Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Poesía galega na España franquista

Debuxo de Picasso para un poema de Celso Emilio en "Papeles de Son Armadans".

A poesía en galego tivo unha importante audiencia na España cultural da segunda metade do século XX, aínda que a súa presenza no ensino fose insignificante e marxinal. Ler poemas de Celso Emilio Ferreiro ou Aquilino Iglesias Alvariño ilustrados por Picasso ou Miró en Papeles de Son Armadans foi para nós, moi novos, un consolo por mirar as nosas mellores letras lumbrigando na revista cultural máis prestixiosa da triste España franquista. Papeles de Son Armadans foi unha publicación creada e dirixida por Camilo José Cela entre 1956 e 1979. Alí nunca se ocultou, e aínda se lle deu releve (e lume de viqueira) á mellor poesía galega da época.

Da alta consideración que lle tiveron moitos lectores non galegos á nosa poesía nos días ominosos foi axente provocador inicial Papeles. Por iso, e por outros asuntos que non nos ocuparán hoxe, no Fondo dos Espellos sempre mornearán un remol de agradecemento a Camilo José Cela. E o noso conto pasa agora a falar de Raimon.

Ramón Pelejero Sanchis era un mozo de Xàtiva que se movía na esquerda pancatalana e nacionalista (Partit Socialista de Alliberament Nacional, Partit Socialista del Pais Valenciá) e nas proximidades do PSUC comunista que un día liderara Joan Comorera. Con nome artístico de Raimon fixose aquel mozo famoso non só nos Países Cataláns se non en toda a sociedade opositora española ao réxime de Franco. Unha súa canción, "Al Vent", coido que creada en 1962, converteuse en preferida (case un himno) dunha España antifeixista que se quería plurinacional.

"Al vent/ tots plens de nit/ buscan la llum€", son as primeiras palabras dunha canción que uniu a esquerdas de todo o territorio español contribuindo a lle insuflar un espíritu plurinacional. Así, en 1966 Francisco Almazán e outros lanzaron en Madrid, uns pregos poéticos que titularon Al Vent. Raimundo Patiño e Vicente Vázquez Diéguez, galegos, estaban no equipo editorial e, naturalmente apareceron poemas no noso idioma, máis ben de contido político, protestatarios e socialrealistas coma os demais textos que se publicaban na revista. O que non impedía que outras tendencias, estivesen nela representadas por un José Miguel Ullán ou un Pedro Gimferrer. Non era, pois, sectaria Al Vente de Madrid.

Un dos poetas de Al Vent foi José Batlló, poeta barceloní de expresión castelá. Este converteuse en editor principalmente de poesía, sempre acompañado de Amelia Romero. Débelle a literatura galega a Batlló a segunda edición de Longa Noite de Pedra, que saiu ao mundo na Editorial El Bardo, de Barcelona, en 1967. Levaba un prólogo de Basilio Losada e a edición era bilingüe. O éxito foi fulminante. Sempre reimpresa en El Pardo de Batlló, as edicións sucedéronse e Ferreiro converteuse nun dos poetas máis lidos (tamén moi musicado) no Estado Español. Entre as iniciativas editoriais de Batlló achamos unha clandestina: Si la píldora bien supiera no la doraran por fuera, Revista exterior de poesía hispánica, 1967. Discutíase se a impresión se facía en Barcelona ou en Perpiñán, desde onde se levaría ilegalmente a Barcelona. O caso é que publicaba textos en galego, vasco, catalán e castelán. Tivo La píldora o acerto de dar á luz por primeira vez un texto que había de ecoar poderosamente na poesía galega: o "Viet Nam Canto" de Novoneyra. Grande home e xeneroso, José Batlló.

As antoloxías de nosa poesía, en edicións bilingües galego/castelán e distribuidas en todo o territorio español e aínda na América Latina, contribuiron naquel tempo á difusión e coñecemento desta materia non escolarizada. A primeira en irrumpir no espazo literario español débeselle a Ramón González Alegre: Antología de la poesía gallega contemporánea, Adonais, Madrid, 1959. Foi moi sonada a que se titulou Ocho siglos de poesía gallega, Madrid, Alianz Editorial, 1972, que asinan Carmen Martín Gaite e Andrés Ruíz Tarazona. A crítica foi severa con esta obra, achacándolle un grave descoñecemento do galego que deslucía as traduccións ao castelán. Moi aplaudida e vastamente aceptada foi a antoloxía Poetas Gallegos Contemporáneos, da autoría de Basilio Losada (Seix Barral, Barcelona, 1972). Antes de ser publicada a maioría destes libros antolóxicos, en León, a revista Claraboya que dirixían Agustín Delgado e Luis Mateo Diez, dedicou un número extraordinario en (1967) á poesía galega máis nova. Cecais esta antoloxía de Claraboya fose o punto de partida do achegamento de moitos autores, poetas e prosistas, leoneses (alén dos citados, Gamoneda ou Merino), á nosa literatura, o que resulta evidente nalgunhas das súas mellores obras. O tan citado José Batlló quixo completar a liña de antoloxías poéticas de El Bardo, e encargoulle unha ao autor deste artigo. Infelizmente tal obra só pode ser consultada no arquivo de Alcalá de Henares, onde se conservan os orixinais que non foron á imprenta por non seren aceptados pola censura ou "consulta previa" de Fraga Iribarne, ministro de Información de Franco.

CAIXA POSTAL

Circo

  • Varias persoas que asistiron en Compostela á representación dunha versión para teatro-circo do noso relato Arnoia, Arnoia, pídenme que escriba algo no Fondo dos Espellos sobre a presencia do circo en Galicia. "Tense publicado moita cousa sobre o circo en España, en Cataluña, en Rusia e en todo o mundo, pero é pouco o que se fixo sobre o circo en Galicia" -mándanos decer un comunicante, que tamén me pide opinión sobre Arnoia, Arnoia representado en versión circense e so a dirección teatral de Quico Cadaval. Como parte interesada non me debo exceder moito en gabar a posta en escena. Paréceme soberbia. O elenco de Pistacatro (que parece unha evocación do nome de Piscator) brilla e reborda de talento, arte, plasticidade e habelencia. A poesía e a razón cordial saen á pista e cumpren a función de admirar e arrebatar o público. Xa non digo máis nada.En canto ao circo en Galicia, compría dedicarlle unha monografía histórica. Eu só coñezo algúns traballos de Manuel Rego Nieto, sumamente interesantes que se centran no Circo Feijóo, fundado no século XIX por Secundino Feijóo, de Vilanova dos Infantes, e do cal foi moitos anos apoderado e xerente Gustavo Rego, pai de Manuel. Ignoro se o Circo Los Muchachos, de Benposta, Ourense, goza de estudos e crónicas da súa historia e se foron estudadas as traxectorias dos moitos artistas, galegos e de outras nacionalidades, que se formaron na súa escola. Iso si, Xesús Silva Méndez, o Padre Silva era sobriño neto de Secundino Feijóo. Se cadra un día consultemos o Fondo dos Espellos e saquemos á luz as orixes do Circo Feijóo, logo Circo Americano, se é que reunimos datos suficientes para compór un relato axeitado ás expectativas dos afeccionados.Hoxe, felizmente, Pistacatro, alén de producir os seus propios espectáculos, mantén en Compostela unha Escola de Circo da alta cualidade profisional, o cal me pon moi contento.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats