Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

San Simón e o horror franquista

O nome das 2.176 víctimas do furor fascista debería ser gravado en letras de bronce, nun muro de memoria histórica levantado pola Galicia democrática na fermosa illa na que aniñou o horror

Xuntanza en San Simón en lembranza das víctimas do franquismo. // IGM

Despois do golpe de 1936, os militares converteron Galicia en territorio penitenciario, de Norte a Sul. Cubriron a nosa xeografía de cadeas ás que foron parar os cidadáns republicanos, moi especialmente os pertencentes ás centrais obreiras e aos partidos integrados no Frente Popular. Un número elevado deles foi executado, de forma regular, mediante consello de guerra, ou por decisión simple das autoridades que se rebelaran contra a República. Examinemos as prisións que funcionaron na provincia de Pontevedra.

Activáronse como prisións políticas a provincial e todas as de partido, entre as que destaca a de Vigo. Nesta cidade habilitaronse os cuarteis do Castro e o da garda civil a este fin, ademáis do Frontón (logo Cine Niza de María Berdiales). O cuartel de Figueirido converteuse en cadea. Na capital foi cadea a Escola Normal (hoxe Delegación de Educación) e tamén o baixo do Goberno Civil que enchéronse de presos. En Marín, houbo prisión no Polígono de Tiro Jaime Janer. Funcionaron destacamentos de presos traballadores nas minas de Fontao e Silleda. No Deza, como estuda Manuel Igrexas, creáronse cadeas, especialmente en Lalín, aproveitando edificios benéficos coma o Hospitalillo. O colexio dos xesuitas de Camposancos e o mosteiro de Oia transformaronse en Prisións Centrais. Só en Cangas, traballaron a pleno rendemento como cadeas directamente dependentes da Falange, unha fábrica de conservas, a de Cervera, e a chamada casa de Cheré, alén do depósito municipal. Finalmente, o Lazareto de San Simón converteuse en prisión habilitada e clasificada logo como Colonia Penitenciaria. Estas cadeas estaban gardadas por unidades militares, en algún caso por tropas marroquinas expedicionarias, ou por civis de Falange armados en escadras. As prisións centrais foron administradas internamente por funcionarios do corpo de prisións. Non fomos se cadra exhaustivos na enumeración das prisións políticas da provincia de Pontevedra. Pero si estamos seguros de que nas restantes provincias galegas a situación era parecida entre 1936 e 1945, tal e como expón Domingo Rodríguez Teijeiro en Presos e Prisións da Galicia€ (Galaxia, Vigo, 2010).

Nun primeiro tempo, enferrollaron nestas cadeas persoas da localidade e da contorna. Máis tarde, e despois de cair Asturias e Euskadi, incorporáronse presos de guerra procedentes daqueles lugares. Finalmente, foron para ás cadeas galegas máis presos de guerra que viñan de todas as provincias españolas que xa Franco e o seu exército dominaban.

Nese contexto converteuse a illa de San Simón nun lugar de sofremento e exterminio. Mau trato sanitario, ma alimentación, pésima situación hixiénica; na Illa morría moita xente a causa de doanzas. E tamén moitos presos foron fusilados, non necesariamente na illa senón de preferencia noutros lugares de execución distribuidos pola provincia de Pontevedra. O nome de San Simón foi coñecido, odiado e temido en todo o territorio español. Funcionou esta Colonia Penitenciaria até 1943. No seu libro Episodios do terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra (Xerais, Vigo, 2007), Gonzalo Amoedo e R. Gil Moure, entre outras valiosas noticias, dannos o listado oficial dos presos de San Simón: 2.176 nomes, todos de varón con indicación de idade no intre do emprisionamento, a procedencia e o oficio ou profisión. Aparecen moitos nomes coñecidos. Alcaldes e concellais galegos, coma Johán Carballeira e Cidrás Franco (de Bueu) ou Barral (do Grobe) ou Jorge Etcheverry (de Cangas). Un brillante exiliado en Buenos Aires: Xosé Núñez Búa. O noso antecesor na cadeira de Literatura no Instituto de Vigo, e xenro de Valle-Inclán, Jerónimo Toledano Cañamán. Varios médicos da mesma familia: os Poza de Pontevedra. Estes, xunto co presidente da Deputación, Adrio Barreiro. Mesmo veu parar a San Simón un escritor moi popular de Madrid: Diego San José. O preso número 1.122 é Jaime Isla Couto, cuxo nome e apelidos coinciden cos dun importante dirixente galeguista, intelectual e profesor de quen ignorabamos a circunstancia de ter sido preso en San Simón. Alén destes e outros principais, miramos na lista os nomes de centos de traballadores, galegos e traidos á Illa desde lugares moi distantes do Estado Español: descoñecidos por nosoutros. Algúns presos saíron en libertade, coma Pastor Rodríguez, o inesquencíbel socialista vigués. Outros foron asasinados, como lle aconteceu a Abraham Zbarski, médico odontólogo de orixe xudea e rusa a quen non reivindica o pro-sionismo vixente en Galicia. O nome destas 2.176 víctimas do furor fascista debería ser gravado en letras de bronce, nun muro de memoria histórica levantado pola Galicia democrática na fermosa illa na que aniñou o horror.

CAIXA POSTAL

Ao Fondo dos Espellos

  • "De pequena oín en Ourense a historia de que un barco cargado con falanxistas que ían matar a alguén no Lazareto de San Simón se foi a pique, morrendo os seus ocupantes. Meu avó, que era quen mo contaba, díxome que se correra a voz de que aquelo fora un atentado do maquis en represalia polos crimes cometidos alí naquela illa. Podía o Fondo dos Espellos tratar deste tema, que me parece un episodio de película? Moi atentamente"Vanessa Rodríguez SueiroA Loña (Ourense)Efectivamente un barco cargado de falanxistas afundiu diante da Illa de San Simón e non sei se morreron todos ou case todos os que viaxaban nel. Desde logo non ían matar a ninguén porque xa pasara o tempo dos "paseos" e do que na cidade de Vanessa chamaban "ir ás claudias". Ou sexa: asasinar xente republicana sen formación de causa nin xuízo. Eu nunca souben se aquel episodio foi un accidente ou se produciu a causa dun atentado. En todo caso, no Fondo dos Espellos do sábado que vén, temos mentes de fechar este noso ciclo dedicado á Illa de San Simón e será aí cando examinemos o suceso ao que se refere a nosa comunicante.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats