Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Incendiado o mar de San Simón: a desfeita de 1702

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Lembramos dúas evocacións literarias da batalla naval de Rande que, fronte á Illa de San Simón, compuxo os seus fogos, fraguou as súas lendas e acumulou os números negros da matanza e das perdas. Fora o 23 e 24 de Outono de 1702. Un dos relatos débese á ben cortada pluma de Anselmo Feixóo Montenegro, ao cal o capitán xeneral de Galicia Príncipe de Barbanzón, tivo reducido nos castelos de Vigo coa tropa do baixo Arnoia que mandaba, mentres o mar ardía onda San Simón. No seu poema "Pranto da Frota, por unha Ninfa galega", o irmán vinculeiro do P. Feixóo fixo unha pintura, a modo das irisacións de Turner, da batalla naval de Rande: "Mirei as naves arder,/ vin volto en volcán o mar,/ lume na auga encender,/ homes no aire correr,/ leños no fogo nadar€" Un segundo e ilustrísimo autor que prestou atención á batalla de Rande foi Jules Verne en Vingt mille lieues sous les mers, obra á cal lle daremos entrada no Fondo dos Espellos ao chegar a hora de o facer.

Unha cadea cos calóns amarrados nos fortes de Rande e Corbeira de Cobres, impedía a navegación chegando ao estreito. A cadea foi rota cos esporóns de proa das naves da escadra angloholandesa que comandaba George Rooke so a autoridade do almirante James Butler, duque de Ormonde, un traidor protestante e orixinario de Irlanda que foi lucido nas crónicas británicas do tempo. A cadea do estreito de Rande cascou igual ca a cadea do Guadalquivir o fora a impulso da proa da nau de Gómez Chariño na tomada de Sevilla no século XIII. Das cadeas da bandeira de Navarra non é cousa falar agora.

Escribe así Anselmo Feixóo Montenegro: "Vin forzada a cadea feita pezas€,/ ela era ben fabricada,/ mais ha de ser ben dobrada/ porta que garda riquezas." Pensaban o marqués de Château-Renault, e mais o comandante español Velasco Tejada, que os tesouros americanos da "Escuadra de la Plata" ían estar ben cobexados na enseada de San Simón e protexidos pola cadea Corbeira, Rande. Pero non foi así, e a Historia, facendo vencedores os ingleses cos seus aliados, mudou o rumbo das políticas de Europa e América. Acolá, onda a Illa de San Simón. A memoranza británica de Rande concéntrase nunha ruela de Londres, Vigo Street, que parte da soberbia Regent Street e logo perde o seu nome. A batalla da enseada de San Simón diulle nome a esta rúa e tamén a varios buques de guerra que cruzaron os mares como HSM Vigo. Vigo Street comezaba cunha tenda da tapates asiáticos, seguía cun taller de xastrería á medida, e terminaba, todo isto na miña mocedade londinense, nun bon salón de té. Pero, daquela, a estrela e lugar principal da rúa que nos recordaba a nós na capital imperial, era o Vigo Bar, que non sei se seguirá de portas abertas no entrechán ao que se accedía por unhas esqueiras máis ben estreitas. Lugares, todos eles, moi adecuados para reler os versos do capitán Anselmo Feixóo Montenegro, Morgado da Granxa do mato, pé da vila de Allariz: "€deixenme chorar sin fin/ desgracias en que nacín/ na lengua en que me criei€"

Se calla, a batalla de Rande represente o antecedente principal da de Trafaltar, que converteu Inglaterra na raíña dos mares do mundo. En todo caso, no ano 1702 Galicia camiñaba cara a súa extinción política. E non lle forneceu ao acontecemento outra cousa que a paisaxe e o escenario de guerra naval; alén de mortos. Tamén estranxeiros e nacionais de catro estados deixaron en Rande e na ría de Vigo as súas vidas. Entre Rande e Trafaltar media máis dun século. Entre a perruca rizada de James Butler e o chapeu de tres bicos de Horatio Nelson escorren nas ondas dos derradeiros tempos da Idade Moderna e os albores da Contemporanea.

Sempre aí, a Illa de San Simón, nimbada de morte e beleza, foi testemuña silente da batalla de Rande. As doas de norte e dor seguían en 1702 a correr entre os dedos do Destino. Atrás que ficaban as sombras dos eremitas confinados nas epeluncas da Illa. Logo foi o amor e a norte, co Psalmista ao fondo, nos eros estremecedores de Meendiño. A Historia e a Guerra mundializadas e feroces, fixeron irrupción na enseada e a dor por tanta mortandade acochou unha lenda de tesouros colosais que chega aos nosos días.

CAIXA POSTAL

Os suevos e a nosa toponimia

  • Ó fío dos artigos publicados por Vd. Sobre suevos non podo sustraerme e facer unha mención de Beade€ Para o profesor Landero Quesada, "Beade, continuum histórico", a partir da premisa de E. Portela e C. Pallares: "O século VII non supuxo unha ruptura do proceso histórico de Galicia". E un dos factores explicativos era a antroponimia e a toponimia. Hai anos, nesta mesma sección explicaba os nomes dos possessores Anvaldus (apelido Abalde) e Beatus (Fundus Beati). E no lugar de Saa atoparon un capitel suevo hoxe exposto no museo de Pontevedra (€) Mencionar, seguindo a Óscar García Muñoz, o papel dos possessores na difusión do cristianismo. Remato apuntando a reivindicación de Portugal, da súa reivindicación do Reino Suevo e a súa cristianización máis cedo. Bernardo de Brito asociaba Portugal e Galicia, non cos visigodos, senón cos suevos (contexto da Restauración). Un saúdo.Esther Leirós DavilaBeade (Vigo)A concentración, na parte máis interna da Gallaecia, dun tipo de nomes de lugar procedentes de nomes personales xermánicos e latinos en xenitivo (TAXX e TALX) levaba xa a Rafael Lapesa a pensar na orixe sueva do fenómeno. Por que en Toledo, capital visigoda, non se dan tales antropotoponismos? Teñen que ser anteriores á extinción do xenitivo latino, o que nos aconsella levar a súa orixe a antes de 711 e, mesmo, a antes de 585. Uns teñen como referencia un possessor de nome xermánico: Villa ou Fundus Marcosendi convertiríase no Marcosende onde radica a Universidade de Vigo. Pero tamén hai antropotoponismos derivados un possessor de nome latino. Velaí Beade (de Villa Beati) onde nos escribe Esther Leirós Davila. En todo caso hai outros Beade, idénticos, en Galicia e Noroeste do actual Portugal. A coexistencia de antropotopónimos deste tipo, de orixe xermánica e de orixe latina, pode considerarse unha proba de que na etnoxénese galega confluiron as gallas sueva e galicorromana durante o reino independente suevo, e durante a supeditación do reino suevo de Gallaecia á monarquía toledá. En canto a Bernardo de Brito (1568-1617), cuxa obra non teño agora ao alcance da man, penso que o seu "nacionalismo máxico" levouno a identificar o Reino Suevo, non coa Gallaecia, Galiza, Galiza, senón cunha "monarchia lusitana" da que Hermerico sería o fundador.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de Vigo /Policarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats