Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Lazareto e miseria de home

Taboada Leal orientou os poderes políticos á Illa de San Simón como espacio ideal de tal institución sanitaria

Unha imaxe da Illa de San Simón. // J. Martínez

No século XIX San Simón cocía na pía da súa memoranza o rigor da perfección lírica, a fantasía dos tesouros afundidos, a danza macabra das máis espantosas doenzas do humano que podrece en vida. Entre nós, o cólera morbo asiático de 1833 matara e metera medo a mazo. Dotado de elocuencia, Nicolás Taboada Leal (1798-1883) atendeu coma médico as poboacións da ría de Vigo e converteuse no ideólogo dun lazareto na Illa de San Simón. "La Naturaleza lo colocó allí" - escribiu esgrimindo o florete dun determinismo positivista presentido.

Velaí a verba carregada de horrores: lazareto. Ela aparece nos estados europeos adaptada ás diversas linguas. E procede do hospital de Santa María di Nazaret que estivo nunha illa véneta non lonxe da Lido. Esta que digo non debe ser confundida coa igrexa moderna do mesmo nome que aínda se ergue en Venecia. A illa hospital de que lles falo pódese visitar e leva hogano o nome de Lazzaretto Vecchio. De aí vén a idea paneuropea e a noción de lazareto.

Lazzaretto sería corrupción de Nazaret, debido a que en italiano e noutras linguas lazzaro cobrou o valor de mendigo, infectado de pestes varias, chagado con miseria de home, ou pestilente. No Novo Testamento houbo dous Lázaro (nome arameo). Un mostra o menosprezo de Xesús pola caste dos ricos e o amor del polos desvalidos. Este Lázaro (probe, probe) tiña o corpo coberto de chagas que os cans, caritativos, lambían. San Lázaro de Compostela naceu coma hospital de lazrados e como leprosería.

A semellanza de Venecia, no século XV, noutras illas establecéronse lazaretos. Cando se pensou, no XIX, nun lugar idóneo para crear un lazareto na costa atlántica do norte de España, xurdiron as candidaturas das Sisargas, as Baionas, Tambo, entre outras illas nosas. Nun valioso artigo de Meixide Pardo, disto somos informados. Sempre se nos confirma a impresión de que a pertinencia e autoridade de Taboada Leal orientou os poderes políticos á Illa de San Simón como espacio ideal de tal institución sanitaria.

No século XIX o concepto de lazareto especialízase como "lugar retirado (insular, de preferencia) no que facer cuarentena os viaxeiros e mercadorías que procedan de paraxes onde existan focos de infección humana". Ao Bienio Progresista de España, que Marx analizara minuciosamente sobre os acontecementos revolucionarios e case día a día, débeselle a excelente "ley de Sanidad" de 28 de novembro de 1855, modificada en 1866, nos "amenes isabelinos" que Valle-Inclán imortalizou en El Ruedo Ibérico. Diferéncianse nesas leis dous xéneros de lazaretos: os sucios e os de observación. Os primeiros acollían os doentes máis contaxiosos e, os segundos, limitábanse á practica da que sería axiña chamada "inspección de sanidad exterior". San Simón foi "lazareto sucio" xunto con outros catro de titularidade pública española. Durante un tempo funcionaron en Galicia os lazaretos de Oza, Coruña, e mais o de Tambo, este na ría de Marín.

Precisa o historiador Jorge Guitián que o lazareto de San Simón foi creado por RO de 12 de agosto de 1837, ano do nacemento de Rosalía de Castro. As obras arrancarían no 38 e a institución comezaría a desempeñarse en plenitude en 1842. Desaparecería en 1927. Resalta o doutor Guitián a importancia do noso Lazareto nas xornadas de recepción dos soldados que, vencidos e doentes, eran repatriados da guerra de Cuba en 1898. Tamén Valle-Inclán se fixo cargo destas pantasmas en estado de demolición humana, humillados a dobre partida polo goberno "patriotero" español e polo poderío imperialista emerxente dos EE UU.

Vanse esvaecer da memoria colectiva, pero eu aínda ouvín contar estorias novelescas dos tempos do lazareto. Por caso, a da muller do alcalde e dos seus amores co xove oficial dun clipper inglés, se cadra aquel que levaba a moza Cutty Shark do poema de Burns coma máscara de proa. Ou o episodio do famoso intento de envelenamento do cal fora executante, logo enviado á cadea de Ceuta, o director médico do centro en vinganza exercida contra un escribinte oficial da institución; e iso derivado dunha "amitier particuliére" que figurou no sumario coma "vicio sodomita". Mesmo sonaron casos de trasfego de opio e ron nos que apareceron implicados individuos de Santo Adrán de Cobres, un sarxento de Carabineiros e o franciscano de San Vicente de Vigo que exercía de capelán, no lazareto de San Simón.

En todo caso faremos agora mención dunhas das personaxes avatar de La Saga/Fuga de J.B. (novela labiríntica de Torrente Ballester) que garda no relato un parecido notábel co Carballo Calero real, e que sofriu (o de Torrente), duro cárcere franquista en San Simón. Desoutra evolución da Illa de San Simón trataremos decontado.

Compartir el artículo

stats