Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

60 anos de "Bocarribeira"

Otero Pedrayo em Madrid (1958) con membros de Brais Pinto e outros. De esquerda a dereita, arriba: Bautista Álvarez, Caamaño Bournacell, Otero Pedrayo, Reimundo Patiño, Bernardino Graña, Ben-Cho-Shey, Méndez Ferrín. Embaixo: Alonso Montero, Camilo G. Suárez Llanos e Xosé Fernández Ferreiro.

A actividade pública de Otero Pedrayo foi moi intensa no ano 1958. Se remexemos no Fondo dos Espellos veremos o Mestre aquí e acolá, se cadra despedíndose dunha etapa da súa vida que findaba coa xubilación como catedrático de Xeografía na Universidade compostelá. El, no intre da derradeira lección, ocupou o púlpito do paraninfo e anunciou que ía falar na lingua de Pondal. Un aplauso fechado conmoveu aquelas paredes e as abóbadas decimonónicas pois non había moito tempo que lle fora vetado facer un discurso alí en galego a Xesús Alonso Montero.

Aquel mesmo 1958 conmemorouse en Madrid o casamento de Rosalía con Murguía sen o consentemento das familias nin presenza de convidados. Unha moza libre e un mozo non menos inconformista iniciaban unha vida en común que lle reportou a Galicia longos e fondos recursos de conciencia. Don Ramón Otero Pedrayo, desde unha fiestra do piso na que vivía en Madrid Rosalía a súa fecunda bohemia e anos de formación, e á altura dos seus setenta anos, ilustrou sobre Galicia e Madrid unha masa que enchía a Calle de la Ballesta a rebordar. Xa no Centro Gallego, en Bailén, Otero Pedrayo compartiu mesa de oradores con Fraga Iribarne e outros. Fraga estivo impertinente e dixo que con Franco xa non existían en Gallicia "viuvas de vivos". Erguéronse en protesta airada, entre o público, Reimundo Patiño e Bautista Alvarez, seguidos por outras persoas máis que abandonaron o salón de actos con certo estrépito. Fraga Iribarne desempeñaba ao tempo algún cargo importante franquista e preparábase para ser ministro de Información, ou sexa da censura. Lembro que en Madrid corrían uns doces ventos de primavera.

Se, coincidindo coa Pascoa, en Padrón houbera o ano antes concentración cívica con bandeiras galegas para inaugurar o monumento a Rosalía de Castro, neste 1950 de que falamos a vila de Morgadán e do Sar reiterou a concentración cunha homenaxe nacional-popular a Ramón Cabanillas. Evacuou Otero Pedrayo un discurso memorábel e a emoción pintábase na faciana engurrada do Poeta da Raza. Un Espolón ateigado de populares e principais resultou conmovido e nos meus ouvidos aínda resoan ecos das reiteradas ovacións. Grande e conmovedor mitín de masas! O grupo Brais Pinto, de Madrid, en 1958, dispuxera a edición dun libro de poemas de Otero Pedrayo, titulado Bocarribeira. A primeira vez que se publicou un feixo de textos poéticos de don Ramón fora cando Francisco Fernández de Riego os reuniu e incluiu na súa Escolma de Poesía Galega, Galaxia, Vigo, 1955. Bocarribeira ía demostrar a existencia dun altísimo poeta chamado Ramón Otero Pedrayo. Así que Brais Pinto recorreu a Gráficas Numen, da rúa Velázquez Moreno, Vigo.

Fundadas por Xohán Noya, ilustre político e xornalista republicano da Guarda, en Gráficas Numen funcionaba a minerva na cal en Ourense se imprimira o xornal La Zarpa, de Basilio Alvarez. Entre outros motivos de simpatía e reciprocidade entre Brais Pinto e a Numen estaba o feito de que alí se imprentara o Voz y Voto, de Celso Emilio Ferreiro; unha especie de ensaio xeral en castelán do que habería de ser Longa noite de pedra. Cunha particularidade: a edición foi ilegal e clandestina e o libro figuraba como editado e impreso no Uruguay. Outros libros importantes para Brais Pinto foran tamén impresos en Gráficas Numen e so a supervisión do señor Paratcha, que exercía como rexente dos talleres.

Unha vez impreso Bocarribeira que se subtitulaba Poemas pra ler e queimar, Brais Pinto levoulle vinte exemplares a Otero Pedrayo. Esta entrega produciuse en Compostela, o 25 de Xullo de 1958 e no curso dun banquete patriótico ao que asistiu un Blanco Amor recén chegado de Buenos Aires. Otero emocionouse e celebrou no discurso a publicación do seu primeiro libro poético. En realidade, non volveu publicar outro ningún do xénero.

Bocarribeira foi aceptado e ben valorado pola crítica en 1958, aínda que daquela había reticencias verbo do Otero Pedrayo poeta. Unha ollada nova sobre este libro, e sobre a totalidade dos moitos poemas espallados por Otero, abriuse máis recentemente e Bocarribeira, ao ser reeditada por Galaxia no ano 2005, foi coñecido por novas camadas xeracionais de leitores de poesía e de poetas.

Compre sinalar que o editor e prologuista desta segunda edición, Anxo Angueira, abreu novos camiños de coñecemento para a aprezazón de Bocarribeira e profundizou na obra a bucío.

E aquí estamos hoxe, a celebrar os sesenta anos de Bocarribeira como valiosísima aportación ás letras galegas do século XX. Días atrás, e a proposta de Xurxo Martínez, Ana Acuña e Anxo Angueira disartaron en Redondela sobre Otero Pedrayo, Bocarribeira e os seus editores de Brais Pinto usando de fermosas palabras carregade verdade poética e histórica.

CAIXA POSTAL

Cela

  • "Querido Ferrín, lin con interese no teu Fondo dos Espellos o que dis de Camilo José Cela e da súa relación con poetas galegos tales como Iglesia Alvariño e Celso Emilio Ferreiro. Como se explica a súa posición intransixente coas linguas faladas en España e diferentes do español? Era Cela antigalego?Roi Martínez AndréMadridCela sempre dixo que o galego non era a súa ferramenta literaria. Pero respectábao e conservamos textos seus en galego: algún discurso, artigo, poemas (moi forzados). Nos días da Transición Cela converteuse nun botarate político, o cal se fixo notorio ao maltratar o P. Xirinács cando este profiaba en falar catalán no Senado. O cal non impide que a derradeira obra narrativa (se se pode chamar así) deste autor constitúa, mesmo estando escrita en castelán, unha inmersión temática e sentimental en Galicia. A súa novela, Madera de Boj áchase empredada de textos en galego, o cal lle valeu o rexeitamento de vastas continxentes de lectores españois. Antes da súa posición política na Transición, Cela mantiña excelentes relacións co mundo literario galego. El mesmo promoveu que Risco traducise á nosa lingua La Familia de Pascual Duarte, que distribuiu Galaxia. Xa falamos da función desempeñada por Papeles de Son Armadáns. Pero houbo máis, Cela levou aos encontros de Formentor, acontecementos de alto releve, aos nosos mellores poetas. A amizade persoal de Cela con Celso Emilio, os Alvarez Blázquez, Aquilino Iglesia Alvariño, González-Alegre e outros, era cousa ben coñecida. Calquera que se chegue á figura de Camilo José Cela acharase frente a moitas contradiccións, como ocorre con outros grandes escritores.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats