un ourensao e un galego como dícia Castelao: "infusible ao soplete inatacable aos ácidos".Está triste, e eu tamén o estou. A causa das nosas tristuras é hidronímica. Como moitos de vostedes non ignoran, na cidade de Ourense, á altura do Polvorín e da ponte da estrada de Celanova, e a tiro de cantazo do Xardín do Pousío ou Posío, conflúen dous ríos. Un é o Barbaña ou a Barbaña (como La Seine) en feminino. O outro, considerado afluente do anterior, leva varios nomes ao longo do seu curso. Os xeógrafos máis ilustrados, coma don Ramón Otero Pedrayo, sen faltarlle ao respeito a esa variedade local de nomes, unificáronnos todos e chamáronlle, ao río que desemboca na Barbaña, Río dos Muíños. Ese é o nome que lle dá Otero Pedrayo na inmortal Guía de Galicia e en toda ocasión en que tal corrente de auga aparece na súa obra magna e maltratada. Hai xa anos que, en medios de comunicación e en referencias municipais, e coido que tamén na Confederación Hidrográfica, o Río dos Muíños mudou de nome.Agora chámanlle unanimemente Río "Barbañica". Non sei quen foi o responsábel (ou irresponsábel) da mudanza do nome do noso río, poñéndolle un sufixo diminutivo aragonesizante ao caro hidrónimo prerromano Barbaña. Unha e outra vez aparece "BARBAÑICA" nos media e unha e outra vez protestamos, o señor Rego e máis eu, nos medios de comunicación. É que non hai xa galeguistas en Ourense? Tén ou non tén a miña cidade natal un organismo toponímico ou un cronista oficial ou un intelectual respeitado que vele por impedir estas barbaridades invasivas e, un punto, ridículas? O Río dos Muíños, que eu coñecín cheo de vida e sendo mesmo fogar de sapoconchos e ratos palmeados no seu curso medio e alto, debe seguir chamándose como Otero Pedrayo e tamén como Vicente Risco e Adolfo Rego nos ensinan: Río dos Muíños. Xurolles que cando entro conducindo en Ourense e procedente de Vilanova e paso pola ponte, fecho os ollos un intre para non ver un letreiro que di omonosamente: "Barbañica".Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats