Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

A Illa de San Simón nos días de Francis Drake

Francis Drake

Houbo un tempo no que a Galicia litoral tremía co medo ao Inglés, ao Dragón, ao Drake. Despregábase a escadra herexe en arco, nau almirante no medio coa bandeira da cruz de San Xurxo a flambear no boprés, e a xente corría a gorecerse ao monte, aos megalitos. Francis Drake, no castelo de mando, era unha bola musculosa, cabeza redonda e ollos de mascato, que sempre fixera contrapunto en Londres á estilística xestual e danzante do infeliz Walter Raleigh ou Raleg. Daquela, era a guerra de Filipe II e Sabela de Inglaterra que nin lle ía nin lle portiña á Galicia nacional-popular.

A frota de Drake dedicouse a hostilizar Galicia na segunda metade do século XVI. Habilísimo na derrota e audaz nos desembarcos, o comandante fixo sentir o peso do seu poder en Baiona e en Vigo. Diego Sarmento da Cuña, quen sería conde de Gondomar, iniciou a súa longa relación con Inglaterra auxiliando Vigo cunha nutrida tropa do Baixo Miño e Val Miñor. Seica Drake entrou polo mar ártabro con 200 barcos e 20.000 homes, dos cales desembarcaría 5.000 ao mando do temíbel Henry Norris. A Coruña aínda era un penedo fortificado ao modo medieval, tal coma a miramos no Roman de Ponthus: Daquela, a figura de Mor da Cámara Pita, ou María Pita, ergueuse entre as labaradas da cidade resistente e foi terminar nos versos de Lorenzo Varela e no album de Seoane: "María das batallas,/ levareiche unha frol por cada bala". María Pita parece, na historia e na lenda, unha das belas mulleres armadas que saen no Orlando de Ludovico Ariosto.

Afírmase que Francis Drake entrou á enseada de San Simón e roubou e queimou un convento franciscano que alí había. O cal se contradí con outro relato segundo o cal, Diego Sarmiento da Cuña, embaixador do rei Filipe na corte inglesa de Xácome I, levaría, con permiso deste, os restos mortais de Santo Thomas Mansfield por lles dar sepultura no citado mosteiro da Illa de San Simón, acentuando a imaxe lúgubre do sitio. Posteriormente (continúa o conto a decer) os ósos de Mansfield irían parar á capela do pazo de Gondomar, onde diz que se encontran. Segundo certos autores, Thomas Mansfield foi un católico inglés enforcado en Londres. No Fondo dos Espellos non temos por moi seguros estes feitos xa que Thomas Mansfield ningún figura nin na Encyclopaedia Britanninica nin mesmo no Santoral Católico Romano. Hai quen pensa que as historias de Santo Thomas More e de Santo Thomas Becket se fundiron na lenda para colocar un Santo Thomas Mansfield na Illa de San Simón á maior gloria do conde de Gondomar.

En todo caso, a presenza de Galicia, a causa da figura de Diego Sarmiento da Cuña é importante na Inglaterra do século XVI. Lois Tobío ocúpase con detalle da intriga que Gondomar montou en Londres co fin de mandar ao patíbulo sir Walter Raleigh, favorito da raíña Elizabeth Iª. Queda moita memoria na Torre de Londres de Raleigh alí preso. Acordámonos dun corvo (ou gralla) pousado na fiestra da cela de Raleigh a ollar impertinente para nós. Coma se nos recoñecese (na memoria da súa especie eternizada na Torre) membros da castimonia do Diego Sarmiento da Cuña que conseguira a caída e morte de Raleigh. Ben puido ser indultado o xentil amigo de Sabela, aínda que só fose por el introducir as patacas e o tabaco en Europa!

Na fin do século XVI, a Illa de San Simón incrementou, coa presenza de Drake, a súa lenda mortuoria. Ao dito podiamos engadir outra narrativa, neste caso tamén improbábel. Cóntase que, espaventados e horrorizados o cabido e mitra de Compostela pola presenza do Dragón herexe, retiraron da catedral compostelana os restos humanos que se consideraban ser os do Apóstolo Santiago. Como xa fixera S. Pedro Mezonzo, a igrexa compostelana fixo desaparecer o cadavre apostólico e agachouno nun lugar seguro, do que non hai constancia certa. O lugar onde se ocultaron as cinzas ditas de Santiago sería a Illa de San Simón ou Simión. En todo caso, e esta é verdade histórica, no século XIX e en tempos de López Ferreiro e do Cardeal Payá, ninguén lembraba o lugar onde xacían os chamados restos de Santiago. Perdéranse nalgún punto ignoto de Galicia. O clero achou un sepulcro romano adecuado e o papa de Roma falou certificando a atribución. Estarán hoxe os presuntos ósos perdidos do Apóstolo Santiago máis perdidos ca nunca nunha canicouba atuída da Illa de San Simón?

Nos anos e séculos posteriores a Francis Drake, ao fantasmal Thomas Mansfield, á ocultación do sartego de Santiago, a Illa de San Simón, ou Simión, seguirá sendo, até os nosos días, un lugar no que a poesía e a dor, a lenda e a historia, a beleza e o horror criminal se enlacen e confundan sen acougo.

CAIXA POSTAL

Froitoso como pretexto

  • Na entrega denanterior do Fondo dos Espellos apareceu publicado, como século no que floriu San Froitoso, o XII. Erro de transmisión escrita, e só a nós debido. Fructuoso, ou Froitoso, ou mesmo Freitoso, de Montelios, ou Montelhos, ou Braga, non viviu no século XII. Aproveitamos a ocasión de rectificar a gralla, que din os portugueses, para aclarar o seguinte. Aínda non sendo Froitoso santo vaticanamente vixente en plenitude gloriosa, é figura moi mentada na historia eclesiástica de Gallaecia. Soe insistirse en que naceu no Bierzo, ou Berzo, e que era de familia visigoda. En realidade deberiamos, criticamente, supór que nacería dunha familia galaicosueva, en época na que o reino suevo de Gallaecia se encontraba dominado por Toledo e os godos aínda que gozase dunha independencia da que falan a numismática, o historiador salmantino Pablo C. Díaz e multitude de documentos e interpretacións. Véxase se non. Froitoso levantou o templo de Montelios, alfaia da arquitectura prerrománica que pode ser visitado nun arrabaldo de Braga. Alí verán, se van, citas arquitectónicas que nos remiten, inequívocas, ao mausoleo de Gala Placidia en Ravenna. Como seguramente non ignoran, a política dos derradeiros reis suevos de Gallaecia estivo, no dominio internacional, dirixida a apoiar os bizantinos contra os visigodos no esforzo de aqueles por recompoñer o Imperio Romano de Occidente. Así os suevos de Gallaecia estiveron facendo corpo cos Burgundos e cos Francos. De ahí que os suevos adoptasen o catolicismo instrumental contra o arrianismo dos visigodos de Toledo e Galia Sul. Por parte, o máximo axente político dos reis suevos finais para levar a cabo esta política pro-bizantina non foi outro que o bispo Martiño Dumiense ou de Dume, que coido que tamén foi banido (ou sexa expulsado) do santoral romano vixente. E que título de prestixio usou Froitoso en vida? O de Bispo de Dume ou Dumio. E onde se ergue o templo de San Froitoso de Montelios? Na freguesía actual de S. Jerónimo Real, ao pé de Braga e contigua a Dume ou Dumio. Naceu Froitoso, segundo din, en 561. Máis tarde o arcebispo Xelmírez, tan querido polos galeguistas, roubou o seu corpo (ano 1202) e arramplou con el para a arquidiocese do Norte. Tamén é verdade que outro arcebispo compostelán, Fernando Quiroga Palacios, lle devolveu a Braga a metade do corpo de San Froitoso no ano 1966. Gallaecia, pois, resistese a desaparecer. No Fondo dos Espelllos apoiamos esta tendencia.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats