Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Castelao: martirio en familia

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886 - B. Aires 1950). // Joaquín Pintos

Teño sobre a mesa o recordatorio da morte de Castelao coa foto de Pacheco e o poema de Cabanillas, obra da clandestinidade nacionalista. Veño da exposición no Gaiás ("A derradeira leición do mestre") organizada por Miguel Anxo Seixas, á marabilla. Do Fondo dos Espellos, en forma de galaxia espiral, móvese na memoria a familia martirizada de Castelao por obra da sublevación franquista.

Alén do cadro central, chaman a atención na mostra dous óleos da autoría de Manuel Rodríguez Castelao (1905-1937), curmán de Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Este Manuel, mestre e pintor, pertenceu en Rianxo ao Partido Galeguista. En 1936 foise ocultar a Vigo, nunha casa dos irmáns Illa (ou Isla) Couto, tamén galeguistas. Sabemos isto aínda que algunha fonte sinala tales irmáns, Ramiro e Xaime, coma presos na Illa de San Simón naquel tempo.

Unha rede de resistencia clandestina fretara en Vigo un bou que debía levar un grupo de fuxidos a Francia o 23 de abril de 1937: o Eva. Entre os fuxidos encontrábase Manuel Rodríguez Castelao e mais o seu medio irmán Xosé Losada Castelao (1891-1937), mestre igualmente e galeguista. Houbera unha delación e os falangistas e regulares sublevados tomaron a doca na que o bou Eva estaba atracado, no Berbés. Tense contado o episodio de modos diversos: todos coinciden no desenlace. Os fuxitivos do bou Eva morreron a tiro logo de seren reducidos con mangas de auga a presión. Un relato críbel fala de suicidio colectivo antes de caír nas mans dos fascistas. Un terceiro curmán de Afonso Daniel, tamén rianxeiro, e, neste caso, xastre de oficio, foi detido dez anos máis tarde, en 1947, pola Brigadilla da Garda Civil ou pola policía política franquista. Era Mariano Otero Castelao e integrou o continxente de membros do Partido Galeguista e das Mocedades que aceptaron a unidade coordinada co PCE para a loita a prol da restauración republicana e a instauración do Estatuto do 36. Con Otero Castelao estaban Xosé Velo, Ramón de Valenzuela, Mastache e moitos outros e outras. Integraban eles a organización de Unión Española que se reclamaba continuadora do Fronte Popular. Apoiaban ao Exército Guerrilleiro. Produciuse unha caída en 1947, e Mariano Otero Castelao, con Xosé Velo, e máis, foron torturados duramente. A Mariano Otero Castelao estoupáronlle o bazo nos interrogatorios.

Aproveitando un breve intre de libertade provisional, xa procesado pola xurisdición militar, Xosé Velo e Mariano Otero Castelao saíron de España. Volvéronse encontrar en Caracas, onde coincidiron na fundación do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) que declarou o "estado insurreccional" en España e Portugal ao tempo que se manifestaba por unha república federal ibérica que se constituiría con Galicia como estado soberano. O DRIL levou a cabo, para abraio do mundo, o asalto e toma do trasatlántico portugués Santa María.

A seguir do golpe militar de xullo do 36, Castelao e a súa dona, Virxinia Pereira, permanecen na zona republicana. Pero en Pontevedra, a súa casa da rúa de Oliva foi despoxada das pertenzas familiares e todos os seus bens resultaron incautados. Salváronse, por diversas vías, libros e obras de arte que hoxe se conservan no Museu de Pontevedra. Castelao foi destituído como funcionario público, e multado, alén de ser incluso na Causa General franquista. As irmás de Castelao, Josefina e Teresa, sofreron exaccións económicas e ostracismo social por parte do réxime e da veciñanza fascista de Rianxo. Coidou delas a familia Baltar, que estaba en boa posición económica e moi difícil posición política a respecto dos sublevados. Tanto é así, que o doutor Ramón Baltar, protector de Josefina e Teresa, foi preso e posto a disposición do Tribunal para a Represión da Masonería e do Comunismo, antecesor do TOP, e este, da Audiencia Nacional. Ramón Baltar (con Darío Álvarez Blázquez, Fernández del Riego e outros) foi acusado de pertencer á UIL ou OIL (Unión ou Organización de Intelectuais Libres), animada polo PCE. Aínda así as irmáns de Castelao souberon resistir con dignidade en Rianxo, até a fin das súas vidas.

En canto a Virxinia Pereira, esposa de Castelao, voltou á España franquista e nós tivemos ocasión de visitala na Estrada en 1968, en compañía de Isaac Díaz Pardo. Ao ano seguinte, ela falecía en territorio español. Rapidamente, Fernández del Riego mobilizou os seus máis próximos amigos e compañeiros do PSG que, á marxe e sen contar co apoio xerárquico do piñeirismo, fixeron inserir en toda a prensa galega unha esquela na que se participaba ao pobo o falecemento da viúva de Castelao, tratándoa de Excelentísima Señora. Sabemos que Del Riego e os seus colaboradores recibiron ameazas da BPS e reconvencións de todo tipo. O mesmo que os directores dos xornais.

A marxinación, a morte civil, a perda das carreiras administrativas, o exilio forzado, a incautación do patrimonio, as multas, as detencións acompañadas de tortura, as mortes violentas, castigaron a familia de Castelao. Foron por certo moitas as xentes galegas que padeceron estas e outras represalias. Pero hoxe lembramos a familia de Castelao ao mirar no museu do Gaiás o cadro dun mestre asasinado.

A Miguel Anxo Seixas,

X.L. Axeitos e Lucio Martínez Pereda; co meu agradecemento

CAIXA POSTAL

Wenceslau-Albert Barrufet Couñago

  • Chéganlle ao Fondo dos Espellos tristes novas. Que falan de morte. Do falecemento, hai algúns meses, de Wenceslau-Albert Barrufet Couñago, cando contaba cuarenta e cinco anos. Era fillo de diáspora. De pai catalán e nai galega, do concello de Redondela, de Ventosela. Sabemos que el e o seu irmán falaban de meniños, interferidas, varias linguas. Galego, catalán, alemán; o cal é posíbel na casa e na escola. No recordatorio que nos fai partícipes do seu pasamento, un poema en catalán de Lluis Llach e un poema en galego de Rosalía de Castro. Fillo pois, Wenceslau-Albert, de Victoria Couñago Míguez e de Pere-Albert Barrufet Lahuerta. Que, aos citados, engaden textos belos e profundos de Manuel María, e uns versos daquel "Cant dells Ocells" co que despedía sempre os seus concertos de cello Pau Casals coma un himno de amor á súa patria e á condición humana. O mellor e máis simple Casals e o Manuel María máis grande: "Márchate para fundirte e confundirte/ coa terra e máis alá". Por qué traguemos este defunto aquí? Porque el representa toda a dor da emigración e tamén a capacidade da diáspora para transmutarse en memoria leal. Durante moito tempo o pai do morto, Pere-Albert, estivo favorecendo esta plana do Faro con información de primeira man sobre o proceso republicano catalán. Con documentos, escritos teóricos, crónicas, que nós agradecemos sempre cordialmente. Hai días que nos miramos por vez primeira cos pais de Wenceslau-Albert, sen saber cousa da morte deste. Reciban eles, Victoria e Pere-Albert, desde o máis Fondo dos nosos Espellos, as máis sentidas condolencias.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats