Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De novo a EPG

A Estampa Popular Galega foi estrangulada por aquel réxime franquista ao que ela soubo desafiar con valentía

"Mariñeiros" (ca. 1968), linograbado sobre papel de Xavier Pousa.

Carmela e Zara Pousa fanme chegar, moi atentamente, un artigo publicado no núm. 337 (ano 2011) da revista Goya: Noemi de Haro García, La breve pero intensa actividad de la Estampa Popular Galega. A súa lectura remexe lembranzas no noso Fondo dos Espellos e mándanos seguir unha migalla máis coa Estampa Popular Galega (EPG). Obedezo.

O colectivo EPG era plasticamente heteroxéneo. Nuns artistas predominaba a intención crítica e axitativa da arte chamada polos clásicos marxistas Tendezkunst e que habería de ter unha modificación sartreana coa expresión art engagé ou arte comprometida. Noutros creadores pesaba máis a figuración mostrativa dunha certa imaxe de Galicia, intensamente feminizada. Intervención política antifeixista e nacionalismo convivían en todos eles coa procura de novas fronteiras visuais. Nos máis dos membros da EPG había conciencia de continuidade a respecto da arte mobilizada dun Castelao, un Souto, un Seoane ao tempo que se tiña en conta a experiencia abstracta d'A Gadaña. Ou sexa: Brais Pinto en plástica.

A EPG foi unha factoría cuxo obxecto era producir gravados e distribuílos en forma de exposición itinerante por Galicia enteira. Púñanse á venta 300 copias de cada unidade. Usouse a litografía aprendida por Patiño, e outros compoñentes, no taller madrileño dos Dimitri, o Papageorgios e o Perdikiris, antigos gravadores da fábrica de moeda grega, e tendo como mestre estampador un home inesquecibel de apelido Repila que fora capitán no 5º Rexemento de Líster. Tiña importancia a xilografía, na que gozaba dunha nobre tradición en Galicia. En canto ao gravado en linóleo, considerábase que fora introducido entre nós polo propio Castelao e era tido en alta consideración doméstica no mundo gráfico e da ilustración literaria. Outras modalidades de gravado estaban tamén presentes na EPG.

En canto a artistas participantes, lembramos os nomes e as estampas de Barreiro, Cidoiro, Blas Lourés, Vázquez Diéguez, Datas, Ánxel Sevillano, Lodeiro, Beatriz Rey, Mateo, Gallego Vila. Había artistas de anteriores xeracións, coma o ourive Mareque e os pintores Díaz Pardo, Laxeiro, Manuel Torres. No aspecto organizativo, responsabeis principais na EPG foron Xavier Pousa, Elvira Martínez Villa e Reimundo Patiño. Non podemos esquencer Xosé Ignacio Pardo Pedrosa, artista cuxo nome aparece citado de formas diferentes, por el ser o autor dunha estampa antifeixista e antimilitarista, titulada "As medallas do xeneral" que foi considerada coma o fulminante que fixo detonar a ira do poder franquista contra a EPG.

Durante o verán do ano 1968, entre outros lugares, a EPG espuxo en Las Tinajas da Coruña, nas festas de Parga, no Círculo Victoria de Monforte, no Elixio de Vigo, nos Padres Somascos da Guarda, no restaurante Galicia de Tui. A raíz desta última mostra foron detidos compoñentes da EPG, coma Elvira Martínez Villa, Xosé Lodeiro, Xavier Pousa e outros, que sufriron interrogatorio en dependencias da BPS. Pousa, como xa se dixo, pasou á prisión provincial de Pontevedra. Procesouno o xuzgado militar por delictos de inxurias a España, ao exército, e cousas similares. O acontecemento tivo moi ampla repercusión en Galicia e no mundo. A EPG viuse, obrigada a se disolver. Aínda así, tivo unha última aparición ultramariña. Fóra do alcance dos fascistas de Tui, da BPS, do tribunal militar, de Franco en suma.

Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, en efecto, conseguiron que a EPG pasase o Océano e o Ecuador e fixése senllas aparicións, en 1969 e 1970 (coincidindo co Estado de Excepción de Carrero Blanco) e co incremento da acción/represión/acción en Galicia) no marco das notabilísimas Xornadas de Cultura Galega do Uruguay. Á EPG sumáronse, en Montevideo dous creadores non galegos, Alberto Corazón e Tino Calabuig os cales iniciaban así unha fructífera colaboración en Madrid con Reimundo Patiño.

A EPG foi, pois, estrangulada por aquel réxime franquista ao que ela soubo desafiar con valentía. O seu espírito, esixente estéticamente e eticamente, continuou e segue a ter sentido histórico e poder de hexemonía no plano dos valores. Algúns dos parceiros da EPG figurarían nas mostras de Atlántica, anos despois.

A EPG ben podía expór hoxe e por derradeira vez os seus tesouros no ámbito glorioso (Siza Vieira) do CGAC, dado que o MARCO, que foi cadea de exterminio de presos políticos, se eclipsou. Non penso que ninguén vaia levar á práctica o que no Fondo dos Espellos propoñemos. A sombra todopoderosa do Comité de Enlace do ministro Fraga Iribarne aínda está aí.

CAIXA POSTAL

O máis grande termiteiro do mundo

  • Darío Xohán Cabana, alén dun grandísimo escritor e traductor ao galego de grandísimos escritores, é observador curioso e permanente da Natureza. Acaba de enviarnos ao Fondo dos Espellos unha extraordinaria noticia que difundiu a revista científica Current Biology. Trátase de que unha especie de termita construiu un sistema de termiteiros tan vasto coma a Grande Bretaña. Esta barbaridade encóntrase no Nordeste do Brasil. Esta especie de termita mide a penas 1,3 cm., aínda que o macho e a femia, ou mestra, de cada comunidade sexa algo maior. En todo caso, nin os machos nin as femias traballan na construcción. Esténdense as elevacións sobre unha extensión de 230.000 km2 e constituen medas terreñas duns 2,5 m. Parece que se trata da maior estructura fabricada por unha especie de insecto. A especie de termita é a Syntermes dirus, que nos meus anos escolares clasificabamos dentro da orde dos Arquípteros. Non sei hoxe.Segundo informa Darío, en medios civilizados do Brasil hai incomodidade pois presíntese unha política anti-conservacionista por parte do novo presidente, Jail Bolsonaro. Na súa campaña electoral, este radical prometeu alixeirar os permisos de deforestación e de minaría, co cal o grande termiteiro podería desaparecer. Nós, desde o Fondo dos Espellos, estamos dispostos a apoiar calquera manifestación en defensa de tan notabre monumento natural.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats