Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Das orixes do Circo en Galicia (1)

Pistacatro, durante un dos seus espectaculos. // Víctor Echave

O circo galego naceu en Vilanova dos Infantes e na segunda metade do século XIX. O nome oficial daquela vila e concello era "Villanueva de los Infantes". Reporíase o orixinal galego no ano 1918, adiantándose notabelmente á restauración toponímica de Galicia. Vilanova era unha poboación de mais de cen viciños, murallada na Idade Media e dotada no século XV dunha potente torre feudal que pertenceu á casa de Monterrei. A torre, por algunha razón que a Historia parece descoñecer, pasou no liberalismo a ser casa consistorial ou sexa sede do concello. O termo municipal de Vilanova dos Infantes, na provincia de Ourense, comprendía, alén da vila, as freguesías de Castromau, Viveiro, Freixo; con lugares acasarados e o antigo pazo das Ribas. Durante a dictadura de Primo de Rivera, o concello de Vilanova foi anexionado ao de Celanova.

Na Vilanova do século XIX, e aínda do XX, a maioranza da poboación era allea á agricultura e ben pobre. Estas familias non soían ter casa de seu e vivían arrendadas en humildes moradas achegadas á muralla da vila. Os homes destas familias dedicábanse á artesanía do zapato. Producían a mercadoría en pequenos talleres chamados "cuartos". Levaban os zapatos a vender ás feiras a andar, os varóns cargándoos ao lombo e as mulleres á cabeza. As mulleres viuvas e solteiras con fillos desenvolvíanse coma panadeiras. Elas comprábanlle o grao aos labregos ou aos administradores do señorío. No muíño, o muiñeiro quedaba como pago cunha maquía de grao. Cocían en forno propio ou en forno particular, caso no cal tamén lle tiñan que cotizar á forneira. Andaban, a pé, polas feiras a vender o pan e criaban os meniños cos míseras gañancias deste mester. Os zapateiros podían simultanear o seu oficio de obra prima coa música. Formaban pequenas agrupacións polo mundo para tocaren en festas e romaxes, o cal, co tempo, diu lugar á aparición da banda popular de música de Vilanova dos Infantes. Os músicos facían saídas no verán por Galicia, Portugal, Castela. Tamén os zapateiros podía marchar para traballaren polo oficio en terras distantes. A isto chamouselle en Vilanova "a ambulancia". Por parte, eran ambulantes algúns veciños que se dedicaron á venda de tecidos.

Esta poboación de Vilanova vivía en ruís condicións de salubridade e hixiene. Non había máis ca unha fonte nas aforas e o pilón que hoxe loce no centro da vila, Praza do Recreo, non foi inaugurado, no medio dun grave conflicto social, até 1918.

Nunha casiña terreña, ao pé da muralla de Vilanova dos Infantes, vivían Manuel Feixóo Feixóo, músico ambulante e cego, coa súa muller, Manuela Méndez López. Sobre 1870 tiveron un fillo: Secundino Feixóo Méndez. Este Secundino era irmao da miña avoa paterna, Blasinda, e, portanto, meu tío avó.

Secundino aprendeu música e acompañou o seu pai, coñecido en Vilanova coma o Tío Ceguiño, na súa ambulancia. Formaron, con outros coma eles, unha pequena banda que se asociaba, con frecuencia, con troupes, tamén xentes do camiño, dos titiriteiros. O Tío Ceguiño, meu tataravó, foi morrer en Peñaranda de Bracamonte.

Convén sinalar que, naquel tempo, os titiriteiros nada tiñan que ver coas marionetas nin co guiñol. Chamábanse así os grupos de artistas circenses que montaban o seu espectáculo ao ar libre e eran pagos polo público cunhas moedas.

Conta a lenda que, un día, Secundino reapareceu en Vilanova cunha súa compañeira, tamén do ambulancia e dos camiños: Francisca Salas Cerdán. Nun claustro do convento de Celanova prepararon un número de circo a base de touros de lidia amestrados. Este número estaba destinado a facerse clásico e aínda o que deste xénero liderado por Manuel Rueda nos anos cuarenta do século XX gozou de sona, sobre todo en Francia. Hai unha lenda, hostil a Secundino, que pretende que aqueles touros colludos fosen vacas mansas ás que el lles tocaba a gaita vestido de toureiro: chéirame a falsidade. Outros, na miña nenez, lembraban con admiración a Paca Salas montando moi ben cabalos andaluces ou mesmo facendo evolucións sobre un dos citados touros bravos. Formado o número, e casados en Vilanova Paca e Secundino levaron o seu espectáculo polo mundo, en circos coma o Fasy ou Fasio, que co tempo terminaría por dar en creba e perderse xunto co burro cantor Rigoletto. Parece que meu avó Manuel Cucufate Méndez Santalices, comerciante en Vilanova e home de Blasinda Feixóo Méndez, lle axudou a Secundino e Paca a crearen o seu propio circo. O cal sería coñecido como Gran Circo Feijóo. No relato familiar desta fundación do circo en Galicia, ten un lugar secundario, pero sumamente novelesco, a miña tía avoa Silveria que acadou sona como funambulista.

Manuel Rego Nieto, fillo de Gustavo Rego, que foi durante toda a vida a mao dereita de Secundino Feixóo, escribiu moito sobre este e sobre a historia e raíz ourensana do circo. Di así Rego Nieto, nunha das súas publicacións: "En 1900 o Circo Feijóo xa vai adquirindo recoñecida sona. Xa se autotitula O Maior Espectáculo do Mundo. Saen en Europa e sempre sentín dicir que reis e xefes do estado non perdían os seus debouts". Por entón, Secundino e Paca dixéronlle adeus ao pó dos vellos camiños e á miseria e estreiteces do pasado.

CAIXA POSTAL

Pistacatro: o novo circo galego

  • A representación en Compostela, Coruña e outras prazas galegas, de Arnoia, Arnoia e a Casa Pequena en forma de teatro circense, ao modo vello moscovita, ocasionou unha conversa en internet moi interesante. Xurdiu o tema das raíces e da evolución histórica do circo en Galicia. Poucas persoas do mundo da cultura son conscientes da fondura e rubusta implantación do circo en Galicia desde a segunda metade do século XIX. O último grande fogar circense de Galicia está a ser Pistacatro, que ensina e fai circo. Un dos intervintes no citado chat, diríxese a min para pedirme que trate de Arnoia, Arnoia de Pistacatro, dirixido por Quico Cadaval, en relación á historia do circo en Galicia. O espectáculo último de Pistacatro revela un alto nivel de profesionalidade nos artistas e unha concepción absolutamente contemporánea do circo e das súas disciplinas. Naturalmente ten razón o noso comunicante ao falar da necesidade de investigar e difundir a Historia do Circo en Galicia. Ela é unha historia colectiva que inclúe milleiros de persoas, de traballadores manuais a artistas e empresarios. Ten moito de nacional pero tamén moito de universal e cosmopolita. Do mesmo modo que o Cirque du Solei está máis perto do circo soviético que do Circo Americano da derradeira etapa do Feijóo, así Pistacatro se aproxima máis as ideas circenses de Maiakovski que ao grande ilusionismo do estilo poscircense de Las Vegas. En todo caso miramos no Fondo dos nosos Espellos e atopamos alí experiencias individuais e referencias de memoria familiar que iremos tratando nesta sección. Dos historiadores do circo en Galicia consultaremos traballos de Lope de Bonaval, Rafael Salgado, Marqueríe. Pro, sobre todos, teremos en conta os de Manuel Rego Nieto.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats