Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Matria e 68

En 1968, a UPG estaba dotando de novo sentido o día da Patria Galega ao mesmo tempo en Galicia que nas colectividades galegas da América

Matria e 68

No que vai de ano fomos vendo emerxer do Fondo dos nosos Espellos, e dos Espellos dos outros, acontecementos que se produciron hai medio século e que refrotan na memoria, igual que fan os cadáveres dos afogados. O ano 1968 vai broslando no seu bastidor unha historia política, da que tiñamos moitos cadros e figuras maltratados pola desmemoria. E veleiquí que a Fundación Celso Emilio Ferreiro nos fai chegar un precioso folleto: Miña Matria Galicia, resultado limpo dos obradoiros de El Gato Gris Ediciones. Sen lle deber cousa a Álvaro das Casas, en ben de aspectos figura imprescindíbel do nacionalismo galego, Celso Emilio Ferreiro bota man neste poema da verba matria, que paradoxicamente, é patrimonial e común na sentimentalidade do nacionalismo galego. Trátase dun dos textos maiores do autor de Celanova. No seu segundo verso o feminismo orixinal contamínase lucidamente de material de combate dialéctico. "Galicia é unha Matria/ unha matriz de terra e tempo?" Anos atrás, en 1964, Ferreiro titulara "Terra e Tempo" o órgano central da UPG. Sen esquencer que o programa de radio que promovera o nacionalismo en Radio Vigo por aquela feita fora titulado concomitantemente Raíz e Tempo por Xohana Torres. Voulles contar a historia de Miña Matria Galicia.

En 1968, o sector máis españolizante da comunidade galega de Bos Aires tomara o mando do Centro Gallego. Formouse daquela un movemento unificador das agrupacións e tendencias progresistas e galeguistas e de centros comarcais e entidades coma a Federación de Sociedades Galegas que consideraron necesaria a recuperación da casa grande e comunal que era o Centro Gallego. Foron principais artífices e teóricos do tal proxecto Manuel Puente e Valentín Fernández, que ao tempo se situaban na Irmandade Galega e eran do anovado Consello de Galiza. Esta Comisión Organizadora (CO) planeou e levou a cabo en 1968 as tradicionais Xornadas Patrióticas Galegas que tiñan por centro o 25 de Xullo. A CO continuou o vello costume de invitar unha grande figura da cultura galega para facer o discurso central, e outros menores, das Xornadas Patrióticas. E tiveron Valentín e Puente o acerto de chamar por Celso Emilio Ferreiro, que se encontraba xa residindo en Caracas, e militaba, como fundador e dirixente, na UPG.

Celso Emilio, o 25 de Xullo, entrou na Municipalidade de Bos Aires, onde leu un discurso sobre Pondal. Daquela o noso poeta soubo que o CO tiña pensado levar a cabo uns Xogos Froraes do Idioma Galego, fundamentados na defensa da nosa lingua e cultura condenadas a morte polo franquismo. Necesitaban, tales Xogos, dun mantedor; Celso Emilio propuxo o meu nome. Valentín Puente e os membros do CO aceptáronme sen máis. Portanto, e malia que non sexa cousa que se teña escrito, a historia é que, en 1968, a UPG estaba dotando de novo sentido o día da Patria Galega ao mesmo tempo en Galicia que nas colectividades galegas da América. Eu viaxei, pois, a Bos Aires. Integrado no CO, participei da campaña pola recuperación do Centro Gallego que presidía Ramón Mourente, na órbita da embaixada de Franco na capital arxentina. So o paraugas e pretexto dos Xogos Froraes, fixéronse mitis de masas, dictáronse conferencias e desgustáronse asados republicanos ao ar libre. Finalmente, en un dos espazos nobres de Bos Aires, agora no Salón Dourado do xa citado Consello Deliberante, celebrouse a ceremonia central dos Xogos, cunha carga ben política aínda que o presidente Onganía mandara edecáns uniformados na súa representación para investigaren o evento. Resultaron premiados Celso Emilio Ferreiro co poema Miña Matria Galicia e Xosé Sesto, tamén residente en Caracas, no premio convocado para glosar a "estirpe celta", ou sexa a nosa pulsión independentista máis ou menos confesa. Manuel María recibiu o accesit dos dous premios por senllos poemas nos que lucían algunhas das mellores lumieiras da súa corrente comprometida co pobo traballador.

No acto central e en todos os complementarios que o CO dos Xogos Froraes puxo á luz dos focos da publicidade, participaron masas entusiasticas e empeñadas en lograr o obxectivo proposto que era o do derrubamento dos corpos directivos do Centro Gallego.

Cando este cronista estaba xa de volta en Galicia, e xa fora detido, máis unha vez, pola BPS de Vigo, chegoulle unha carta de Valentín Fernández, entusiasta das corridas de touros de Noia na súa primeira mocedade. "Tivemos éxito. Ocupamos o Centro Gallego. Bríndoche este touro, post mortem". Así escribía Valentín. Pero o poema de Celso Emilio, Miña Matria Galicia, aínda coñeceu un percance. Intentouse publicalo na Colección Val de Lemos cuxo editor era Manuel María. A "consulta previa" de Fraga Iribarne destrozou o texto e, de común acordo o autor co editor, non saiu á luz. Penso que esta Matria do 68 conseguiu ocupar o seu sitio no conxunto da obra galega de Celso Emilio Ferreiro só recentemente e da man de Ramón Nicolás en Edicións Xerais, de Vigo.

Quen queira completar os seus datos sobre o asunto que hoxe abrollou do Fondo dos Espellos pode documentarse no libro Xogos Froraes do Idioma Galego que Valentín Fernández preparou para Editorial Nós de Bos Aires, 1969. Nel poden lerse, alén da Matria que ocasionou ese artigo, os poemas de Xosé Sesto e de Manuel María. Ningún dos premiados estivo presente. Foron os galardóns recibidos en delegación, por Segundo Pampillón, alcalde republicano de Mos e membro do Consello de Galiza. Actrices e actores arxentinos de orixe galega (Delia Garcés. Lita Soriano, Luis Medina Castro, Fernando Iglesias) leron moitísimo ben os poemas dos ausentes.

O xuri que premiou Celso Emilio, Sesto e Manuel María estaba constituído por VÍctor Luis Molinari, Francisco Luis Bernárdez e Juanda de Irbarbourou. Todos eles, como dicía a derradeira, "lenguas de diamante".

CAIXA POSTAL

Illa do Norte

  • Leo nun artigo de José Teo de Andrés cousas sobre as Cíes. Sobre a do Norte, a máis ocultada delas. Algún rico fixo alí refuxio no século XX. Na lenda estimulada por Castroviejo, abría as súas portas na Illa do Norte a taberna do Coxo. Don José María e os seus acompañantes viron desde a do Coxo o bergantín fantasma das Cíes, o que chegou a ter eco no Faro de Vigo. Certo que as xentes do xeito varaban para faceren as caldeiradas en certas illas, seguramente tamén na do Sul das Cíes. Fíxome Teo lembrar a Chuco, que fora vigairo ou alcalde de barrio das Cíes, dependente do concello de Vigo nos tempos da República. Asasináronlle en condicións terribeis un seu fillo, segundo contan. O certo é que os señoritos fascistas de Pontevedra e de Vigo practicaron nas Cíes a caza do mozo republicano, eles coas súas carabinas moi ben entrenadas no tiro ao prato. O Chuco que eu coñecín pasaba os invernos en Cangas. Tamén en Cangas coñecín un Pepe da Illa, patrón de altura que me contou segredos das Cíes. Falei con nativos insulares, todos de apelido Sotelo, por caso. Un perdeu a súa moza no mar, cando esta saíu por uns baixos en procura de non se sabe quen. Tamén tratei un garda forestal, nativo de Domaio, que casara nas Cíes. Era a familia, propietaria das leiras e pequenos milleirais da Cantareira. O primeiro grande incendio provocado pola repoboación forestal das Cíes foi resolto moi ben por este garda co auxilio dos acampados alí, ao tempo tan ilegais coma os araus e os mascatos de Vidal Villaverde. O alcalde non apareceu á cabeza dos que lle facía fronte ás chamas. É sempre así. A Illa do Sul é un misterio e eu desexo que as autoridades do parque nacional a fagan máis accesíbel. Porque os parques naturais e nacionais e públicos foron e son para que o ser humano os penetre e aprenda da natureza, e non terrarios para isolar especies animais ou alcoures hortícolas que perserven vexetais mal tratados. Sen a presenza humana non hai conservacionismo. O que nos leva a desexar que as Illas Cíes volvan gozar dunha poboación estábel de individuos da nosa especie.Resposta a unha carta privada de Xohana Pardavila, de Cangas.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats