Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A novela diferente sobre a emigración galega

Xavier Alcalá narra a historia de Alfredo Mosquera, O Coghomelo, "emigrante, xogador, contrabandista e delicuente no Bos Aires de 1930"

The Making of - Xavier Alcalá - Galaxia, 496 páxinas

A epopeia da emigración galega aínda non está escrita. Fíxeronse intentos, pero queda moito por contar, por novelar. Non pode ser que tanta experiencia de vida onde se mixturan fundadores de estados, de grandes firmas empresariais, de sociedades benéficas que foron exemplos para outros estean no anonimato silencioso cando deberían de berrar por sí solos. Esa experiencia, en cambio, e ben explotada polos xudeos fundadores dos grandes estudios do cinema norteamericano, autores de guións sinxelos, El nacimiento de una nación (1915) de , D.W. Griffith onde se explora a supremacía blanca sobre os negros ou Centauros del desierto (1956) de John Ford onde se expoñen valores ligados ao racismo e o odio desde a perspectiva dun perdedor da guerra de secesión que interpreta John Wayne que anda a procura da súa sobriña, Natalie Wood, roubada polos indios. Fálase do valor, pero tamén dunha terra conquistada, polo tanto non propia, onde ós seus donos se lles mata ou se confiren nunha reserva como se fosen gando.

Os galegos non somos así. Pelexamos nas duas Patagonias, pero respectamos ao indio patagón e incluso o defendemos contra do escocés invasor, propietario de ovellas que acabaría facéndose dono duns prados que non eran os deles e do petróleo e da mica, mineral abudantísimo que os exércitos aliados procuraban; o mesmo que os nazis. Dalí, da Patagonia arxentina saiu o Tercio de Galegos ou batallón de voluntarios galegos (1806), fundado polo pontevedrés Pedro Cerviño, quen tamén crea a primeira escola naval dese novo país, que defende en duas ocasións a cidade de Bos Aíres contra a invasión dos británicos. Mágoa que no noso pequeno país non se construiran estudios de cinema!.

Ven todo isto pola saída da nova novela de Xavier Alcalá, The Making of editada por Galaxia que narra a historia de Alfredo Mosquera, O Coghomelo, "emigrante, xogador, contrabandista e delincuente no Bos Aires do 1930". É esta unha obra diferente as realizadas ata o de agora polo autor quen xa tocara a emigración desde outras expectativas, véxase Verde Oliva, que fala da revolución cubana. Ofrece unha visión distinta sobre da emigración galega cara Arxentina que ben pode server como referencia a outros países ós que fumos procurar traballo e progreso. A traveso de Alfredo Mosquera, protagonista indiscutible, desenvolve a mirada sobre unha Galicia pobre e malferida e un Bos Aires cheo de enerxía e en completa transformación.

Galicia na Patagonia.

O autor sitúa ao Coghomelo nun Comodoro Ribadavia no intre das perforacións petrolíferas habitado por nazis-alemáns, polacos, británicos, ingleses, xudeos e galegos de Ribeira, Aguiño, Ferrol, etc. Non se extranen si encontran a un Ciprián Rivas como persoeiro que dirixe un comedor para obreiros naqueles campos de explotacións petrolíferas.

Alcalá, manexa moita información cada vez que enfoca unha obra. O exercicio para acadar esta pode demorar anos e a súa clasificación sempre representa unha tarefa laboriosa. Neste caso sérvese de Manuel Antonio Rey Flórez, "Cholo Rey", tristemente finado fai uns días que chegou a tempo para ver publicada a novela. Fáiselle, así, por esta obra unha homenaxe a este galego, bó e xeneroso, inmenso coñecedor de Arxentina e da Patagonia, en concreto, que casou con Juana Fernández, filla dun emigrante de Carreira (Santa Uxía de Ribeira), profesora de matemáticas da Universidade da Patagonia. Exerceu como técnico en centrais eléctricas, pero levaba o xornalismo no sangue e o práctica desde a radio. Perseguido polas súas ideas políticas, o mesmo que seu pai, vese obrigado a deixar España. Funda o PSOE en Comodoro Ribadavia e exerce como secretario do consello de residentes españois (CRE). Homes coma el lémbrannos un pasado que moitos queren esquecer: o da persecución polas ideas.

A habilidade do inxeñeiro-escritor ferrolán para situar Galicia en calquera espazo é inmensa. Estamos na década dos 30 do pasado século nunha cidade que estáse a construir con habitantes das partes máis recónditas do mundo e el procura que nesa contorna se comprobe que a nosa lingua, os nosos anceios, debilidades se internacionalicen á mesma altura que o polaco, inglés ou alemán.

Xogo, crime, engano, prostitución, guerra incivil española, segunda guerra mundial, asentamento dos nazis escapados na Patagonia, espionaxe e sexo son os elementos que converten a esta novela nun gran guión para un filme. Alcalá sempre tivo unha idea purificada do sexo ata chegar aquí onde descubre ao lector a perda de pudor para gañar certo toque de libertinaxe a traveso da "casa de la tolerancia", unha especie de tapadillo cos prezos dos servicios que alí se ofertan ao vello estilo da Francia que fuxe cara as colonias.

A lectura sosegada desta novela fará que o verán sexa máis refrescante e poidamos ter unha visión diferente na que os protagonistas adoptan un perfil distinto ao que se lle supón a un emigrante que busca o seu futuro fóra do país.

Compartir el artículo

stats